Tensións na natureza
TRASLADA Christian Villamide ao seu proxecto artístico a permanente tensión entre o ser humano e a natureza que, nos últimos tempos, viu como medrou de xeito exponencial esa dinámica ancorada nun estrés que amosa terribles consecuencias para a nosa contorna natural.
A arte, a súa capacidade para suxerir imaxes e reflexións, xunto ás capacidades de Christian Villamide para xerar unha serie de discursos plásticos cheos de posibilidades visuais e de conceptos profundos nunhas pezas aparentemente sinxelas, é un excelente territorio para activar o pensamento do espectador na procura dunha tentativa íntima para que esa condensación contemplativa das súas obras, permita abrir un escenario máis amplo sobre cal é a nosa relación actual coa natureza e como actúa esa pegada egoísta sobre ela na nosa actual realidade vital.
A galería Néboa acolle ata o fin de maio este conxunto de pezas que propón un novo horizonte, convertendo «a arte nun soporte para o cuestionamento», como afirma a comisaria da mostra, Paula Cabaleiro. Christian Villamide neste Cando a paisaxe se fixo verba, entra de cheo nesa tensión, establecendo unha serie de miradas fragmentarias cara a paisaxe, reinterpretando e xerando unha paisaxe propia, que xorde da ruína, da fraxilidade, da nosa autoconstrución desa mirada que perdeu ao longo do tempo aquela ollada que a arte, dende o Romanticismo, configurou como un pano idílico con que relacionarnos sendo, na actualidade, un testemuño da nosa capacidade para a súa perversión.
A partir do emprego de diferentes materiais, moitos deles cun valor propio, cheo de significados que se poñen en relación en canto pasan a formar parte dunha peza e dun discurso, as pezas de Christian Villamide fan que emerxa un novo escenario que racionaliza esa natureza e que ademais de amosar a súa fraxilidade tamén xoga a constatar unha potencia que o artista é quen de propoñer dende esa acumulación de elementos que fan que a natureza se identifique, de novo, dende unha nova identidade, e se nos fixamos nalgunhas obras, como esas espectaculares cordilleiras creadas coa suma de anacos de minerais ou madeiras, veremos cómo ese acotar a realidade énchese dunha contundencia que como poucas veces a través da representación da paisaxe, activa en nós un proceso de construción cultural da paisaxe que dende as nosas urbes adoitamos esquecer ou, cando menos, é máis complexo de establecer dunha maneira comprometida.
Eses refugallos, froito da nosa actividade industrial e especulativa a partir da extracción de materias primas que nos entrega a propia natureza, convértense en altofalantes desa dinámica de tensións que ao longo dos séculos home e paisaxe estableceron e que nos últimos tempos decantouse de maneira frenética nunha explotación de recursos, devastación de determinados contextos, negación das consecuencias do cambio climático e, daquela, facendo desa relación unha pemanente sumisión da contorna aos nosos desexos e necesidades —moitas delas superfluas—, establecendo unha maneira de habitar o mundo que, finalmente, vai mesmo contra nós e o que poderiamos acadar se conseguísemos igualar esas dinámicas establecidas agora nun indiscutible desequilibrio.
Se en exposicións anteriores no CGAC ou na Fundación RAC o artista lugués xa nos sorprendía na articulación do seu discurso contestatario, cada vez máis depurado na súa proposta formal e agochando, ao tempo, máis intencionalidades, todas estas pezas camiñan nesa mesma dirección entendida xa como un proxecto artístico, a dun traballo cada vez máis maduro, confiado e firme nas súas pretensións e que agora se acompaña tamén coa publicación do libro de artista Quisiera ser selva, intransitable, incógnita... no que esa reflexión visual e mesmo poética atopa un novo acubillo para esa terra burocratizada na colección Fueradcarta dirixida polos tamén artistas, Patricia Mateo e José Luis López Moral.