Blog | O Cabaret Voltaire

A vida sexual de Alfonso Daniel R. C.

As miñas expectativas sobre a vida sexual de Alfonso Daniel R. C. eran tan elevadas que as revelacións de Miguel Anxo Seixas empúxaronme a unha incredulidade sobre o persoeiro que se me fai esforzado remontar.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
photo_camera Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

SABER QUE Julio Cortázar non morreu de leucemia non me supuxo un decaimiento tan pesado como saber que Castelao non morreu de sífile. Teño lido de esguello a Cortázar: uns contos de El perseguidor na vella e amable colección de Seix Barral, unha publicación exenta de La autopista del sur... Nada que me conmovese tanto como os santos que debuxou Castelao en Cincoenta homes por dez reás, na emocionante edición de Galaxia que andaba na casa polo amor ao galeguismo do meu pai.

O escritor galego Leonardo del Río asegura que Cristina Peri Rosi lle revelou que Cortázar finou de sida por mor dunha tranfusión de sangue que non se limpara con Pedramol, o hixienenizante da nosa infancia. Farei dúas consideracións: A primeira é que Leonardo protagoniza El libro de los adioses (Espasa), a última novela de Ramón Pernas (Viveiro, 1952), polo que é unha ficción. A segunda, que o único relevante no ámbito sentimental que acertou a facer o contista arxentino foi casar con Aurora Bernárdez, filla de galegos. Abandonouna por unha lituana. Xa me dirá vostede que interese pode ter Lituania alén de elaborar o kummel que importabamos polo porto de Ribadeo no século XIX. Na vila mariñá démoslle altos voos a esa bebida embriagadora creando unha receita a base de pato da nosa ría, aínda que Cunqueiro certifica que ningún cociñeiro ribadense elevaba tanto ese asado como o cura de Duarría, no corazón plano da Terra Chá. Non lonxe está agora o aeródromo de Rozas.

Cortázar nunca esqueceu a súa cidade querida por moito que nacera en Bélxica. Estando en París, no verán de 1953, os amigos regaláronlle un tocadiscos pequeno e varios singles de Carlos Gardel. Polas noites escoitaba Trottoirs de Buenos Aires e bebía mate mentres escribía relatos como Torito.

O outro día estaba sentado nos Ancares, que é como a miña muller chama á mesa de traballo que teño a casa porque está ocupada por "montañas de libros", o que me impide traballar nela. Apareceume a miña filla con inocencia, mirou unha pía e preguntou:

–Estás lendo a vida sexual de Castelao?

Entre o montón de obras asentara La vida sexual de Catherine M. (Anagrama). Lera Celos da francesa Catherine Millet con entrega e sentía curiosidade. O asunto é que ocultei torpemente ese título e Sara soamente viu unha parte. Ese pudor cara ao sexo que padezo ten a súa orixe en que nacín en 1965, xusto cando rematou o Concilio Vaticano II. Ese congreso axudou aos crentes a reconciliar a fe coa súa natureza humana.

Con ese ambiente lunfardo que se creaba Cortázar no exilio imaxinaba eu o Castelao que acabara morrendo de sífile

Miguel Anxo Seixas conta en Castelao. Construtor da nación (Galaxia) a causa certa da morte do noso mito maior en 1950. "Tratárono como se fose sifilítico, el mesmo pensou que tiña sífile... ata que chega a Moscova e o médico dille: Pero se ten vostede tuberculose!". Con ese ambiente lunfardo que se creaba Cortázar no exilio imaxinaba eu o Castelao que acabara morrendo de sífile. Escoitando a un novísimo Óscar Pugliese ou a un maduro Julio de Caro nos bares máis penumbrosos e estreitos de cantos se asomaban ao Río de la Plata. O consolo que me queda é que Alfonso Daniel non se estranara cando lle dixeron que padecía unha enfermidade venérea.

Mesmo non sería extraordinario que un dos nosos escritores cantase tangos. Gonzalo Torrente Ballester era un afeccionado pertinaz. O tango chegou pronto a Galicia. Había unha conexión portuaria directa por Vigo, pero Vigo non quere parcerse a Buenos Aires, senón a Barcelona. O editor Manuel Bragado colleu un taxi en 2001 na cidade procesual e queixouse das continuas e perpetuas reformas urbanísticas que asolaban as rúas. Lonxe de estar resentido, o chófer argumentoulle:

–Afortunadamente llevamos diez años de obras.

O exdirector de Xerais solicita esa mentalidade en Vigo, puro milagre, unha recompilación dos seus artigos no Faro, onde Cunqueiro foi estrafalario responsable. Bragado reclama esa ambición para superar a oscilación entre o espírito Siboney e o espírito Pedramol no que considera que está atrapada a nosa metrópole.

Siboney era a raza dos tranvías belgas que corrían entre Caños e Bouzas. O columnista relaciónaos coa canción de Ernesto Lecuona: "Siboney, si no vienes/ me moriré de amor". Morrer de amor é máis postconciliar que morrer de sida ou de sífile. Pedramol (Pedra branda) era "aquel produto humildísimo e popular, que mesturado con auga e fíos de esparto proporcionaba aos ferros da cociña penetrante dozura da limpeza", apunta Bragado. Siboney vén representar a morriña polo desaparecido e Pedramol, a ambición polo posible.

Esa teima que apreta os vigueses de parecerse a Nova York —ou, máis pragmaticamente, a Barcelona— está errada. Unha cidade que ten sona por fabricar libros de Galaxia dende 1950 e coches Dous Cabalos dende 1958 debería aspirar a que houbese gabarras para xantar no Lagares, coma hai en París.

García Lorca foi outro mito literario falecido antes de tempo por un tiro de bala fulminante que lle contaxiou un falanxista

Retomo El libro de los adioses. Ramón Pernas pon a cantar tangos a Torrente Ballester, Carmen Martín Gaite e Leonardo del Río na quinta que o primeiro tiña en A Ramallosa. Gaña Leonardo. Está contento, pero non reprime a súa consideración sobre a literatura de García Lorca, outro mito literario falecido antes de tempo por un tiro de bala fulminante que lle contaxiou un falanxista. "De no haber muerto, compondría unha poesía amanerada e estéril, viciada desde el inicio, igual que su teatro; que era estrictamente andaluz y antropólico".

Coñecida a opinión de Leonardo sobre Lorca, boto en falta saber que pensaba da nosa amazona nacional, Rosalía de Castro. A fundación da poeta abriu unha subscrición para reducir a dependencia das institucións. Anxo Angueira xa a rebaixou ao 59%, o que é encomiable tal e como nos movemos neste país.

—A cultura galega debe empezar a falar de cartos e depender menos —dicíame onte unha xornalista.

Cesáreo González tiña un oído preciso para escoitar falar o diñeiro. En 1940 fundou a produtora de cine Suevia Films en Vigo. Sete anos máis tarde creou unha produtora. Todo o cinema que se viu en España durante 28 anos pertencíalle. Erizou a pel sexual da platea con Sara Montiel, Carmen Sevilla ou Lola Flores. Foi a pantalla brillando na longa noite de pedra.

Resultábame un personaxe desagradable por ser un falanxista de primeira hora  —conspirador de camisa azul contra a República, no café vigués Savoy—, e por folklorizar Galicia ata o ridículo con Xan das Bolas. Non me gustaba por moito que sabía tamén que financiara sospeitosos directores, como Juan Antonio Bardem ou Berlanga.

Bragado fascíname contando no seu libro que Cesáreo organizara no temprano ano de 1946 un concurso de guións "para facer a auténtica película de Galicia". A maiores, "convidara a Ramón Otero Pedrayo a escribir un guión destinado a filmar unha película con motivo do Ano Santo de 1954". Non dou imaxinado a Otero sintetizando a súa prosa desmedida nun guión, pero quedo coa intención de Cesáreo.

Comentarios