lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

O filtro apocalíptico

A agonía é un proceso participado e colaborativo. Ás veces non nos decatamos de que, coma no meme dos africanos que bailan co cadaleito, nós tamén queremos botarlle uns pasos co cadáver ao ombreiro

VISTA
LEMBRAREI 2019 porque ese ano me convertín, por partida dobre, en personaxe de ficción de novelas galegas. Non sei moi ben que pensar do asunto. Sentinme como a primeira vez que te tratan de ‘señor’. Ou sexa, unha situación desconcertante. De feito, tiña eses dous libros sen abrir. Por hixiene mental, non adoito ler o que escriben sobre min. Pero acababa de saír escaldado doutras tentativas de narrativa galega actual: unha delas parecía escrita por un seminarista amoestador dos que perden a primeira media hora de cada día repasando o longo das unllas. A outra pretendía facerme culpable dun delicto (colectivo) que non cometín, coma lle pasou o Equipo A. Na miña fuxida cara diante desta catequese literaria batín con Os días felices de Benvido Seixas (Xerais), de Eduard Velasco, unha destas novelas nas que aparecen trasuntos meus. Veña, metidos na fariña galaica, enzoufemos ata o fondo, pensei.


OLFACTO
Tardei 25 páxinas en poñerme en sintonía, pero a esa altura, superados os parágrafos do meu breve cameo literario como un tal profesor Castro, botei a primeira gargallada. E foi tan absolutamente estraño que a miña parella me preguntou que estaba a ler. «Unha novela galega», contestei. «Pero di algunha barbaridade?», preguntou estrañada, negándose -coma min mesmo- a posibilidade de prosa humorística no país. Se cadra algún desastre perpetrado na técnica literaria. E non. Resulta que a novela é divertida de vez. Unha parodia de romance entre unha moza activista de centro sociocultural autoxestionado e un construtor señorito con chalé na Caeira de Pontevedra. Como toda sátira, hai que asumir que nos movemos na caricatura e que os espellos deformantes inventáronse para se rir con eles. Na distorsión literaria destes tipos ben recoñecibles do país Eduard Velasco andou bastante fino.


GUSTO
Ao rematar a novela volvín ler aquelas 25 páxinas iniciais porque tiña unha sospeita e quería probarme. Eran menos divertidos aqueles capítulos iniciais? Ou o problema era outro? Na segunda lectura, comprendín as miñas dúbidas: as primeiras páxinas eran tan meritorias como as seguintes, pero eu lles aplicara, inconscientemente, o ‘Filtro Apocalíptico’. Hai determinados termos que xa nos poñen en alerta, como as chamadas desa xente que sempre te quere liar para un marrón. Son Europa, cultura, lingua galega, literatura galega, sanidade pública. Ao mentalas ábrense abismos na terra, maniféstanse os signos da Apocalipse, aparecen os ghaneses que bailan cun cadaleito aos ombreiros. Lembro unha entrevista a un sesudo escritor hai décadas en TVE. «¿Y usted qué opina de la situación de la cultura?», preguntaba un pouco inspirado xornalista. «Pues mal, hombre, mal», respondía gravemente o escritor.


OÍDO
Moito do mal fado pousado sobre estas palabras xa vén de vello, aínda que vostedes convirán en que, da lista anterior, a cultura é a máis veterana. Nos xornais de principios do século XX xa os intelectuais clamaban nos medios sobre o seu dramático estado. Pero o pozo do drama demanda sempre novas palabras e conceptos. Estou vendo como se tira nel o patrimonio cultural. Lembro unha entrevista nunha radio local. Mentres estaba á espera para intervir, as presentadoras remataban a sección anterior sobre cociña de barrio. Todo eran risas, complicidade, bo rollo. A gastronomía non ten filtros apocalípticos, senón a suite completa de Instagram: un Nashville ou un Mayfair. E de súpeto cambiaron o ton; parecían dar conta dun obituario. Souben que me tocaba entrar. «Agora ímonos poñer serias porque temos que falar de patrimonio cultural». Tal dixeron. Non o puiden aturar. Púxenme a contar anécdotas chuscas, divertidas, namoradeiras, da relación entre os galegos e o seu patrimonio. Historias de éxito, diriamos se me dedicase ao marketing. Creo que lles pareceu mal e todo. Non o agardaban.


TACTO
Como digo, coñezo ben como foi avanzando nos últimos anos o ‘Filtro Apocalíptico’ no patrimonio cultural. A partir de likes. Medios de comunicación, activistas, asociacións caen de continuo na trampa dos numeriños de gústames e compartidos. As novas de desfeitas patrimoniais acadan unha maior audiencia. O ton apocalíptico, salaiador, denunciador, moralizante funciona moito mellor nas redes —en aparencia— que as novas con informacións positivas. Aos xornalistas ese ton tamén lle é moito máis doado: é terreo coñecido e non cómpre documentarse demasiado. E funciona para todos porque encaixa na imaxe que temos de nós mesmos como país. Ben, de nós e de eles. As noticias sempre navegan mellor sobre augas xa transitadas. Todos —e digo todos— participamos da narrativa que pensamos que nos dá visibilidade, coa tranquilidade moral dun incendiario que pensa que está a facer o correcto.


INOCENCIA
O Filtro Apocalíptico non é inocente. Volvamos á lista de palabras que xa nos poñen serios nada máis pronuncialas: cultura, galego, patrimonio cultural, literatura galega, sanidade pública. Fíxense que todas elas deberan importarnos, e moito. E todas elas nos deprimen porque agardamos unha queixa, unha denuncia, unha acusación, unha derrota. Póñennos á defensiva, sen capacidade de innovar, de recibir, de sorprendernos, de gozar. Un espectador alleo xa non entrará nunca nelas: ninguén quere participar da derrota. Verá Os días felices de Benvido Seixas nun andel e escapará del porque o filtro apocalíptico lle profetiza, só por ser literatura galega, páxinas de postureo e flaxelación. Aí é onde algúns quere que estean esas palabras. Grazas a nós mesmos.

O filtro apocalíptico
Comentarios