El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Unha habitación propia para Annie Ernaux

Convivín coa primeira xeración que foi á universidade. Tardei anos en sabelo. Acabaría o bacherelato e faría unha carreira. Pensaba que era o normal. A miña familia levaba xeracións camiñando sobre a liña marcada. Non me atrevín andar cara a atrás. Presenteime en Santiago en 1983. Entendín a circunstancia trinta nos máis tarde, cando lin El lugar de Annie Ernaux.

HAI UN ANO QUE descubrín a Annie Ernaux. Outros francófilos recomendáronma. Atopei ‘El lugar’ (Tusquets) na biblioteca pública que hai abaixo da miña casa, a cen metros, xunto a un hotel. Os libros e os dormitorios que alugas son asuntos políticos. Podes coñecelos, escollelos e pagalos. Ou non.

Cando un escritor gaña o Nobel de Literatura vou correndo buscar as súas novelas. Déronllo a Bob Dylan. Fun por un volume coas súas letras, do tipo ‘Times they are changing’. Avisa aos pais que os seus fillos están fóra de control: «Deixade paso ao novo/ se non podedes botar unha man/ porque os tempos están cambiando». A tradución é miña, pode non ser axeitada. Seguro Lois Pérez foi quen de atopar «a palabra xusta», que adoraba Flaubert, normando coma Ernaux. Ambos aplican a máxima con dureza. Lois contoume unha vez, tomando café con vistas ao parque de Rosalía, que traducira ao galego as letras de Bob Dylan. Non buscou editor porque Vicente Aragüas ten un libro publicado.

Os tempos están cambiando, son ventosos e amargos. O ano pasado lin ‘Lixeiro’ (Xerais). Ismael Ramos gañou o Premio Nacional de Poesía Joven con ese poemario onde fala do medo a perder a equilibrio.  Escribiuno logo de rematar a carreira. Aínda non conseguira un traballo e xa perdera o amor. Cando eu tiña vinte anos envexaba aos meus compañeiros de pensión. Os seus pais tiñan unha granxa ou como moito unha tenda na vila ou polo menos unha cadeira tras o mostrador dun banco. A diferenza deles, non puiden escoller estudos. Na clase media dos anos 80 Letras significaba Dereito. Asistir a unha facultade menos solemne sería caer aos rolos pola escaleira social. Durante o tempo que soportei aquela absurdo de memorizar de códigos civís de inspiración napoleónica e procedimientos de expropiación comparábame con Marcel Proust. Empezou Medicina sen vontade. O pai gañara a Lexión de Honra como asesor gubernativo en coronavirus e outras infeccións. Escapou de compararse con el. Intentouno nunha pasantía xurídica: «Cando imaxino o horror aparéceseme o bufete dun avogado». Ata aquí o meu parecido con Proust.

Annie Ernaux baixou ao Inferno, que era o ultramariños familiar. Cheiraba a alcohol, mexo e caixas rotas baixo o mostrador. «Os meus pais vendían patacas para que eu puidese sentar nunha facultade sentir falar de Platón». Enmanuel Carrère transforma clasistamente esa pobreza en literatura: «O café dos pais de Annie Ernaux converteuse nun lugar mítico, como o Combray de Proust. Carrère é fillo do secretario perpetuo —en masculino— da Academia Francesa, Hélène Carrère d’Encausse; tamén oficial da Lexión de Honra. Non pode concebir un bar miserable dunha vilela perdida na Normandía. Nin se roza coa ira que sente a gañadora do Nobel a respecto desa burguesía na que se deu incrustado como profesora de Literatura. Ernaux vive nunha cidade cercana a París que inventou Pompidou e trazou Ricardo Bofill a lapis neoclásico. A escritora que sementa novelas na memoria vive nun espazo en blanco, construído sobre a amnesia. Proust faltaba ás clases de Anatomía para colarse nas de Filosofía que impartía Henri Bergson, un pensador que se oponía ao racionalismo coa espada do vitalismo. Proust inspirouse nas súas ideas para a sobremesa da magdalena na que escribiu 2.400 páxinas sobre o tempo que lle escorrentara entre as mans. A magdalena era un biscoito xacobeo, algúen debería comentarllo a Román Rodríguez.

Os procesos electorais que organiza Berta Dávila parécenme máis fiables que os escrutinios de anexión que Vladimir Putin


Logo de fallarse o Nobel corrín á Biblioteca Provincial. Teño libros da gañadora na casa, pero non lembro onde. Para cando cheguei á biblioteca desaparecera toda a obra de Annie Ernaux; como se nunca tivese estado alí. Gústame lela, aínda que non comparta esa idea de que "os Chaleques Amarelos son violencia real contra violencia simbólica". Eu tamén votaría a Jean-Luc Mélenchon se non fose tan túzaro con Europa.

Non podo dicir que non estivese advertido sobre o Nobel. Horas antes de que se fallase a gran lotería sueca Berta Dávila organizara unha porra no Galitwitter na que Ernaux gañara co 40,2% dos votos a escritoras como Lliudmila Utilskaya ou Joyce Carol Oates. Os procesos electorais que organiza Berta parécenme máis fiables que os escrutinios de anexión que Vladimir Putin gaña polo 96 por cento. Circula por Moscova, entre os funcionarios que lle limpan o po ao cadáver embalsamado de Lenin, o chiste de que Guerra e paz de Tólstoi vai pasar chamarse Operación especial e paz. Era sabedor de que Moisés Barcia leva meses preparando a tradución A ocupación para Rinoceronte.

O filósofo francés Levi Strauss e máis críamos, confesionalmente, que o premio Nóbel deste ano sería Shalman Rushdie. O problema é que os suecos non queren un coche bomba diante da Casa da Bolsa de Estocolmo. O rapaz con vocación de matachín que atacou a Rushdie en Nova York ignora que o nome de Versos satánicos responden a un erro. Mahoma foi escribindo O Corán ao ditado do arcanxo Gabriel. Como os veciños da Meca se resistían a ser convertidos á fe verdadeira, o profeta meteu de rondó catro versos sobre tes deusas locais. Os teólogos musulmáns denominaron eses versos as grullas, ignoro o motivo. Os orientalistas británicos do século XIX chamáronos «os versos satánicos», un erro que copiou Rushdie na novela.

Como non puiden levarme libros de Ernaux da biblioteca conformeime con varios de Proust: un sobre Proust en zapatillas de casa, outro sobre como debemos manexarnos na vida para parecernos a Proust e un terceiro sobre os amores de Proust. Dáme a sensación de que a Annie Ernaux non lle interesa Proust, esas frases longas coma ríos e cargadas pesadamente de matices, esa existencia determinada pola tristeza que inunda cando os invitados marchan e quedas ti so, mirando ao chan, coa copa de Veuve Cliquot na man, mentres o servizo vai recollendo a fonte do faisán. Cando tiña convidados, Proust comía un prato do menú con cada un deles.

Falo con Ismael Ramos:
—Escribín Lixeiro no barco da pasaxe entre Cangas a Vigo. Foi no móbil porque non tiña tempo traballaba e durmía pouco. Proust escribiu todo o que escribiu porque tiña tempo.

 Annie Ernaux comprou tempo para escribir a mot juste (a palabra exacta) de Flaubert e, sobre todo, o realismo brutal de Zola. Zola era bisneto dun capitán dos Fanti, soldados da República de Venecia; neto dun tenente das illas Xónicas e fillo dun tenente de artillería ecuestre do exército imperial de Eugène de Beauharnais. Pero soubo descender uns banzos na escaleira social para escribir. A premiada co Nóbel estudou unha carreira detida e perversamente coma quen estuda o xeito de cometer un crime. A oposición funcionarial foi tamén oposición política. Ismael Ramos é demasiado boa persoa como para sentir un resentimento de clase que envelenase o seu talento. 

—Quería estudar un master de Estudos Culturais. Deime conta de que era pobre e que tiña que traballar para pagarmo.

Non sente o amargor da francesa, pero comparte con ela a visión da literatura.
—A miña poesía é política polo xeito no que a escribin. Annie Ernaux di que estaba condenada a ser funcionaria.  Eu teño esa sensación de estar condeado ao mesmo porque iso proporciona estabilidade a min e a xente que me rodea. Conseguín salvarme ao aprobar a oposición,pero non teño esa sensación de dar un salto de clase. Parece que son clase media porque son profesor de secundaria e escribo libros, pero os meus vínculos afectivos seguen estando na clase baixa.

Unha habitación propia para Annie Ernaux
Comentarios