El tiempo
miércoles. 29.06.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Un barco varado no CGAC de Compostela

Os petroleiros nunca regresan a porto. Devalan en equilibrio sobre a liña verde do horizonte. Podes velos pasar ignorándote no seu anonimato. Onte sentín un barco varado no centro de Santiago. Fixo soar unha bucina, grave e poderosa, que expandeu o anuncio de que zarpaba como unha botella de aceite en cristal que cae dende a mesa da cociña.
Berio Molina toca unha bucina na terraza do CGAC. VIRGINIA POLKE
Berio Molina toca unha bucina na terraza do CGAC. VIRGINIA POLKE

BAIXABA CARA ao Toural. A miña Compostela, a Compostela dos 80, cun estudante apostado na porta de cada bar disposto a prender un diálogo contigo aínda que ignoraba enteiramente quen eras, mudou ao Santiago dos mercaderes no templo, ás bandexas de doces que che saen ao Camiño para que fagas a proba, das tabernas de miseria e cotra, falseadas en mostradores cargados de luz e pinchos de anchoa sobre queixo do Cebreiro. A nostalxia púxome mal corpo, o estómago axitouse ao lembrar a rúa do Vilar cando estaba nos 18; non fai tanto, menos que unha ditadura de corenta anos. Déronme ganas de petar cos dous puños no mapa da cidade para que todo se derrubase –como cando petas na mesa da cociña porque  unha corrente de ira atravesa o teu espiñazo e fas caer a botella de aceite– e que todo volvese á orixe, á miña orixe, a 1983.

Ao sentir a bucina desandei o andado para buscar o mercante atascado no medio da cidade sagrada do cristianismo. Dei coa fonte de auga clara que emitía o son marítimo. Era o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). O emisor, un dos tres emisores, é Berio Molina (A Fonsagrada, 1979). O artista, os tres artistas, levan unha semana durmindo e desenvolvendo a codianeidade nunha sala do museo, "nun espazo de cen metros cadrados". Comer, correr, ducharse, durmir.

Berio dime:
—Eu tiña a idea dos fareiros, que fora o mundo que investigara, o mundo das bucinas, os faros teñen bucinas. Imaxinei faireiros que fixesen soar as bucinas nunha cidade sen mar para saber o que lle suxire á xente un son que non é propio da cidade. Temos as reaccións polos comentarios que nos fan. Din: "Parecía que había un barco en Santiago". Veñen falar connosco, entran no CGAC e comentan. Algunhas persoas saben o que estamos facendo e outras, non. Poden atoparnos descansando na cama, ensaiando ou facendo exercicio. Facemos a vida habitual. Hoxe é luns e está pechado o museo. Estivemos correndo e facendo exercicio.

 A intención é montar unha película. Gravamos 16 cintas ao día que gardamos nunha caixa

Berio fálame de Dislocación, a acción que desenvolveu durante unha semana, ata que onte zarpou a mediodía co derradeiro bucinazo, coa saúdo estrondoso e feliz da despedida.
—Tocamos a bucina tres veces ao día. Decidimos a qué hora soan nun xogo de azar, un pedra,papel e tesoira. Imos dicindo as horas ata que lles cadra a dous dos tres. Soa unha pola mañá, outra pola tarde e a terceira pola noite. Facemos un nó nunha corda para levar a conta.

As horas son exactas, como ese andar en equilibrio sobre o fío do horizonte que teñen os petroleiros. Cada mañá ensaian a actuación que van facer na xornada, que adoitan desenvolverse polas tardes. Eu era novo, aos 19, cando os amigos da pensión idearon pasarmos  unha semana no mosteiro de Sobrado dos Monxes, en habitacións alugadas. Quitaríamos os reloxos  –non había móbiles– para perdérmonos no océano do tempo polo que se dirixen a morrer os petroleiros. Xa era ateo daquela, polo que non comprendín o motivo do encerro; menos perderse no tempo. Estaba namorado de Eva, que tiña 24 anos preciosos e morenos. Non podería levarme os seus ollos de negro hermético a esa corentena, tal vez nunha fotografía clandestina.
—Nós temos teléfonos, sabemos en qué hora estamos. 

Pregúntolle a Berio Molina polas accións que idea polas mañás xunto a Rosana Antolí e Marta Pazos.
—Unha delas é que temos unha conversa entre dous e un terceiro grava. Estamos en lugares distintos do CGAC. Temos a conversa sen vernos.Un comenta, por exemplo: "Entra unha persona cun pantalón vermello". "Xa a vexo", di o outro.
A naturaleza das bucinas cambia.
—Temos unha gravación de bucinas de coches protestando e nós poñemos voces por riba. Trasladamos a manifestación a dentro do museo. A intención é montar unha película. Gravamos 16 cintas ao día que gardamos nunha caixa, cada caixa é un día de actividade dentro do CGAC. Despois abrirémolas. Son 8 días e 16 cintas, 128 cintas. Faremos unha película dentro de ano e medio.

Xiana Arias (A Fonsagrada, 1983) toca o baixo en Atrás Tigre. Berio Molina fálame dela:
—Sentamos na cociña e ela trae unha letra e canta a letra e eu quedo co ritmo interno da letra e sacamos un ritmo que gravamos co móbil. Despois collo un teclado e fago unha melodía sobre o ritmo que ten a letra de Xiana. Son letras que nacen de cero, que non eran poemas antes. A canción Paxarín pin pin e Laverca está feitas para isto.

O dúo chámase Clo Plas. Publicou non hai tanto tempo o seu primeiro disco, Bafi. Berio Molina é experto en sons, en bucinas, en retrousos falados nas cociñas e nos sons das letras ao ser escritas. Ten un libro, Setras (Fulgencio Pimentel), no que rexistra as notas de son que emiten as letras se as debuxas cun portaminas.
—Se escribes un o fai: "Foossss" e, se escribes un f, soa "fizzsss". Imaxino as letras como se deixasen de ser un fonema, cómo serían se soamente fosen un son. Gravo ese son. Poño a color azul aos graves e vermello, aos agudos. Na escrita fago un código de agudos e graves coa alternancia de vermello e azul. Non uso maiúsculas porque son rectas. As minúsculas dan máis matices, as maiúsculas soan planas.

Tocaba a gaita na infancia na Fonsagrada, o son era un fetiche da infancia. Toco a gaita, gústame

A relación entre son e imaxe vénlle de rapaz.
—Ao meu pai gústalle a música. Ten discos de Neil Young, Bob Dylan... O meu pai é de Madrid, íamos todos os nadais. O meu tío Fernando coleccionaba vinilos. No Nadal gravabamos cintas na súa colección. El facía ilustracións para as portadas e eu empecei a facelas. Afeccioneime a ilustrar portadas no instituto.

O artista sonoro cursou deseño gráfico en Nova York. Unha bola da Barrié conduciuno durante un ano ao Instituto de Tecnoloxía Rochester.
—Custoume adaptarme a Nova York. O sistema universitario era bo, o nivel do profesorado era bo. Sácaslle partido. Estaba nunha residentia universitaria; despois, collín unha casa con compañeiros da universidade. A xente alí vive aillada. Fai falta o coche para todo e nós non tiñamos; máis que ás veces. A experiencia foi estar só, unicamente en contacto coa univerdiadade.

Antes, Belas Artes en Pontevedra e un ano en Vigo; pero as cousas soaban antes.
—Tocaba a gaita na infancia na Fonsagrada, o son era un fetiche da infancia. Toco a gaita, gústame. É moi fisico, todo o corpo vibra ao inchar o fol. A gaita reverbera na habitación, ten forza e atrapa. Gústame esa sensación, tocar uns instrumento ailla do mundo. Non levei a gaita a Nova York. Estiven un tempo sen tocala. Recupereina. Agora vivo nunha casa soa en Santiago, non teño veciños e podo facer ruído.

Nova York era áspero, Lugo xa fora áspero.
—Fun con 15 anos ao instituto masculino de Lugo. Gustábame a Fonsagrada, viviamos na vila, na Xeneral. Foi un trauma para min ir para Lugo. Cambiaban os sons, a fala, o sentido do humor, os temas de conversa... Non me adaptei en catro anos. Sentía rexeitamento por falar en galego. Fixen amigos e ben. Catro fomos estudar Belas Artes a Pontevedra. O mundo dixital estaba xurdindo e a expereimentación sonora e visual estaba no programa. En Vigo estiven no proxecto Escoitar.org, no que buscabamos os sons que identifican a cidade. Cando vivía en Vigo escoitaba as bucinas dos trasatlánticos. Quixen compralas. En internet atopei un rapaz que coleccionaba bucinas de Estados Unidos. Escribinlle. Non me contestou. A bucina máis grave é a que máis me gusta. As novas son caras, coma 10.000 euros. Nos desguaces dos barcos de trasatlánticos gardan as pezas para vendelas. As tres que usamos no CGAC comprámolas na India. Entre as tres custáronme 1.000 euros. Tiven que pagar aduanas.

Un barco varado no CGAC de Compostela
Comentarios