miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Brais Lorenzo fai a rolda de noite

As luces están mal repartidas. Vigo nunca durme, coma o Nova York de Frank Sinatra; Beirut camiña ás apalpadas. Brais Lorenzo chega de Vigo e cóntame que, ás veces, as luces de Vigo tamén se desmaian causando que o Nadal perda a conciencia por uns minutos en todo o planeta.
Brais Lorenzo /BRAIS LORENZO
Brais Lorenzo /BRAIS LORENZO

BRAIS LORENZO chega de Vigo. Falamos de atascos, de obras, de vigueses agobiados polo turismo,... e doutras desgrazas de Occidente para equilibrar o noso cargo de conciencia. Cando menos Brais está fotografando o Nadal que non brilla nin ten un alcalde que descuartiza o inglés para deixarse morrer docemente de éxito. O inglés é un idioma que se fala coa bico da boca, co queixo inmóbil, movendo os beizos. A avoa de Brais trata de pronuncialo a xeito. Ilda foi sumando cada día ata 101 anos. Podería beber o mundo se o mundo fose o líquido da curiosidade. Cada día aprende con Saber y ganar, co seu contemporáneo Jordi Hurtado, e despois reláxase coa novela turca. Penso que Brais nunca traballou en Turquía porque me contaba onte que asomara a Oriente Medido polo Líbano. Estivo quitando fotografías para El País; ás veces dispara para Efe e outras para o Faro de Vigo. A continuación recibe premios, como o Ortega y Gasset ou o Poy. Veñen de darlle o Casares de Fotografía.

Ilda e Brais son da Ponte. Eu podería escribir que son de Ourense, pero logo aclara que a avoa e máis el son "pontinos". Hai fronteiras dentro das cidades máis difíciles de atravesar que entre Siria e o Líbano. Teddy vivía con Brais Lorenzo dende hai once anos. Marchou hai pouco. Os donos de cans síntense obrigados a xustificar a súa angustia cando faltan, a buscarlle unha base racional. El vai vendo as caras da morte, as caras de ser neno e desposuído, as caras de estupefacción cando o lume che arrasa coa vida, as caras de esperar a deixar de ser mentres xogas a partida no bar.

Cando falamos de postguerras, pobreza infantil, incendios ou vellez. Sería innecesario que me explicase por que lle golpean no fígado da alma, pero necesita argumentar que está sufrindo polo pasamento do can. Eu tiven un gato, negro, durante vinte anos. De cativo era tan perverso e inquieto que o chamei Gaddafi. Cultivaba a arte de ignorarme e aínda así me doeu. Escribo este texto na cociña da casa. Son as sete e media da mañá. Aínda o sinto miañar para que lle sirva o almorzo. O laio non procede da memoria, senón doutro gato que vive na ventá da veciña e que tamén é negro e inquedo.

Pero reconstrúe toda unha lembranza que quedara en evanescencia hai dez anos, Brais fálame de Trípoli. Penso en Libia, onde Gaddafi mantivo unha ditadura que nada tiña que ver coa inocencia e o instinto do meu gato. Escoitei falar moito de Trípoli na casa porque o meu pai andou buscando gas no deserto para unha compañía británica. A capital era o lugar de refresco e alivio ao que se lles permitía voar cada tres meses de sequidade e monotonía. "Hai máis Trípoli. Eu estiven no do Líbano", informa o fotógrafo.
—Como era a primeira vez fomos de paracaidistas.
Ser paracaidista consiste en entrar nun país a bordo dos coches das ong que traballan nesas rúas. A vantaxe é que che buscan as entrevistas ou os temas que lle pidas, a desvantaxe é que debes moverte polos seus mapas.
—É o mellor para a primeira vez.

Pensábase que os soldados saían patrullar Amsterdam pola noite, pero Rembrandt meteunos nun portal para iluminalos cunha luzada e dar unha estrutura ao cadro


Beirut era coñecido como "o París de Oriente Medio" nunha desas comparacións que se facían para contar unha cidade cun trazo antes de internet. Se vostede busca Beirut nas imaxes do ordenador atopará edificios amputados, rúas con entullo nas beiras e cans que buscan a quen ladrar. Todas as imaxes son diurnas; están tinxidas —caerei no tópico— pola luz do Mediterráneo, que procede directamente da luzada do Big Bang.

O meu cadro favorito é A compañía militar do capitán Frans Banninck Cocq e o teniente Willem van Ruytenburgh. Pintouno Rembrandt despois de que os personaxes que aparecen pagasen a escote 1.600 floríns. Na escena aparece a compañía de arcabuceiros do capitán Frans Banninck Cocq no momento no que este dá a orde de marchar ao alférez Willem van Ruytenburch. Poden buscar o lenzo. Mellor escriban A rolda de noite, o nome que lle quedou. Pensábase que os soldados saían patrullar Amsterdam pola noite, pero Rembrandt meteunos nun portal para iluminalos cunha luzada e dar unha estrutura ao cadro. Hai moito estudo de Caravaggio detrás da obra, pero non vou aburrilos agora con exhibicións de afeccionado.
—Interésanme a luz e o tenebrismo, Rembrandt e Caravaggio —cóntame Brais Lorenzo cando lle pregunto polos claroescuros das súas imaxes— A falta de electricidade é a mellor forma de contar unha crise.

Tamén pode ser o xeito ideal de contar unha opulencia coma acontece na cidade na que Abel Caballero inventou o Nadal. Ten o seu mérito nun lugar no que nunca neva e nin sequera vai demasiado frío.
Agora que xa experimentou o stendhalazo de Oriente Medio, Brais quere volver para comprender "ese encrucillado indescifrable. Dáte de conta de que nesa zona están Siria, Israel, Palestina,..."
—Quero fotografar os campos de refuxiados. Eu botei unha noite nun deles e pasei frío. Ten que ser terrible agora co inverno e a chuvia.

Teme que os problemas sociais do Líbano e Ceuta carecen de solución "porque hai mafias que se aproveitan dos débiles"

Confésame que traballar s a miseria dos demáis provócalle dúbidas éticas. "Alguén ten que ir e contalo para que saibamos que exista", preciso. Eu coñecín polas súas fotografías que os nenos de Beirut fan roldas de noite en patrullas que buscan plásticos. Véndenos para reciclar; pero non por ecoloxía, senón por miseria.
—Non tes fillos, Brais?
Non foi pai, pero dirixe a cámara a nenos en situacións complicadas. Estivo en Ceuta.
—Fago fotos de persoas vulnerables e os máis vulnerables son os nenos. Rómpeseme a alma. Teño coidado de non ser tendencioso, de ser respectuoso, de non instrumentalizar os cativos.
Teme que os problemas sociais do Líbano e Ceuta carecen de solución "porque hai mafias que se aproveitan dos débiles".
—En Beirut atopabas persoas que xogaron a súa vida e a dos seus, porque moitos van en familia, para escapar de zonas deprimidas ou en guerra, Os nenos de Ceuta contábanche que non tiñan pais ou que as nais lles dicían que se botasen a nadar para intentar entrar en Europa e ter un futuro mellor. Iso son problemas. A min morreume o can. Non podo comparalo, pero dóeme, sabes? Falas con mulleres que foron violadas dúas ou tres veces mentres fuxían de Siria, pero aínda son quen de sorrir e de tirar para adiante día a día. E esa é a lección: sobrevivir.

Cóntame que a súa avoa Ilda é migrante. Naceu en Cuba. Con seis anos os pais levárona de volta á Ponte, na fronteira coa cidade de Ourense.
—Fun de viaxe a Cuba. Ela deume unha foto da súa casa para que a buscase. Non soamente lembraba a casa, tamén me indicou o camiño polo que tiña que ir. E volveu con seis anos!
Hai unha imaxe que fixo famoso a Brais Lorenzo. É unha muller case centenaria celebrando que superou o covid e que cumpre anos nunha residencia de Celanova. A composiciónrespira da Lección de anatomía do doutor Tulp de Rembrandt. Cóntolle que o retrato máis famoso do Che Guevara non o fixo Korda. Korda disparou a cámara, pero foi o editor Giangiaccomo Feltrinelli quen soubo ver a foto entre ducias de negativos e ampliala nun póster.

As reportaxes do Líbano levan textos da xornalista Ebaba Hameida. Ela é saharuí. Pode rirse coma se sufrise un escarnio se lle falas de futuro. Levan 46 anos expulsados, trasladados, negados. A diferenza con Beirut é que na capital libanesa "ves moitas mulleres operadas, hai un culto á beleza, e coches de luxo, como Ferraris. Non hai clase media. Hai moitos pobres e uns poucos ricos".

O meu pai nunca escribiu sobre Trípoli. Eses recordos non lle parecían importantes. Eu quedaba pampo escoitándoo falar das chamadas á oración, dos minaretes, do alcool para estranxeiros, da danza do ventre, das túnicas que escondían coitelos,... pero el prefería escribir sobre asuntos locais en revistas locais.

Brais Lorenzo fai a rolda de noite