El tiempo
domingo. 14.08.2022
El tiempo

As mil e unhas vidas de 'Blade runner'

Cada vez que se anuncia unha nova versión dun clásico do cinema, os xemidos do purismo escóitanse de lonxe, coma se se abrise unha porta aos infernos desde as mesmísimas entrañas da dor
Un fotograma de 'Blade Runner'. EP
Un fotograma de 'Blade Runner'. EP

A CINEFILIA responde de maneira diferente diante da readaptación de películas que forman parte da nosa vida. Nun curruncho, desde a expectación a como se vai axustar o texto aos debates contemporáneos e ás dúbidas metafísicas dunha realidade que nin sequera imaxinaba o autor orixinal. Na outra, desde a profanación dun cadáver ao que hai que venerar na súa forma máis pura.

Corenta anos despois da súa estrea, Blade Runner (1982) é unha película –como tantas outras– que se podería refacer eternamente. A súa orixe está na novela curta de Philip K. Dick Soñan os androides con ovellas eléctricas? (1968). O escritor norteamericano explica de onde naceu a idea: "Hai algo en nós de humanoide, morfoloxicamente idéntico ao ser humano, pero que non é humano. Non é humano queixarse, como un membro das S.S. fai no seu diario, de que os nenos famentos nos campos de concentración non lle deixan durmir. De aí a miña idea de que na nosa especie hai unha bifurcación, unha dicotomía entre o que é humano realmente e o que só imita que é humano realmente".

Philip K. Dick apenas tivo éxito en vida. Respectado na comunidade de lectores de ciencia-ficción, non acadou a popularidade masiva ata que Ridley Scott dirixiu Blade Runner. A partir de aí, Hollywood tratou os textos de Dick cun respecto diferente. Verhoeven (Desafío total, 1990), Spielberg (Minority report, 2002), Linklater (A scanner darkly, 2006) e Woo (Paycheck, 2003) dirixiron as adaptacións dun escritor ao que se lle descubría a dimensión atemporal da súa obra, e se adaptaba cada relato a unha mirada diferente, poñendo á súa disposición realizadores de clase A con unha forte personalidade autoral. Desde a experimentación entre imaxe real e gráfica de Richard Linklater, ata o thriller de acción frenético de John Woo. 

Existen varias versións para televisión, vídeo e  laserdisc diferentes que alimentan a idea dunha película inabarcable ou dunha vaca á que se lle quixo muxir ata que non quedase nin unha gota de leite

Blade Runner tivo ata seis versións distintas, que se saiba. A primeira de todas foi unha copia de traballo que só se puido ver nas preestreas de Denver e Dallas; máis tarde refixéronse partes para unha segunda preestrea en San Diego, que non se consideraba aínda definitiva. En 1982, a película presentouse con dúas versións diferentes: unha para consumo norteamericano e outra para o mercado internacional. Dez anos máis tarde, e coa segunda vida que daban as versións en DVD ás películas, recuperouse o final orixinal de  Scott, no que se incluían uns soños de Deckard (Harrison Ford). En 2007 apostouse por outro final. Pero aquí non termina a historia. Existen varias versións para televisión, vídeo e  laserdisc diferentes que alimentan a idea dunha película inabarcable ou dunha vaca á que se lle quixo muxir ata que non quedase nin unha gota de leite. 

Con Blade Runner, Ridley Scott quixo captar o magma cultural e representativo dos anos 80 cunha película pegada ao seu tempo en todos os sentidos. O futuro imaxinado na película, a pesar de ser case apocalíptico nunha interpretación textual, é un mundo urbano moi próximo á idea que se tiña de como serían as grandes cidades a curto prazo. Pantallas enormes en fachadas, publicidade constante e invasiva polas rúas,…  Scott deulle moita importancia ao deseño da cidade, e decidiu volver á Metrópole de Fritz Lang por dous motivos: o primeiro era que ligaba co cinema de ciencia ficción primixenio; o segundo, estaba convencido de que o ornamento das fachadas volvería ser tendencia en cuestión de tempo. Equivocouse. Como tamén errou na influencia xaponesa que, cría, ía invadilo todo. 

A versión de 1982 tiña un final feliz. A parella formada por Deckard e Rachel (Sean Young) abandonan Los Ángeles e retíranse a un campo idílico. Foi unha esixencia dos executivos de Tandem para restar escuridade a unha película destinada ao gran público e que consideraban deprimente dos pés á cabeza. Scott tiña outra idea en mente. A película tiña que terminar mal porque na súa esencia estaban as novelas de Raymond Chandler. Deckard era un Philip Marlowe que, perseguindo aos humanoides, descobre cousas sobre a súa identidade inimaxinables. Non podía acabar no campo porque, segundo o representara durante os cento vinte minutos anteriores, non había campo; só cidades en decadencia, asfalto e unha choiva aceda perpétua. Así llo explicou aos directivos. "Xa estás outra vez", obtivo como resposta.

Pero Scott tampouco fora fiel ao guión orixinal de Hampton Fancher. A primeira versión incluía unha voz en off de Deckard na que se preguntaba quen era o seu facedor e cando sería a súa data de caducidade. "Era unha das semellanzas que temos cos replicantes. Non podemos atopar a Tyrell aínda que hai un Tyrell en algures. Para todos", dixo Fancher. O "ti tamén estás programado", que Fancher escribira para xogar coas similitudes entre humanos e replicantes, Scott entendeuno como que Deckard podería ser tamén un replicante. "Ridley interpretoume mal!".

A historia de Blade Runner é o exemplo perfecto de por que non hai que ter medo a novas interpretacións dos clásicos

Dez anos máis tarde, os executivos da Warner permitíronlle cambiar o final a Scott, un desexo que manifestara desde o primeiro día. Todos coinciden en que non foi para emendar un erro senón para que a Warner puidese estirar o chicle. Scott aceptou encantado: el conseguira o seu final triste e a Warner, un novo Blade Runner que explotar.

En 2017, Denis Villeneuve expande as lecturas do texto de Dick. Blade Runner 2049 non é un remake, se non unha secuela da película de Scott coa novela de Dick na man. Ou quizais sexa ao revés. A película de Villeneuve é fiel no fondo e na forma. Non abandona as liñas mestras que pasan por Chandler e por ese futuro próximo. Pero, sobre todo, continúa coas liñas metafísicas da película de Scott. Canto tempo me queda? Que nos diferencia aos humanos dos replicantes? Como sei que son humano? Villeneuve é o único director capaz de enfrontarse a readaptacións da ciencia ficción clásica e caer de pé. O seu Blade Runner pódese apreciar como obra independente ou como continuación expandida do orixinal. O mesmo pasa con Dune, película que estreou o ano pasado e provocou ao fandom conservador reticencias desde o día que se anunciou o proxecto. Con todo, o resultado é rico en detalles, respecta a fonte orixinal e a adaptación posterior de David Lynch (1984), e cumpre coa función principal dunha adaptación: traelo ao presente.

A historia de Blade Runner é o exemplo perfecto de por que non hai que ter medo a novas interpretacións dos clásicos. Ridley Scott iniciou a exploración dunha obra que xa tiña o seu propio discurso, e considerouna tan súa que ata pisou as intencións dun dos seus guionistas. Villeneuve recolleu a luva ofrecida polas xeracións anteriores e seguiu estirando o imaxinario conceptual de Blade Runner sen pechalo definitivamente. O poeta e ensaísta Jesús Alonso Burgos escribiu un ensaio titulado O que Deckard non sabía ( Akal, 2011), onde analiza os detalles de cada unha das versións feitas ata a data. Sen negar a validez dos cambios, modificacións, alteracións e emendas ao texto orixinal, non esconde un certo cinismo: "Nin obra en marcha, nin produto transversal e líquido, nin nada de nada; o único que de verdade está sempre en marcha é o mercado".

Aínda sendo verdade en case todo o que ten que ver co cinema de Hollywood, os impulsos do mercado fanse con representacións culturais que non pairan de crecer. O personaxe de Philip Marlowe naceu a  mediadios dos anos 30 inspirado nas novelas pulp da década anterior. Era unha literatura de masas creada para venderse en fascículos. Era, pois, unha creación do mercado. Co paso dos anos, converteuse nun xénero fundamental para interpretar a Caza de Bruxas en Estados Unidos. Se algo nos ensinou o cinema, a televisión e a literatura popular ao longo do século  XX é que os produtos do mercado son capaces de representar as inquietudes contemporáneas. E se os nosos temores cambian, tamén o deben facer os clásicos todas as veces que sexa necesario.

As mil e unhas vidas de 'Blade runner'
Comentarios