Blog |

Cando cadra

Reparei esta semana na ausencia de festivais literarios no país. Que sexan tan abundantes e exitosas as homenaxes a figuras literarias mortas e tan escasos os foros de letras contemporáneas revela que os mortos, aínda que ás veces se diga o contrario, son bastante máis doados de acomodar no asento que os vivos.

Yolanda Castaño. AEP
photo_camera Yolanda Castaño. AEP

SERGIO VILA San Juan é un destes xornalistas culturais que realiza un traballo serio e crible desde La Vanguardia, e tamén se cadra unha destas figuras que se asocia inmediatamente ao estilo dun xornal. Tiña pendente lerlle El informe Casabona (Planeta, 2017), se cadra na procura dun tema máis que dun estilo. A novela recrea a vida dunha desas figuras posibles da Transición. Un adiñeirado empresario, fillo dos vencedores, que se pasa á democracia cristiá xa nos 60 e participa no xogo político de finais dos 70 e inicios dos 80 ata que PSOE e PP rematar por uniformizar os caudillatos saídos do 76. A trama e o desenvolvemento do Informe decepcionan, pero ás veces o interese dunha novela nin sequera está aí, senón no punto de vista. No caso de Vila San Juan, a rareza de ver a un burgués contando sen rubor nin vergoña a propia burguesía da que provén.

GUSTO

O gusto tamén está feito de vinganzas ausentes, anónimas. Vivo esta tempada de dieta alimentaria como un tránsito gris entre os momentos de celebración que me concedo as fins de semana. Sempre asumín a decepción como parte da experiencia gastronómica: non podemos pretender que a comida salve as nosas aburridas vidas. O outro día nun restaurante confiei nunhas filloas de laranxa para remontar un xantar mediocre. Chegou un pobre freixó cuberto de caramelo de bote recheo dun empaste absurdo de mousse de chocolate expulsada con violencia dunha neveira. Non tardamos dous días en volver pousar filloas no prato, regadas desta volta con delicioso mel de horta. Era a reparación simbólica dese desagravio perpetrado contra a memoria da filloa ou, máis ben, contra as nosas propias esperanzas. Pregunteime cantas veces non facemos iso nas nosas vidas: reparar decepcións, derrotas e erros pasados con pequenos xestos inconscientes.

OLFACTO

Yolanda Castaño abriu un espazo para residencias literarias na Coruña. A poeta é unha das poucas profesionais da escrita literaria do país que ten unha clara experiencia internacional que vai máis alá dos convites dos lectorados galegos financiados pola Xunta en universidades estranxeiras. No seu tempo, se cadra Carlos Casares foi tamén outro dos poucos escritores reclamados por diferentes entidades literarias, que descoñecían —ou tanto lles tiñan— os seus cargos institucionais galegos. Aos galegos non nos convida ninguén porque non nos coñece ninguén nin porque ninguén nos asigna relevancia. Non sei canto peixe se vende nun festival literario, pero a uns 100 ou 150 escritores —se cadra non tantos— en español sálvalles medianamente os trimestres, que son duros para un escritor mediano. Nun momento no que a literatura se pelexa lectora por lectora, dispoñer dunha audiencia target como é a dos festivais literarios é para min case máis valioso que cobrar a participación na mesa redonda.

OÍDO

Por suposto, o do festival literario é tamén xa unha febre saturada, pero cando a moda remate, en Galicia non terá nin comezado. Cóntanme que só en Cataluña hai cando menos quince festivais literarios dedicados á novela negra, e en Galicia aínda falta o primeiro. Sen ánimo de ser exhaustivo, quero lembrar a excelente idea do Litvi, o Encontro de Literatura de Viaxes que se celebrou en Santiago, pechado por falta de apoio e certa decepción das organizadoras. É de novo Yolanda Castaño quen organiza unha das poucas iniciativas supervivintes: Poetas Di(n)versos, na Coruña. Resúltame moi difícil comprender as causas desta ausencia, se non é pola parálise e o desnorte absoluto que vive a literatura do país, estupefacta e resentida ante a súa propia irrelevancia, desconectada do resto do mundo cultural. Pero ninguén mo quita da cabeza: Galicia pide dous ou tres grandes eventos literarios. E non teño dúbidas de que, con diferentes formatos e temáticas, sen pisarse os uns os outros, cunha boa xestión, funcionarían. Aínda que só fose polo boca a orella.

TACTO

Percorremos o fermoso roteiro da Pedra do Lobo no concello de Covelo, promovido como moitos outros por unha comunidade de montes con cartos europeos. Atopeino de casualidade, furando en Wikiloc, hoxe por hoxe o único sitio de Internet que permite ter unha certa idea dos roteiros dun país que é unha potencia en camiños. En Galicia gastáronse unha morea de cartos en rozar corredoiras, teitar muíños, construír pasarelas de madeira, pero despois a ninguén se lle ocorre difundilos. A información dispoñible sobre os homologados na Federación Galega de Montañismo ou en Turismo de Galicia é mínima: nin sequera se indican os concellos nos que se atopan. Unha plataforma web que reunira todos os roteiros sería auténtico ouro, pero tamén un fracaso de audiencia. Xa me imaxino os poucos usuarios interactuando para protestar indignados por unha equivocación no nome dalgunha aldea ou penedo, bruando en Facebook contra "o desleixo e a desmemoria dos nosos gobernantes pola cultura do país".

GREGARISMO

O certo é que vivimos un certo boom dos roteiros culturais guiados. Cando se convocan reúnen a unha chea de xente. Non está mal, pero ao monte tamén se pode ir entre poucos, sen necesidade de armar unha caravana. Os lobos andan fartos de comida e non lles interesamos. Nun dos países máis seguros do mundo, como é este, precisamos que os camiños se enchan de grupos pequenos, de parellas, familias e amigos. E aí é onde tería sentido un bo servizo de roteiros de sendeirismo. Aínda que, coma sempre, confiemos nun país que só existe cando cadra.

Comentarios