domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

Nomes que flotan no aire

Ás veces para poder ver o pasado hai que botarlle unha saba por riba, como ás pantasmas das novelas de terror gótico.

É UNHA FORTALEZA e torre de circuíto grande, fabricada nun outeiro de moderada elevación e altura: de paredes moi anchas. Que estean en ruínas demostra a súa estragada antiguedade, aínda que están florecentes pola edra que as enche de galanos, cubríndolle os defectos. Malia iso, se como eloxiadora os embelece, como aduladora os destrúe”.

 Anónimo. Noticia de la familia de Camaño. Madrid, 1644.

29. Un dos meus praceres nada ocultos é tentar localizar o rastro de antigas fortalezas medievais. Agora ando na procura dun castelo en Caamaño (Porto do Son). En Galicia temos centos de fortificacións medievais, pero apenas unhas poucas aparecen referenciadas na documentación. Esas teñen sido de reis ou de bispos e nese caso, con sorte, aínda podes dar con algún documento de marcos, aldeas, nomes de montes que sobrevivan e que poidas conectar con catro pedras raras que están no monte, un foxo que xorde tupido no medio da nada, un monte de terra sospeitoso acolá. Pero como digo, son un conxunto moi pequeno. A maior parte dos castelos pertenceron a esa grea de ágrafos bandidos, familias de poucos escrúpulos, guerreiros, arribistas, bandidos ou todo xunto á vez que conformaron os primeiros señores da terra. Conservamos algunha carta real falando da infección descontrolada de casteliños polo territorio. Case non hai papeis. Como moito, figuran no imaxinario -lendas ou topónimos-, nalgunhas trazas detectables con ferramentas dixitais que só ven ollos moi adestrados. O catastro, coma no resto da vida social galega, adoita ser un último reduto da memoria colectiva. Pero hai outra fonte: as divertidísimas crónicas que a fidalguía galega encargaba entre os séculos XVI e sobre todo XVII para dignificar o seu sangue. Escribíaas algún frade ou escribán de imaxinación flexible e eran unha delirante mestura de trolas. Estes nobres pretendían descender de troianos fuxidos, colegas de Teucro e ser parentes dos reis suevos. E sempre dedicaban un parágrafo ao ‘solar’, o castelo orixinal da familia. Esa é outra das miñas escasas fontes. As descricións teñen sempre unha nostalxia impostada, anticipando a estética do romanticismo. Murallas ruinosas tapadas pola edra, torres con lenzos derruídos. Eras lexítimo se tiñas unha ruína que exhibir.

Era como cando as pantasmas, invisibles, vestían unha saba para conseguir ser vistas polos humanos

“Se chamamos druídas a estes personaxes, chamariámolos celtas, se os chamamos sacerdotes, chamariámolos romanos. O seguro é que polo momento non coñecemos unha palabra lusitana para describilos”.  
Marco García Quintela. El sacrificio animal galaico-lusitano. Universidad de Sevilla, 2021.

30. Xa lles aviso que é un libro técnico, pero lino coma un best seller, porque tiña a sensación de que se internaba nun mundo ignorado: o do sacrificios relixiosos dos pobos da Idade do Ferro do Occidente peninsular, nomeadamente os galaico-lusitanos. Para iso válese duns obxectos prodixiosos e únicos da arqueoloxía europea: os bronces que describen sacrificios e que só aparecen no noroeste peninsular. Tres nos últimos anos na provincia de Lugo (Cervo, Mondoñedo e o castro de Viladonga). Estes bronces describen parte do complexo ritual de sacrificios aos deuses do occidente peninsular: son obxectos sofisticados, misteriosos, complexos e algúns deles auténticos prodixios de deseño. Que non fose ata 2021 que estes bronces non se teñan estudado a fondo desde o punto de vista da historia das relixións nun país que escava castros coma quen cava patacas reflicte unha destas zonas de sombra da nosa identidade cultural. Non encaixan na nosa visión idílica do pasado da Nación, onde os nosos devanceiros vagaban en comuñón coa Natureza refregándose contra as pedras e falando cos paxariños e as fervenzas. Estes bronces, coas súas hecatombes animais e visceras fumegantes de bóvidos e porcos, xunto coas fontes clásicas que nos falan de prisioneiros amputados ou asasinados para interpretar o futuro, resúltannos incómodos para a nosa autoversión de bos e ecoloxistas salvaxes. Unha das bondades deste libro está en como García Quintela tenta desvelar, con metodoloxía histórica, as ausencias do rexistro arqueolóxico. Era como cando as pantasmas, invisibles, vestían unha saba para conseguir ser vistas polos humanos. Intúes un corpo pero faltan aínda os detalles. Como García Quintela coñece ben a construción identitaria decimonónica que temos sobre o noso pasado, sabe tamén que hai palabras que as carga o demo. Na súa análise, atopou no territorio galaico uns intermediarios na relación entre deuses e homes. Levan torques no pescozo e conducen os animais cara o sacrificio, agardando ver nas súas mortes o futuro. Por riba do texto flota ese nome recreado tantas veces nos cómics franceses ou no cinema. Pronuncialo pode desencadear trebóns.

Cate Blanchett devólvenos, en parodia, á realidade: sempre usamos outras cousas, sexan persoas, sexan ruínas medievais cheas de edra, para prestixiarnos.

“Xuntarse con alguén máis real e auténtico que ela, como ese científico, engade valor á súa marca persoal ante o gran público”. 
Cate Blanchett en Cinemabang

31. Dun día para outro, as redes sociais petaron con Don’t look up (Non mires para enriba), o novo filme de Adam McKay en Netflix. Que o filme se convertera nun motivo de conversa é sobre todo porque acertou ao falar do espazo público que compartimos agachado tras a inofensiva ameaza do cometa. Pero nós sabemos o que vemos: o comportamento de políticos, medios de comunicación, científicos e público ante o acontecemento global da pandemia. Con todo, a personaxe máis atractiva do filme é a xornalista Brie Evantee, interpretada por Cate Blanchett. Presentadora e entrevistadora de éxito nun dos máis importantes morning shows da televisión americana. O que a fai interesante é a súa intelixencia vampírica e a súa vida en paralelo: por unha banda, unha muller brillante coñecedora da literatura medieval, doutorada en universidades europeas, propietaria de dous (2) Monet; por outra, unha supervivente que entende os gustos da audiencia, alterando o seu aspecto físico para convertelo nunha story de Instagram e na vixilancia continua dos cambios do seu contorno. Así se explica a posesión do improbable heroe que é Leonardo di Caprio, chuchando a súa esencia para construírse a si mesma. Resúltanos perturbador porque negamos a condición de instrumento á cultura e pensamos que é un fin en si mesmo, un destino final. Cate Blanchett devólvenos, en parodia, á realidade: sempre usamos outras cousas, sexan persoas, sexan ruínas medievais cheas de edra, para prestixiarnos. En realidade, sempre usamos a cultura para outras cousas. Telo claro resolvería moitas veces grandes equívocos.

Nomes que flotan no aire
Comentarios