jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

A sombra do que fuches

Subimos ao monte Pindo con setenta persoas para visitar a fortaleza da Moa e celebrarmos o Día Mundial do Patrimonio. Era a primeira vez que se facía un roteiro monográfico deste gran sitio arqueolóxico do occidente galego, que está aínda sen catalogar oficialmente.

VISTA


FORTALEZA, un inmenso recinto fortificado emparentado coas tamén enigmáticas fortalezas en altura da depresión meridiana, énchenos de preguntas. Quen a fixo e por que? Os castelos galegos adoitan ser moi pequenos porque responden, ao cabo, a unha sociedade de minifundio. Os ricos eran moito menos ricos que en Francia ou en Castela, así que as dotacións militares que podían pagar eran minúsculas e os castelos pouco máis ca torres. Pero a fortificación da Moa do Pindo —como Castro Valente (Padrón) ou o Monte Aloia (Tui)— coas súas dez hectáreas de superficie, desafíanos, porque se cadra nos propón modelos sociais que non encaixan con facilidade na nosa visión do pasado. Quen é capaz de delimitar un espazo de máis de case tres quilómetros de perímetro? Que tipo de poder deixa esa traza?


OLFACTO


Que estraña sensación é esta que teño. O xoves pasado inauguramos a exposición Galicia, un relato no mundo. O proxecto monopolizou todo o tempo que tiña dispoñible durante un ano. Parei temporalmente participacións en medios —non en Táboa, como saben, que empreguei precisamente como unha táboa de salvación no medio da tempestade— e gorentosas posibilidades. Durante todo este tempo non puiden escribir nin unha soa liña de ficción. Agora síntome coma un Ulises que retorna a casa cunha notable sensación de estrañamento. Por onde continuar a miña vida? Cal dos textos iniciados retomar? Como decidilo?


TACTO



O gran problema de abordar a literatura despois dun parón de certa distancia é que un nunca volve ao mesmo lugar. Poderá haber escritores que vaian escribindo libros coma quen fai esculturas, nas que se paras e volves continuar despois dun tempo, tes que partir necesariamente do xa feito ou, máis ben, do xa perdido. Na literatura sempre está a tentación do punto de partida, de comezar de novo porque o señor que escribiu esas páxinas no seu momento xa non es ti: é unha sombra máis ou menos tenebrosa no inferno, un espectro que ninguén recorda agás ti mesmo. Ás veces recoñeces nesa sombra habilidades que xa non tes, capacidades de resolver escenas literarias que hoxe, pensas, non darías conseguido. Pero non nos enganemos, as máis das veces, é unha sombra inocente, inxenua ou atrapada nos postureos. Medrar —literariamente e non só— debera consistir en distinguirse das sombras do pasado.


OÍDO


O profesor Masahiro Mori creou a principios dos 70 a hipótese do inquedante val, o uncanny valley. Consiste en que os humanos temos respostas de rexeitamento cara a os androides que se aproximan demasiado á fasquía e ao comportamento dun humano. Este demasiado é importante, porque os seres humanos tendemos a humanizar os androides xa desde os primeiros xoguetes da prehistoria, pero só ata un punto. Logo nos dan noxo ou, en realidade, medo. Aos escritores pásalles o mesmo cos seus pasados. Hai pouco lembreille a un coñecido escritor o moito que me gustara a súa primeira novela. Miroume con espanto e rexeitou falar do asunto. Creo que el se sentía ruborizado con aquel primeiro traballo: sospeito que estaba eu máis próximo a aquel autor do que el. En xeral, os escritores tendemos a mirar as nosas primeiras obras co horror do inquedante val. Están demasiado próximas ao que somos na actualidade como para verlle todas as malas costuras e remendos. Rexeitámolas polo baixo, pero é como unha condena: na medida en que seguen nas bibliotecas, de cando en vez aparecen lectores que invocan a eses espectros do pasado sen que poidamos evitalo.


GUSTO


Hai moitos anos, nunhas xornadas de arqueoloxía, Xurxo Ayán e máis eu vimos aparecer á hora do café un home que fora un mito da nosa adolescencia. Aquel señor escribira un memorable catálogo arqueolóxico que fora relevante na educación da nosa curiosidade. Das xornadas non lembro moito —un arqueólogo na tribuna falando pestes dos seus colegas e un biscoito excelente cos cafés— pero si do que nos pasou con aquel señor. Xurxo e máis eu fumos xunta del a darlle as grazas polo que significara aquel libro para nós. El mirounos horrorizado, deu media volta no medio da nosa conversa e literalmente fuxiu, deixándonos coa palabra na boca. Certo é que o libro quedara desactualizado. Pero é o que lle pasa á maior parte dos libros.


DIVERSIDADE


Certamente, a diversidade cultural dos premiados nos galardóns culturais do Ministerio de Cultura está chamando a atención de todo o mundo. Benvida sexa, por certo. A min animoume a volver a Bernardo Atxaga e estoulle metendo o dente a El hijo del acordeonista (Alfaguara, 2004). É curioso, con Atxaga pásame o mesmo que cos escritores xaponeses. Durante un tempo, cando o lía, estaba convencido de que me perdía algo. Agora déixome levar un pouco máis por esa escritura sinxela. Pero ao caso: en que medida esta diversidade de premios ten que ver co contexto político? Haberían estes premios de ser outra a situación? Que nos queren demostrar e a quen? E por último e o máis escamante,  en que medida estes premios teñen que ver, en realidade, coas disensións internas en lobbies antes bastante cohesionados? Pero como dicía antes, estes nomeamentos deberan ser ben máis motivo de celebración que de suspicacia. Brindemos pola diversidade.

A sombra do que fuches
Comentarios