El tiempo
domingo. 25.09.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Os tomates verdes, os gatos valentes

Unha persoa acaba definida polo seu enterro. Tardei anos en comprendel. De feito, foi o luns, na despedida a Saleta Goy cando puiden ver a fotografía definitiva de quen foi a muller sobre a que tanto escoitara falar. A viúva de Manuel María era un tema de conversacion literaria. Os sabios seguen pesando a influencia na obra e na figura do seu home.
Uxio Novoneyra, Saleta Goy e Manuel María
Uxio Novoneyra, Saleta Goy e Manuel María

CANDO CONDUCÍA dende Lugo a Outeiro de Rei fun atento á potencia do coche, que me perdía forza nos cambios de marcha, e imaxinando un diccionario de literatura. O lóxico na despedida á muller dun poeta é atopar un corpo doctrinal de profesores, críticos e escritores. Outeiro quedou pequeño para a cantidade de amigos e admiradores que foron dicir adeus a Saleta Goy.  A vila é un grupo de casas á esquerda da Nacional. Está artellado en torno a unha praza na que a casa consistorial chama a atención polo seu bandeirío: galego, español e europeo; pero que queda apagada pola personalidade  inmanente  e pétrea da Casa de Hortas.

Era o centro emocional de Manuel María, o lugar onde manba o vento da súa poesía que acababaaniñando en Monforte, onde vivía. O luns, dicía antes, cando se enterrou a Saleta, había unha ventá na que maduraban uns trinta tomates de todas as colores, nun abano que ía do verde ao vermello. Os gatos durmitaban sobre os muros de pedra do país, podías achegarte a eles sen que movesen o bigote. Deben de estar afeitos a ver visitantes na casa, como o hortelán —que non tiña can que nin coma nin deixe comer, pero si tomates— debe confiar en que ninguén llos levará.

Outeiro de Rei tivo que estender as costuras para que entrasen todos cantos acudiron á marcha de Saleta. Eran moitos. Se fose máis atrevido e aínda máis esaxerado  aínda do que son afirmaría que os únicos presentes que non militamos na Unión do Pobo Galego eramos Valentín García, que dirixe o asunto lingüístico para a Xunta, e máis eu. Se un director de cine político quixese filmar un documental sobre a historia da UPG atoparía en Outeiro todos os personaxes que deberían facerlle declaracións, dende Lois Diéguez a Ana Pontón, pasando por cargos medios e figuras que destacan xa no noviciado. Seica estaba Paco Rodriguez. Non o vin, pero el sempre se move no segundo plano.

O enterro non foi unha despedida literaria, senón un funeral de Estado, dun Estado soñado e desexado por todos cantos alí se presentaron, talvez; menos por Valentín, supoño, e por min, que somos máis do prudente ou do timorato, elixan vostedes. O sepelio podería ter sido un enterro compulsado oficialmente, unha procesión fúnebre en diferido como o de Sabela II; pero a UPG non pode permitirse a pompa e boato por reparo estético. Concentrou a carga simbólica nas laudatios, nas cancións, nos puños erguidos e na bandeira coa estrela encarnada —que dicían, contrariados, os fascistas de primeira hora por evitarse o calificar de 'roja' a bandeira da súa patria estreita de pensión, Nodo e ouriñal—. Os comunistas levantan o puño dereito; os socialistas, o esquerdo. Como teño problemas de lateralidade dende neno deixei as mans caídas e mansas.

Margarita Ledo comentárame:
—A obra de Manuel María está polinizada por Saleta, mesmo tematicamente

Sentira falar da firmeza ideolóxica de Saleta, aínda que nunca entrei nese campo de conversa con ela. Este periódico págame polo literario, así que lle preguntei pola cuestión en 2016, cando lle dedicaron o Día das Letras a Manuel María. Non se me escapa o político, non ignoro que Manuel María foi concelleiro por Monforte da Asemblea Nacional Popular Galega, que desembocaría no Bloque. Daquela non se lles ocorreu facelo edil de Cultura, senón de Sumidoiros e Varreduras. Lograron decepcionar a aquel franciscano que falaba cos pardais e que bautizaba boas persoas cunha vieira no regato de Cepelo.

 A súa muller marcaba  a ruta. Saleta era hábil. Margarita Ledo comentárame:
—A obra de Manuel María está polinizada por Saleta, mesmo tematicamente.
Ela disimulaba o seu peso na parella.Na entrevista que me concedeu mesmo relativizaba a súa dimensión. Era o seu modo de manterse nun segundo plano, de levantar o mito sen que se notase que ela fabricara o molde:
—O meu home era unha persoa normal, que levou unha vida normal; aínda que tiña unha facultade.
Falaba do seu talento para escribir, claro. Mesmo cando comentaba a súa mellor obra nunca perdía a oportunidade de trazar a pincelada de sarcasmo:
—Os criticos ven cousas na súa poesía que el nin sabía que estaban.
Pero nin nese momento de distancia e humor perdía de vista o seu obxectivo:
—A obra de Manuel María non se entende sen o mapa de Fontán. Unha vez ao ano pechábamos a librería durante quince días para viaxar. Viaxamos por todo o sur de Europa, pero el vía a súa terra en todos os lugares. Visitamos un sitio perdido en Grecia, que se chamaba Paradisus. Foi onde escribiu aquel poema no que dicía que pechaba os ollos para dentro e veía o seu Paradisus, que era Outeiro.

Eu elevaría a observación de Margarita Ledo a opinar que, máis alá de polinizada, a poesía de Fernández Teixeiro foi enmarcada pola Saleta dentro duns límites e unhas características. Poida que a ela non lle importasen as palabras, as metáforas ou que tratase de ser un trasunto de Francis James; pero sí era responsabilidade súa, en tanto que materia política, a introdución das materias social e patriótica na trama de Manuel María. Parece realista pensar que llo facía indicaba.

Un periodista e amigo de Manuel María explicoume a diferenza entre ir visitalo e ir entrevistalo cando ía á libería Xistral, que o matrimonio mantivo en Monforte.
—Cando ías velo sentábate enfronte del e pedíache que non fumases. Prendía un cigarro. Se sentía os pasos de Saleta dábache o cigarro. «Xa estás fumando, Manuel!», inquería ela. «Non, non, que vou estar fumando? Eu non son». Cando ías entrevistalo, Saleta sentaba ao seu carón. Non corrixía a Manuel en nada,non era necesario.
Outro monfortino contoume de cando foi pedirlle unha colaboración para o libro que se publicaban con textos de persoeiros da cidade onde o poeta botou corenta anos.  Saleta asistiu á conversa.
—Houbo un momento en que entrou un cliente na libraría e ela foi atendelo. Manuel María escribiu un poema  ás présas e regaloumo. Aínda o conservo.

Mercedes Queixas fixera unha defensa pechada cando publicou unha biografía de Manuel María

O salón de actos da Casa de Hortas quedou cativo, o cemeterio foi insuficiente; así que permanecín no exterior, saúdando amigos. Entre eles dous sabios en literatura, coñecedores fundamentados da poética de Manuel María. Ramón Reimunde quitou un libro chairego e leume uns versos do chairego sobre un poeta morto. Parecéronme bonitos e acaídos, pero non os recordo. Tampouco sei o motivo de que Ramón levase esa obra na chaqueta. Como bo manuelmariísta, Bernardo Penabade expuso o debate sobre a calidade lírica do autor de Outeiro. Para Bernardo é excelente. Recoñeceu que escribiu moito e que iso chama pola necesidade dunha escolla.

Mercedes Queixas fixera unha defensa pechada cando publicou unha biografía de Manuel María. Foi no ano no que protagonizou as Letras Galegas, que é cando os escritores revelan a súa importancia para ser estudados.
—Foi un autor que tivo que recorrer ao exilio para publicar, porque aquí non podía, e que despois foi minusvalorado polo seu compromiso político frontal e por ser considerado demasiado popular.

A UPG foi quen lle puxo o título de Poeta Nacional, que eu reservaría para Celso Emilio Ferreiro ou para Xosé Luís Méndez Ferrín; pero recoñezo que estes dous foron desviacionistas e pagaron polo seu compromiso político, tan frontal como o de Manuel María, pero heterodoxo.

Os tomates verdes, os gatos valentes
Comentarios