jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Hamburguesas grandes coma ovnis

Quique Bordell, agora Piantao. J.VÁZQUEZ
Quique Bordell, agora Piantao. J.VÁZQUEZ

ESPERANDO a que me resolvan as cousas por arte de birli birloque, fun a un cafetería de señoras para tomar un chocolate. As señoras de Lugo teñen un olfacto afinado para os pinchos de tortilla. Por iso busco cafés nos que sexan maioría. Sentei nunha cafetería de señoras co libro David Hockney. Life (El Taller de Elba) de Jean Frémon. Ao meu carón había mulleres coroadas por peiteados suecamente loiros. Admiro a rapidez e a inoportunidade coa que desenfundan o móbil con fotos dos netos. Fixéronme pensar en que unicamente as persoas que se deixan sorprender logran ser felices.


A sorpresa anula a memoria nun primeiro momento, pero acaba integrada nela. O pintor británico David Hockney (Bradford, 1937) defende que "vemos coa memoria e os sentimentos" , aínda que el valora cada nova tecnoloxía. Logo as incorpora ao traballo.

Coa chegada das tabletas deixou os pinceis por un tempo. As pizarras electrónicas non lle cabían nos petos das chaquetas coas que pinta ao aire libre, pero non quería que tiralas nun contenedor de Umano. Mandou coser un peto interior en todas.

Hockney declárase fascinado polo xeito noque as tabletas invirten a procedencia da luz: agora non cae sobre a imaxe representada, senón que nace dende atrás dela. Ese cambio era vantaxoso para a súa perspectiva inversa, que el colleu das iconas bizantinas. Consiste en que, se representa unha mesa, en vez de debuxala coas liñas avanzando cara ao fondo, faino avanzando cara ao espectador. Dese xeito, quen contempla a obra pode facelo dende dous puntos de vista. Engade unha segunda vida á que se vive nese momento.


Pola noite do luns vivín outra existencia. O meu fillo estaba de aniversario. Antón é ben orixinal –como o fillo de calquera—, polo que pediu cear pan longo e furado cunha salchicha no medio. Fomos ao Papéame, un bar que sirve unhas hamburguesas inmensas coma pratiños voantes. Atópase segundo se sae da cidade. Instalar ese negocio nas aforas é o unico xeito de dispor de espazo para manexarse nunha cociña que satisfaría unha merenda de Gargantúa e  máis do seu herdeiro, Pantagruel.

Contemplando os tamaños dos pratos que nos foron colocando na mesa, acordei de Hockney, obsesionado por facer obras das maiores dimensións. Sempre buscou destacar. "Pintar en Los Ángeles foi doado porque era o primeiro; en París era máis difícil porque alí pintaran os mestres", afirmaba o artista. Así que empezou a competir en grandeza física cos seus admirados impresionistas e a pintar directamente na natureza.

O libro de Hockney comprárao en Lectocosmos o día en que fun presentar El misterio del cine de Antonio Costa Gómez. A novela trata dun cinéfilo que se descubre con capacidade para suar películas; non en pingas cheirentas, senón en viño que lembra o filme ao beberse.

Antonio aproveitou a viaxe a Lugo para visitar as fontes do Miño. Os da Pastoriza sitúano na Pastoriza e os de Meira, en Meira. A medida que mo contaba imaxinaba o escritor cos seus ollos verdes de espía lituano e o seu camiñar compacto saudando felizmente como saudou Stanley a Livingstone en 1871 ao atopalo no lago Tanganika:
—Doctor Livingstone, supoño.

Stanley tampouco precisaba ser o número 1 da súa promoción para recoñecer o explorador que fora buscar as fontes do Nilo: era o único branco entre negros.

Antonio Costa, como o seu protagonista, ten dúas vidas: a vivida nas lecturas e a aburrida. Hai tres anos chameino. Faloume:

—Hola, soy Antonio Costa. Me gustan las orquídeas, el vino y Jacqueline Bisset. Dime lo que quieras después de que suene el pitido —respondeu a súa voz que, gravada no contestador, soaba impactante como a de Dart Vather.

Costa non ten móbil. Tampouco o necesita porque, de chamalo ao fixo, fai o posible por non contestar


Ao día seguinte volvín intentalo. Colleume. Describiume as súas fontes do Nilo: viña de atopar un viño francesísimo e baratísimo. Describiume as cualidades olfactogustativas durante un cuarto de hora. Fíxome apuntar o nome e, ao rematar, permitiume que lle contase que sería unha honra que Táboa Redonda puidese contar co seu caudal de lecturas e coa súa precisión estilítistica. Costa non ten móbil. Tampouco o necesita porque, de chamalo ao fixo, fai o posible por non contestar.

O pintor Quique Bordell comprou móbil hai uns meses. Nunca o chamo porque me contesta unha voz gravada dunha señora de Alcantarilla para explicarme que ten apagado o teléfono. Sinto curiosidade por como sabe a señora se o teléfono de Quique está operativo.

Bordell inagurou unha exposición en About Art de Lugo tras 18 anos sen facer unha individual. Como non daba falado con el, fun visitalo ao estudo de Campo Castelo. Está nunha casa de balcóns, tres andares e pedras. Gustábame máis visitalo antes, ao principio do milenio, cando puxera no portal unha praca que poñía Se reserva el derecho de escucha y admisión. Andados os anos, cambiouna por outra que dicía Asesino a sueldo.

—Tuve que cambiarla, Elgorriaga, porque se me acumulaban los encargos.

Bordell chámame Elgorriaga en vez de Jaureguizar, como me chama a muller cando ten ir solucionar cousas comúns polo centro de Lugo. Quique argumenta:

—Pronunciar Elgorriaga es más fácil que pronunciar Jaureguizar y me recuerdas al chocolate Elgorriaga.
 Intento tomar a ben o comentario. Non é nada persoal, é que odía o rexistro civil. Na súa enmenda á totalidade ao que sexa oficial, inventou o apelido Bordell. Acabou por substituílo por Visceral B, Piantao e, agora, por El Buen Salvaje. Como Pessoa, pero en menos pedante e menos ambicioso.

"Tenía que ir a ducharme a un ginmasio de boxeadores. Me costaba 5 dólares"


O pintor de Lugo soamente quixo triunfar en Lugo, como eses toureiros da posguerra que sabían que a fame dá máis cornadas no estómago que o touro. Un marchante levouno a Nova York hai uns anos. Meteuno nun baixo para que xenerase cadros e cadros. Vía nel un novo Basquiat. Tratouno como unha fábrica clandestina para marcas falsas de roupa.

—Tenía que ir a ducharme a un ginmasio de boxeadores. Me costaba 5 dólares. La parte buena es que me hice amigo de un cubano que había entrenado a Mike Tysson.

A súa carreira internacional foi tan fulgurante que tardou tres meses en volver a Lugo. O marchante era Bergantiños, un emigrante de Guitiriz que comezou a súa fortuna vendendo peixe en Nova York. Facía o reparto máis rápido do Alto e o Baixo Manhattan. Comprara unha ambulancia. Conectaba a sirena. O tráfico, cos seus taxis amarelos, abríase para el como as augas do mar Morto se separaron para que Moisés non mollase as pernas. Bergantiños acabou vendendo arte contemporánea. O seu catálogo era o mellor:

—Elgorriaga, traballei para a persoa que vendeu o Rothko falso máis caro da Historia —ría Bordell o xoves.


Bergantiños metera un artista chinés e vello nun garaxe para que producise cadros de Pollock a esgalla, como se fosen camisas de Lacoste ou Tommy Hilfiger. Quique Bordell descubriu neses meses o carácter ruín e efémero dos mercados máis sofisticados da arte.

Nunca lle contei a historia de Manet, que pediu 800 francos a un cliente por un cadro cun feixe de espárragos e recibiu 1.000. O pintor enviou ao comprador outro lenzo cun único espárrago:

—Faltaba este.


 Quique Bordell foi unha vez á televisión. Pedíronlle que definise a arte. Agachouse para coller unha boneca inchable que gardara baixo a mesa. Quitoulle o tapón e soltouna. A figura de plástico saíu voando, facendo pinchacarneiros a medida que se desinflaba. Acabou, engurrada, no chan.

Hamburguesas grandes coma ovnis
Comentarios