Blog | O Cabaret Voltaire

Pensa en que estás cantando ‘Mi carro'

Os Peares son unha xeografía, non un destino; pero foime estación término o sábado. Catro casas, talvez 27 ou 28, e un océano de toneladas de auga precipitándose dende o encoro. Na taberna catro homes xogan a partida, talvez sexan oito ou nove.
Millán Astray
photo_camera Millán Astray

A PRAZA baleira, de pé e con chuvasqueiro, hai unha cara que me quere soar. Morris, o actor. Achégome. Non pretendo fundar unha amizade nin sequera rogar unha firma.
—Perdoe que o moleste. Unicamente quería saber se está rodando algo e debo empezar a traballar inesperadamente.
—Non, non. Estou de visita. A miña familia é de aquí... Os Moreiras.

Foi un encontro inesperado como descubrir un cadro debaixo doutro. A directora do Museo de Bellas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque, naceu en Lugo como todo coruñés de oito apelidos con raigames sumerxidas no Parrote. Mándame o catálogo da mostra Pinceladas ocultas. Atoparon un San Xerome arrepentidísimo pintado baixo o mesmo lenzo que Arrepentimento de San Pedro por Francisco Collantes. Como é un cadro grande houberon de pasalo polo escáner onde deitan os cabalos no hospital veterinario e lucense Rof Codina para poder descubrir ese misterio. Cadros tratados inesperadamente coma equinos.

Emprendín unha terapia. Cítome con persoas que teñen problemas de parella polos seus mares de libros. Rafa Mallo, batería de Triángulo de Amor Bizarro, díme que está en período de abstinencia, nunha dieta severa de evitar consultas en Iberlibros. Nesa web, os afeccionados salivamos con rarezas que nos abren os ollos violentamente —como na laranxa mecánica de Burgess— para que carguemos as alforxas da tarxeta BNext.

Tomo un café con Rafa, pero non falamos do álbum que vai quitar a banda de Boiro logo de que florezan as cerdeiras. Non falamos da súa colaboración con Los Punsetes, non falamos de autores fusilados nin das lecturas posteriores ao Apocalipse. Falamos de andeis elevados, ringreiras dobres, baixos de somier e outros trucos para meter máis libros dos evidentes nunha vivenda compartida. Fálolle do meu mito:
—O historiador Xosé Ramón Barreiro púxolles un piso na Coruña. Di que non ten amante e que tiña que darlle un uso. En Juan Flórez. Nin tan mal.

Torrente Ballester  amosou a Cunqueiro un catálogo monocolor de camisas azuis para que non se metese en política, como fixera Franco

Alguén debería crearnos unha app con solucións para os libros. Damos en falar de Cunqueiro, un falanxista inesperado. Pasou de soñar mil primaveras para unha Galicia exenta de España a sentar nas cadeiras xornalísticas máis depuradas do réxime. Conteille a Rafa Mallo que foi Torrente Ballester quen lle amosou un catálogo monocolor de camisas azuis para que non se metese en política, como fixera Franco.

O ferrolán aínda cría daquela, con Verdi, que unha volta ao pasado patrioconfesional sería un progreso. Non tardou en reparar que Franco era un entusiasta do franquismo e un utilitarista do falanxismo. Logo compartiu decepción cos dionisios Ridruejo.

Daquela acabou impoñéndose a liña tosca e aletrada dos pepes Millán Astray, que era tan tan coxo, tan manco e tan torto que soñaba cada noite coa morte. O fundador da Lexión sabía que estamos feitos da materia dos soños e por iso daba vivas á defunción.

Cunqueiro pousou brandamente coma unha pomba dourada no niño novo do vento primoriverista. "Es preciso que cantemos hasta el fin./ Que José Antonio sepa que no hay miedo/ ni culebras ni fango ni hambre cruda". Nunca padeceu de exquisitez moral. Marchaba feliz cos que ían á feira e volvía contento cos do mercado entoando réquiems ao protomártir: "¡Oh tú! Esa hermosísima voz que nunca cesa./ ¡Oh tú! A quien los hombres llaman/ ven, ven a cantar con nosotros las canciones de tu propio sueño". Esa lírica non se pode recordar en calquera circunstancia moral e etílica como si acontece con "mi carro/ me lo robaron/ anoche de romería".

Onde se sentía máis cómodo o vividor de Mondoñedo era lendo os "contrailustrados", como lles chama David Rodríguez, O Funambulista Coxo. Esa palabra é ben precisa para definir a Barrés, Chautebriand, Caneiro, Stendahl,... e outras lecturas de Otero Pedrayo. Don Ramón mantuvo unha postura máis "digna" durante os corenta anos de calafrío, pese a ser conservador e católico. Contábao o venres o historiador Ramón Villares, tras saberse gañador do Otero Pedrayo xunto o escritor Paco Martín.
Paco négase a comprar unha gravata nova para a entrega:
—Teño unha que me custou corenta pesos e soamente puxen dúas veces. Aínda ten aproveitamento.

Pero o Feijoo narrador é Pedro, o neto de Manuel de la Fuente, o xornalista quen compartiu amizade e Faro de Vigo con Cunqueiro

Otero Pedrayo foi máis digno que Cunqueiro, tampouco lle tivo dificultade. O mindoniense acabou traballando en Vigo, anos despois daquel ocaso solleiro de 1936 no que a Lexión Cóndor desfilou por Príncipe en 1936. Eu coñecín esa procesión da gadaña con forma de esvástica a través de Os fillos do lume, a novela de Feijoo.
—Feijoo e máis eu temos nada que ver —confirmoume Morris cando me sorprendín de que cadrase a súa orixe coa do presidente.

Pero o Feijoo narrador é Pedro, o neto de Manuel de la Fuente, o xornalista quen compartiu amizade e Faro de Vigo con Cunqueiro.
Pedro andou de promoción da novela Un lume azul por toda Galicia.Confesoume que teme aburrir aos asistentes ás presentacións porque repite discurso en cada acto.
—Imaxínate cantando Mi carro.
—Como dis, Jaure?

Unha vez entrevistei a Manolo Escobar. Pregunteille se non cansaba do seu tema máis sonado. "Estoy harto, odio esa canción. Por mí no la cantaría nunca, ¿pero qué puedo hacer? Esta noche, por ejemplo, actúo en Sarria. Hace cinco años que no lo hago. No puedo decir al público de Sarria que me niego a cantar Mi carro porque han gastado sus buenos dineros en contratarme". Pedro comprendeu ao instante:
—Levas razón. Cantarei Mi carro en cada presentación de Un lume azul.

Alfredo Conde tamén publica novela. Homes de ferro (Ézaro) está protagonizada por catro irlandeses que fixeron o Camiño de Santiago dende a illa esmeralada ata A Coruña. Navegaron inversamente a aqueles protogalegos que foron dende Galicia ás Illas Británicas para espallar o ADN celtico e atlántico que festexaría Otero Pedrayo. Os mariñeiros remaron ao xeito neolítico nunha balsa incerta e precaria de tronco atado. Esa arte do mareo ancestral sería perfeccionada polo Apóstolo Santiago cando zarpou nunha barca de pedra dende os territorios palestinos e ocupados para atracar en Iria Flavia.

Triángulo de Amor Bizarro convenceume integramente; sobre todo, co tema De la monarquía a la criptocracia.


Año Santo é o disco co que Triángulo de Amor Bizarro me convenceu integramente; sobre todo, co tema De la monarquía a la criptocracia. Xa os seguía dende o primeiro porque me resultara inesperado grazas a  El fantasma de la Transición. Pero nada disto falei con Rafa Mallo. Libros, libros, etc.

O mércores debía ir a Marín para recoller un botón de ancla. Chamo a Alfredo Conde o martes para facer parada na súa casa de Brión para falarmos de Homes de ferro. A resposta foi inesperada.
—Non podo quedar—dime—. Teño que levar a Millán Astray á Coruña.

Púxenme pálido. Sabía dos milagros parlamentarios de Vox, da súa capacidade para recrear un museo de cera marcial e patriótico, para entoldar España cunha lona vermella e gualda e para erguer unha pedra inmensa en Xibraltar. Sabía do seu amor polo franquismo que está velado baixo a pintura da democracia. Nunca pensara que serían quen de devolvernos o fundador da Lexión Española, o máis depurado intolerante que deu a sabia e liberalísima Coruña dos juanes Díaz Porlier.

Desbotei que Alfredo trasladase un Astray en carne viva. Por un segundo pensei que levaba a estatua de Millán Astray para devolvela dignamente o seu lugar, pero cústame representarmo nese desatino vestido de azul "con su camisita y su camesú". Diante do meu silencio temeroso e perplexo, aclarou a gorxa cun tusido que soou coma o percutor e informoume:
—Millán Astray é un can que teño, que é torto e coxo,e o que lle falta un ovo.
O mundo xira, a vida permanece. E a morte? Esa desleal nin vivas merece.