lunes. 18.10.2021 |
El tiempo
lunes. 18.10.2021
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Agora ou nunca

Un cabaliño de mar no fondo do océano. EFE
Un cabaliño de mar no fondo do océano. EFE

CIRCULA estes días polas redes as imaxes do curioso baile dun choco no fondo da enseada de San Simón. Todo un festival de cores baixo a a auga que sorprende pola súa luminosidade e a variedade de tons que estes animais despregan no seu hábitat natural. O vídeo, elaborado polo cámara Pedro Alonso, reflicte a beleza das profundidades das Rías Baixas cunha paleta de cores que vai do vermello intenso ó azul turquesa, pasando por amarelos e verdes brillantes. Quen practica mergullo sabe que, segundo as zonas, un pode atopar nas profundidades do noso mar, cabaliños de mar, nécoras e centolas, sepias e polbos, ademais da estrelamar e as corais, e unha ampla variedade de peixes que conviven entre anémones, vales mariños e furnas. Un universo de riqueza descoñecida.

Pero, ollo, corremos o risco de acabar con ela. Que acontecería se o mar fose unha alfombra que se puidera levantar para ver o que gardamos debaixo? Probablemente levariámonos as mans á cabeza. Non é preciso que veña un buque enferruxado a descargar toneladas de chapapote na bocana da ría para acabar coa vida que contén. Pouco a pouco imos nós mesmos contaminando os fondos. O plástico é o principal inimigo da biodiversidade mariña en todos os océanos, pero tamén a contaminación das cidades.

Nos últimos días, os bateeiros da ría de Pontevedra amosaron nas redes sociais outro vídeo. Este outro máis escuro que amosa unha enorme tubaxe, a do emisario da estación depuradora de Os Praceres, verquendo augas residuais polas súas chemineas. Faino moi preto das Illas Atlánticas, á beiriña de Tambo.

O resultado? Unha das zonas produtoras de mexillón máis importantes non pode comerciar o seu produto fresco desde hai cinco anos, só se se destina a fábrica ou conserva. Ó tempo, Europa nos saca tarxeta vermella e advirte que, ou se corrixen os problemas que están a deteriorar a calidade das augas, ou caerá sobre nós unha vergonzante sanción.

Durante a campaña electoral todos os partidos políticos, sen excepción, puxeron entre as súas prioridades o saneamento da ría. A recuperación dun ecosistema que forma parte dun paraíso único. A eliminación das augas industriais, a separación de pluviais e fecais... Nas súas mans está axilizar prazos e poñer en marcha as medidas precisas para mellorar o tratamento das augas residuais que morren na ría. E nas nosas está esixirlle ós gobernantes que non o demoren máis, pero tamén reciclar, separar e reducir o consumo de plásticos.

Os océanos xeran a maior parte do osíxeno que respiramos, absorben parte das emisións de carbono que chegan a atmosfera, ofrécennos alimento ó tempo que regulan o clima e son piares económicos para os territorios que apostan polo turismo, a pesca e os recursos mariños. Son fonte de vida.

A Plataforma polo Saneamento da Ría de Pontevedra concéntrase hoxe -sen siglas políticas- para reclamar que se limpe a ría. Din que todos deberiamos ir canda eles porque a contaminación das augas non só afecta a quen vive directamente do mar. Tamén a hosteleiros, empresarios do turismo, e en xeral a toda a poboación porque entraña un risco real para a saúde. Que afecta a quen se inspira baixo os seus ceos azuis, quen devece polas paisaxes augamariña de areas brancas e airexa que calma tormentas. E tamén ós que gozan dos deportes acuáticos, das súas postas de sol, dos xogos dos arroaces fronte á praia ou do baile alumado dun choco nas profundidades mariñas.

Corremos o risco de deixar que a luz dos nosos océanos se apague, que a súa cor esmoreza. Algunhas organizacións ecoloxistas advirten que xa estamos en tempo de desconto para salvar o noso planeta azul... É agora ou nunca.

Agora ou nunca
Comentarios