martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Avisa a mamá de que non me garde tortilla

A Biblia, como todos os relatos marabillosos, está chea de contradicións. Un exemplo son as que relacionan a Torre de Babel ata o Pentecostés. A lingua e as linguas actúan como carne que se bota no asador

Ánxel Fole
Ánxel Fole

A TORRE DE BABEL supón como derrube dunha koiné universal, como inicio da confusión de lenguas que tan insidiosamente denuncia algúns grupúsculos absolutistas. Pero unhas cantas páxinas e unha chea de séculos despois, no mesmo libro sagrado, o protagonista da demolición anterior descende en forma de lingua de lume sobre as cabezas dos apóstolos para que permiten falar varias linguas que lles sirvan para andar polo mundo.

No primeiro caso, saber linguas é unha desgraza e no segundo, unha benzón. Isto ten o seu correlato hoxe en día, pero o criterio é de tamaño: falar linguas grandes está ben, pero falar as cativas é perder a mañá. Como diría Ánxel Fole: "Si, home; si".

O traductor acreditando diante da Unión Europea Jairo Dorado Cadilla fala 18 ou por aí; varias son normais e unhas cantas, balcánicas. Desa sabedoría nácelle o interese por Isaac Bashevis Singer, o autor idish que recibiu o Nobel. O outro día atopei un fío cadencioso e longo no Twitter de Jairo. Vouno resumir, non sen animalos a ler o orixinal. Traza un arco narrativo entre José Yglesias e Ánxel Fole, que cruza sobre Singer.

Yglesias (1919-1995) foi un norteamericano con familia cubana de orixe galega como todos os executivos de farmacéuticas nacidos en Florida. O seu pai volveu a Galicia para morrer. O propio José escribiu O país do adeus en 1967 sobre os seus antergos, uns anos antes de viaxar onda nós para coñecer a intelectualidade galega. Era comunista, pero trataba de ser equilibrado cando facía esas novelas que lle permitiron retirarse do traballo, como No primeiro da Revolución —sobre a asonada castrista—. Como autor non chegou a ser considerado para o Nobel e os seus libros andan a un solitario e mísero euro en internet, pero ten entrada de seu na Encyclopedia Britannica, que prestixia ben máis que asistir a unha merenda-cea de suecos para que che dean un premio.

Indica Dorado Cadilla no seu fío que Yglesias coñeceu a Ánxel Fole nunha visita a El Progreso. "Interesado como estaba pola vida do rural —el, criado en Florida e Nova York sinte un vínculo fondo coa aldea natal do seu pai, que coñecía dos seus relatos— goza coa obra de Fole. E fala da viaxe coa súa muller, a señora Helen Yglesias, unha nativa de Nova York. Singer e Fole (1902 e 1903) son algo máis maiores có señor e a señora Yglesias (1919 e 1915)".

Helen é filla de xudeos polacos, duns pais que tamén contaban historias do campo, como Fole ou como os seus sogros, os Yglesias. O pai de Helen estudara na yeshiva polaca na que daba clases o pai de Singer. Ambas as familias emigraran a Estados Unidos. Cando o escritor xudeo recibe o Nobel, en 1977, os Yglesias regaláronlle un libro cos contos de Ánxel Fole traducidos expresamente. José escribe na dedicatoria:
—Dásme máis tempo e este que aquí che traduzo gaña o Nobel.

Non leu vostede o periódico? A Asociación de Escritores en Lingua Galega vén de propoñerme para o Nobel. Que locos están!

Como é sabido e lamentado, o autor lucense nunca levou o premio da Academia Sueca. Contan en El Progreso que Fole estaba unha mañá de 1983 lendo o xornal, agachado sobre unha mesa na que estendera o xornal do día. Botara o sombreiro para atrás para poder ler máis comodamente mentres fumaba, para que o fume non lle quedase flotando diante da cara. Estaba rindo a gargalladas.
—Que foi, don Ánxel?
—Non leu vostede o periódico? A Asociación de Escritores en Lingua Galega vén de propoñerme para o Nobel. Que locos están!

O colectivo de autores non reparou no seu delirio porque seguiu nomeando candidatos ao Nobel. Apoia obstinadamente a Xosé Luís Méndez Ferrín para o galardón.

A partir deste punto, o relato de Jairo Dorado despega. Conta que o pai da asistenta que traballaba en casa de Singer estudara con Fole. O novelista xudeo "obsesiónase" e trata de contactar co galego. Ánxel Fole morre en maio 1986. Por esa altura, o consulado español en Miami recibe unha telegrama: Dun grande admirador da súa obra. Grande esta perda. Att. IBS. Jairo Dorado Cadilla lamenta que "o funcionario de turno descoñece quen é  Ánxel Fole e non reenvía a condolencia". O traductor europeo recoñece que "non hai constancia de que Singer fixese algo por máis  por Fole", aínda que insiste en que os Yglesias "falan constantemente da teimosía que Singer tiña en que lle lesen a el e a Fole, e dixesen quen era mellor".

O mellor entre nós disque é Ferrín, eu non o comparto porque considero a novela o xénero no que se mide un escritor e O Inmortal frouxea nese campo. Ánxel Fole foi académico durante 23 anos, dende 1963 ata que morreu. Non sei o que lle parecía ou que lle deixaba de parecer a RAG daquela, pero imaxino o que pensaría agora se asistise a estas escenas de último día de campaña electoral.

Eu non quería volver falarlles a vostedes, lectores, sobre a RAG, pero confeso que escribín unha páxina como esta a semana pasada e non parei de recibir mensaxes privadas, discretas e matizadoras.  Xa advertía a semana anterior que temía non ser todo o ecuánime que pretendía porque non dera falado con varias persoas do sector oficial, nin con directivos nin con aledaños. Houbo un interlocutor que me pedíu remontarnos á orixe do conflito entre galácticos e ferrianiáns, que xa me vin debatindo sobre Piñeiro contra Brais Pinto, pero el se refería a un acontecemento procucido despois de Cristo, xa na nosa era.
—Non esquezamos que a marcha de Ferrín e de Axeitos se produciu por casos de nepotismo.

Aparéceuseme nunha nube a uns metros de altura aquela a páxina do ABC no que explicaban que os fillos de Xosé Luís Axeitos e de Manuel González estaban a soldo da santa casa. Falábase alí tamén dunha mesmísima herdeira de Ferrín e dun seu xenro, que fixeran labores para a benemérita institución. Eu aplaudo que os descendentes traballen na empresa dos pais, por moito que a paguemos todos, porque de quen te podes fiar máis que dalguén da familia? Nunca saberemos se son os profesionais máis acaídos porque hai outros que, ao peor, non poden demostralo; pero temos garantía de que van ser aseados e obedentes.

Aceptamos a Chus Pato porque xa viña de antes, pero iso non se vai repetir

O oficialista sigue confesándome:
—Estamos cunha man atada nas costas. A Academia non soportaría unha batalla total, aínda que Axeitos parece estar no ou temos un presidente dos nosos ou quemamos a nave.
—Pero non ten posibilidades. Se os cargos son vitalicios, a correlación de forzas non vai cambiar a medio prazo.
—Claro! Aceptamos a Chus Pato porque xa viña de antes, pero iso non se vai repetir.
Outro interlocutor galáctico relátame unha anécdota conmovedora:
—No pleno no que se lle piden contas porque a filla traballe para a RAG, Axeitos asume que foi el quen a contratou. Este asegura que, estando unha vez na Academia, atopou a cativa por alí.

Non dei evitado imaxinar a escena:
—Hui! Ti por aquí?
—Estou contratada polos meus méritos, papá. Este é o meu mozo.
—Ah, pois que ben! Tendes traballo os dous! Encantado de coñecerte. Ben,non vos entreteño máis. A próxima vez avisa, filla, e vimos xuntos no tren.
—De acordo. Adeus, papá.
—Adeus, señor Ferrín —di o mozote—. Sigo os seus artigos, non me perdo un. Están moi ben traídos.
—Ala! Ala! —despacha o presidente da RAG e di para si mesmo, sorrindo coa ilusión da lembranza—: Esta mocidade...
Xa no medio do corredor, Ferrín vólvese e berra á rapariga:
—Oes! Dille a mamá que non me garde tortilla, que hoxe vou de tazas cos amigotes da Academia.

Avisa a mamá de que non me garde tortilla
Comentarios