domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

Arquivos da nada

Nos vindeiros anos asistiremos á progresiva desaparición do legado creativo dun rapaz brillante: Esteban Yáñez. Segundo creben as empresas de internet e as súas cabeceiras dixitais, perderemos gradualmente receitas, cancións, frases brillantes e vídeos delirantes. E non será estraño: cando máis capacidade temos de preservar a cultura, máis temos a sensación de que a perdemos para o futuro.

Vista
 ESTEBAN YÁÑEZ, Snob Megalove, morreu a finais de abril. Pero desde entón, iniciouse unha nova conta atrás, e non me refiro ao lento paso que cada un de nós viviremos, trala morte, ata desaparecer da memoria doutras persoas. É algo bastante máis pragmático: a súa identidade dixital desaparecerá segundo pechen ou creben os servizos de Internet onde Snob escribiu, subiu vídeos, mixes, playlists ou fotografías. O Snob público desaparecerá por completo. Esteban foi un dos primeiros representantes da creación cultural dixital en galego, desde os tempos de agregadores sociais de noticias como Chuza!. Nunca sentiu a necesidade de transformar o seu contido nun soporte físico; se cadra non o considerara preciso. Na escrita en Internet, poucas veces somos conscientes da conta atrás e do valor do que perderemos.

Olfacto
Na exposición Galicia, un relato no mundo presentamos algúns exemplares dos primeiros xornais galegos. Follas nacidas ao abeiro do estado de alarma de 1808. Con eles, co nacemento da idea de opinión pública, inaugurouse nada menos que a modernidade en Galicia. Estas follas chegáronnos de miragre: de moitos deles sobreviviron un ou dous exemplares. A casualidade foi posible grazas á distribución: que houber copias en diferentes lugares facilitou que algunhas sobreviviran aos múltiples avatares do tempo. Pero na biblioteca universal de internet, sempre dispoñible, quen considera preciso preservar en local? E vendo a nosa nula disposición a conservar, penso: en que medida o legado que nos chegou do pasado fíxoo simplemente por vagancia e por esquecemento, perdido no fondo dos andeis e apestando a po? A cuestión é que un papel se pode esquecer durante un século. Un ficheiro dixital, non.

Tacto
Levo moitos anos advertindo, sen que me tomen en serio, sobre o enorme baleiro cultural que estamos a deixar. Imos conservar do nacemento da cultura dixital en Galicia (webs, blogs, redes sociais), aínda menos que da chegada da imprenta ou do nacemento da prensa no país. Seino ben porque en 1999 participei na primeira edición dunha guía web de Galicia, e dos máis de mil sitios seleccionados, non queda practicamente nada. Do primeiro internet sobrevivirán pequenas capturas de pantalla de paupérrima resolución, publicadas en xornais e revistas do momento. Os máis informatizados dos meus interlocutores encóllense de ombreiros: o texto dixital é así, líquido, cambiante, din resignados. Non entenden o meu afán conservador, porque o dixital non se pode sacralizar coma o papel. Están moi enganados. A humanidade leva toda a vida producindo valiosos textos que non considerou no seu momento dignos de ser preservados: as rugosas taboíñas de contabilidade micénicas, os graffiti electorais de Pompeia, as cartas de Claudia Severa -esposa do lugartenente de Vindolanda- no muro de Hadriano, os pasquíns políticos da Inglaterra do XVII, a lírica galego-portuguesa medieval, salvada de miragre na Idade Media por iniciativa real en escasos códices. Para unha época é difícil determinar o valor dos seus propios documentos: está ocupada mirando outras cousas. Alguén poderá dicir que os propietarios dos blogs poderían facer copias de seguridade dos seus contidos. Pero volvemos ao principio: unha copia nun único lugar é garantía de desaparición.

Gusto
Galicia carece dun sistema propio que realice copias dun amplo repertorio de contidos dixitais, a diferencia de Cataluña, o País Vasco e, no ámbito global, Archive.org. É certo que un pequeno conxunto de webs galegas están a ser copiadas de maneira periódica nos servidores da Biblioteca Nacional de España. Pero é unha parte ínfima da rede galega e, desde logo, limitada por un conxunto de criterios. Isto en si mesmo é lóxico: nas bibliotecas das abadías medievais tamén existían orientacións, e o saber canónico do pasado está sempre moldeado pola visión e o gusto dos seus preservadores. Pero o argumento non nos vale. Non estamos na Idade Media, nin no século XIX, e nin sequera en 1990. As tecnoloxías contemporáneas permítennos afrontar a preservación da memoria do pasado desde novos paradigmas. E un dos principais debería ser: non podemos condicionar como antes o futuro e o xeito que o futuro nos mire.

Oído
Se cadra deberiamos ser conscientes de que moi pouco, ou case nada, do nacemento de Internet en Galicia quedará para o futuro. A súa reconstrución, no caso de que algún investigador queira saber dela, vai ser esencialmente ao vello estilo: a partir de entrevistas orais aos que aínda sobrevivamos cando alguén se interese por isto. Pode que algúns dos creadores garden nalgún disco duro os ficheiros orixinais, pero van ser os documentos en bruto, en procesador de textos, e non deseñados como os podiamos ver na rede. Perderanse as discusións, e con elas a capacidade de comprender como a mobilización dixital do Prestige, xunto co das protestas de Seattle, marcaron unha nova escala no uso de Internet como ferramenta de organización social. No futuro será difícil saber que houbo xente de gran talento como Esteban Yáñez que, coma os trobadores medievais, se fixeron escoitar nas prazas públicas dos lugares, nunca publicaron en papel. As súas palabras foron tan fugaces coma os destes moinantes de palabras.

Traxedia
Como van sabendo, estou aproveitando o confinamento para tapar buracos da miña ignorancia fílmica. É así que miramos Easy rider (Dennis Hopper, 1969), a primeira das road-movie americanas. Ao día seguinte, procuramos o filme que a inspirou, Il sorpasso (Dino Risi, 1962), que tamén amosa unha delirante viaxe pola costa italiana, desde Amalfi ata preto de Portofino. Buscamos as diferencias (moitas) e paralelos (importantes). Aínda que só teñen sete anos de diferencia, as dúas películas representan mundos moi distintos. A America hippie, lisérxica e marxinal fronte á Italia do crecemento económico de principios dos 60. En ambas as dúas a viaxe representa a liberdade e a liberación do convencional. Pero en Easy rider esa liberación supón a confrontación violenta cun vello mundo, escuro, racista e prexuizoso, mentres que en Il sorpasso a conservadora sociedade italiana comprende e acolle a tolemia dos tunantes. O intrigante é como as películas se aproximan: despois de descubrir a felicidade, ou mesmo de atopala, as dúas rematan en traxedia. Coinciden na moralina. Non é posible tanta felicidade, non hai lugar para a plenitude individual. E nada de toda esa felicidade quedará para o futuro.

Arquivos da nada
Comentarios