viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

O peor lugar para crear

'Atrapa a un ladrón'. AEP
'Atrapa a un ladrón'. AEP

AO ENTRAR na volta da miña rúa, como sempre unha estraña madalena de Proust. Só acontece á tardiña, cando chego camiñando. Consiste en que me invaden na memoria numerosas lembranzas de paseos e estadías en cidades europeas. Múnich, París, Milán, Londres. Fusiónanse todas nunha única urbe, e lembro máis o meu estado de ánimo de vintañeiro —expectante, curioso, ocioso— que as arquitecturas urbanas. Isto pasa na curva de entrada da rúa, e as lembranzas esvaecen aos poucos metros. Un día parei para tentar saber a causa, e boteime a rir ao toparme con Proust. Estaba xusto diante da saída de gases dun kebap. Europa e a súa memoria son hoxe un döner ou un dürum propagando cheiros de carnes maceradas, un cheiro global do que non sei ata que punto somos conscientes.


VISTA
Camiño co narrador oral xaponés Yoshi Hioki ata as mámoas da serra do Barbanza. Cóntolle previamente que son a primeira arquitectura monumental de Galicia, que todo o noso país é un enorme camposanto prehistórico. Yoshi pregúntame se pode entrar no túmulo. Fai unha reverencia gasho, xuntando as mans, antes de atravesar o perímetro de pedras delimitado na coiraza, e vólveme inquirir para acceder á cámara. Antes de facelo fai outra reverencia de respecto aos devanceiros alí soterrados. Fico bastante impresionado. Non llo digo, pero nese momento lembrei a noticia publicada estas semanas sobre o camión que botou dous montes de esterco de granxa de polo por riba dunha mámoa na Fonsagrada.


TACTO
A nova galega desatou os coñecidos arroutos de indignación nas redes sociais, ou sexa, en Facebook. E iso que non sabían do comportamento de Yoshi que, senón, sería peor. Os galegos sempre maltratando o noso patrimonio, afirmaríase. Noutros países valoraran tanto o seu! Hai bastante trampa nestas bágoas de cocodrilo: no tópico do desleixo dos galegos, termo que é un trasunto de indíxena ou, mellor, de labrego. E está esa falacia de que fóra se valora máis o patrimonio. Fóra onde? Como o sabe quen afirma tal? Por unha experiencia de visita dunha semana a París, a Londres, ou de dez días a Irlanda, polos lugares típicos e tópicos do continente? Os turistas que paseen pola Torre de Hércules, a Muralla de Lugo e a Catedral de Santiago terían unha impresión similar. Pero a cousa cambia cando imos ás Illas Británicas na procura dos equivalentes a unha descoñecida mámoa da Fonsagrada. Isto non desculpa a ausencia dunha ampla política pública sobre o patrimonio cultural nin o estendido abandono. Pero este alarmismo de taberna, que acada unha gran resonancia, sooume demasiado ao xeito no que se tratou a lingua galega durante as últimas décadas. E así nos foi coa lingua. A ver se non conseguimos a mesma desfeita co patrimonio.


OÍDO
A principal diferencia entre o xaponés Yoshi Hioki e un galego maltratador de mámoas é que o xaponés sabía onde estaba entrando tan só porque eu llo contara antes, e actuou en consecuencia cos seus códigos. As mámoas galegas desapareceron da memoria popular, pero podo afirmar que sempre que se lle explica o que é un túmulo prehistórico ao propietario, cambia a súa relación co monumento. Non se persigna ao entrar, obviamente, pero comezan a suceder pequenas cousas. Hai que chegar ao espazo privado e familiar, onde pertencen moitas das mámoas deste país. Galicia é un país que fracasa no espazo público pero triunfa no privado; Galicia é o país do ti a ti, mal que nos pese moitas veces.


GUSTO
Teño a pila do dormitorio paralizada, acumulando pó, pola miña dedicación exclusiva a La novela de la Costa Azul, de Giuseppe Scaraffia (Periférica, 2019). Creo que xa lles dixen que son moi afeccionado ao xénero de ladrón de luva branca na vella Europa, ese transmedia que vai desde Atrapa a un ladrón de Hitchcock (1955) ata, por exemplo, Ocean’s Twelve (2004). Aínda que a miña lectura é nocturna, debérase acompañar o libro de Scaraffia cun bo vermú. O libro converte á Costa Azul francesa na personaxe. Cada capítulo é unha vila da costa e a estrutura interna son pequenas historias de culturetas na procura de descanso e saúde desde principios do XIX. A erudición de Scaraffia, recopilador de pequenas historias, converte o libro nalgo máis cun anecdotario.


DOLCE FAR NIENTE
A literatura de balneario é estraña. Cocteau dicía que "a Costa Azul é o invernadoiro; París é onde se venden as flores". Os sucesos reais que se contan neste ensaio-novela, os amores e desencontros, repousos e retiros, fuxidas, son boa parte deles relatos dunha madurez, dun xa pasou todo. O creador fíxose noutro lugar; a súa infancia e mocidade, as súas adversidades sucederon noutras coordenadas do mundo. Á Costa Azul vai facer epílogos e gastar aforros, á procura dunha nova identidade coa que convivir; inícianse etapas ou protagonízanse epílogos. O escritor acude ao paraíso pensando que a obra cristalizará, pero moitas veces fica paralizado pola apatía e a contemplación. A beleza conseguida —a paisaxe soñada, o rostro confiado da amante— é o peor lugar para crear.

O peor lugar para crear
Comentarios