Blog |

A cidade como fase

Xa é momento de gozar das nosas cidades como a máis recente fase do noso vello territorio

"MARCHA A estrada cara Vigo, cidade de fortuna, que herdando á vetusta Baiona, nin ten a súa historia nin os venerandos recordos doutras prosperidades e doutras glorias Nada garda dentro dos seus breves muros para o anticuario e o historiador"
Manuel Murguía, Historia de Galicia (1868)

144. Cada cidade de Galicia é unha historia. Soa a verborrea marketiniana actual, pero o asunto é bastante máis profundo do que parece. Unha das aprendizaxes máis interesantes que estou tendo como comisario do proxecto Cidades no tempo —promovido pola Consellería de Cultura, a Cidade da Cultura e Afundación— é mergullarme na narrativa do pasado de cada unha das cidades galegas. É dicir, non só no propio pasado, senón en que pasado se conta. Como calquera relato histórico, o pasado está construído de omisións e de recordos. No caso de Vigo, esta frase de Manuel Murguía mencionada ao principio tense convertido nunha especie de gasolina para os investigadores locais e que os alenta a contradicir ao patriarca da historia galega.

Digámolo de principio para situarnos: Murguía non tiña razón. O pasado de Vigo, tanto o anterior como o posterior á súa declaración de cidade por parte de Fernando VII, é rico, suxestivo e aínda cheo de moitas incógnitas. Non só iso: podemos recoñecer perfectamente as trazas dese pasado entrecruzadas coa densa malla urbana da cidade. Dito doutro xeito, se cadra algo provocador: a cidade é unha fase dese territorio. Desde esa perspectiva achégome a cada unha das cidades galegas. Non como se foran algo extraordinario, senón unha evolución posible dalgunhas partes do noso territorio. Esa visión non aílla ás cidades do que sucede ao seu redor, senón que as integra e as comprende, en todos os sentidos da palabra comprender. Pero tamén deixa atrás esa mirada ás veces fascinada en exceso sobre a cidade como solución aos males do país.

Acabo de inaugurar a exposición Vigo no tempo e, como sempre acontece no momento no que entregas unha mostra tan poliédrica ao público, ficas case con máis preguntas que respostas, porque unha exposición sobre un tema tan amplo e sinuoso como a identidade urbana deixa un regueiro de pezas desbotadas. E unha desas preguntas que me facía é que levaba a Murguía a afirmar tal cousa de Vigo: sen dúbida, velaí está a idea de cidade que podía existir no século XIX, pero tamén algo máis profundo que está na cerna da identidade galega. Murguía recoñecía en Vigo un alento de cidade que non procedía do mesmo lugar que as outras de Galicia. Malia ser considerado un liberal, Murguía seguía en moitos dos seus parámetros unha visión do mundo máis propia do conservadurismo; é certo que lle escapa ao catolicismo cultural máis casposo e buscaba unha certa emancipación do relato histórico en relación á Igrexa, pero desconfiaba terriblemente dun universo comercial e produtivo que sempre mirou con reparo. Especialmente é interesante isto porque foron precisamente os cartos do comercio dos emigrantes galegos en Cuba os que alicerzaron a fundación da Real Academia Galega da que el sería o seu primeiro presidente. Vigo parece ser para Murguía  unha anomalía un pouco incómoda, un problema que non sabía ou quería resolver. E non era o problema da Coruña, era máis ben quen vivía en Vigo e de que mundo social —ou mesmo xeográfico— procedía, e o que pensaba.

"O mundo móvese e Vigo non acouga"
Xosé Luís Méndez Ferrín, Faro de Vigo, 2023

142. Penso na historia de Vigo como a dun relato de multiplicación. Non é posible multiplicarse por cero. Hai que partir de algo que xa existe para magnificalo. No discurso de inauguración avancei como no proxecto de Cidades no tempo a presenza da cidade estivo moi presente desde o primeiro momento no debate sobre como abordar as exposicións. Tiña a sensación de que se entendiamos Vigo dariamos con certa clave do feito urbano de Galicia e a súa intrincada malla —moitas veces caótica— entre o urbano e o rural. Que conseguiriamos entender dous conceptos de poboamento que non son opostos entre si, senón que converxen, mesmo nas fases de máis expansión. O que me atopei foi tamén outra cousa: entendín dun xeito novo por que resultaba molesto este relato urbano, dentro dos xogos de poder da Galicia que camiñaba cara a modernidade. Se pensamos na idea que hoxe temos da identidade de Galicia como unha consecuencia dunha loita de clases e poderes, ábresenos un mundo de posibilidades.

"O edificio dos betilos permite comprender como as relacións entre o mundo ártabro e mediterráneo expresáronse a través dunha construción de influencia híbrida, un verdadeiro middleground que canalizaba estas interaccións transculturais a través da sacralización dun espazo común"
Samuel Nión. Spal, 2023

145. A capa de identidades viguesas atravesaba con certa facilidade os tempos e os contextos históricos, ás veces de xeito abraiante. No centro de Vigo no tempo hai unha instalación que enfatiza isto. Velaí aparece o cipo ou betilo de Toralla, unha especie de menhir de carácter cultual atopado no xa desaparecido castro desta illa viguesa. Estes cipos téñense intepretado polos especialistas como consecuencia da profunda interacción entre os mercaderes púnicos da área gaditana e as comunidades galaicas do noroeste. Son formas púnicas, pero aparecen en edificios e contextos locais. Con esta peza construímos unha especie de historia circular, proxectada a partir do centro da peza. Para entender toda a historia debes xirar ao redor do cipo como nun espazo sagrado. 

Estas pezas son excepcionais, un dos poucos exemplos recoñecibles de espazos sagrados da Idade do Ferro. Pero hai algo intrigante, case perturbador. Os cipos en Galicia só se teñen localizado en dous lugares: na ría de Vigo, en Toralla e Alcabre ou no cangués Facho de Donón, e no castro de Elviña, na Coruña, onde recentemente o arqueólogo Samuel Nión publicou un estudo sobre o pequeno templo que acolle os cipos de Brigantium, e con conclusións que poden ser trasladables a Vigo. O perturbador é o seguinte: as únicas zonas do país nas que aparecen eses misteriosos cipos hai máis de dous mil anos, manifestación única e poderosa das interaccións do pasado, deviron co tempo nas dúas grandes cidades da Galicia contemporánea. A cidade galega é, non hai dúbida, unha fase.

Comentarios