jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

O que nós non sabemos

Como non podo percorrer os camiños do país, emprego o confinamento en aventuras perigosas e tamén inesperadas, como explorar o cine producido durante na II Guerra Mundial na Alemaña nazi e na Francia de Vichy
Grosse Freiheit Nr. 7
Grosse Freiheit Nr. 7

VISTA

Se para algo valeu o confinamento, foi para descubrir o documental Hitler’s Hollywood (Rüdiger Suchsland, 2017), que poden ver en Filmin. O filme trata sobre os contidos e a estética das películas producidas durante a Alemaña nazi. Son preto de mil descoñecidas películas de diferentes xéneros producidas baixo o férreo control de Goebbels. Supoñen un perturbador desafío. "Que sabe o cinema que non saibamos nós?", pregúntase o realizador Suchsland ao principio e ao final do documental. "Apenas coñecemos estas películas, pero tamén merecen atención. Son mellores que a súa reputación". Vin o filme abraiado e despois funme perdendo por internet na procura dalgunhas das películas mencionadas, rodadas entre 1933 e os estertores da guerra en 1945. E aínda que navegaba por internet, tiña certa sensación de moverme entre os entullos de Postdam.

OÍDO

Porque é imposible ver ningunha destas películas sen substraerse do drama, da tolemia, do réxime terrible que promovía este cine. Imposible velas sen sentir a ominosa sombra da esvástica detrás de escenas bucólicas de felices alemáns gastando bromas, abrazados en camaradería, vivindo o romance e cantando polcas, como cando che contan a intimidade de alguén e logo xa nunca o ves igual. O punto de partida de Suchsland é internarse nos discursos soterrados nas películas. Moitas delas son fastuosas, tecnicamente ben executadas, exóticas, habían encher as pantallas. «O cine nazi abrazou o mundo do espectáculo. Ás veces parecía que todo formaba parte dunha gran película». Algunhas mensaxes son as evidentes e previsibles: en O xudeu Süß (1940) os nazis constrúen filmicamente o semita que queren exterminar. Titanic (1943) comezouse a rodar como propaganda antibritánica e antisemita, pero cando remataron de rodala, o curso da guerra xa se volvera desfavorable a Alemaña, e Goebbels temía que o público asociara a catástrofe do trasatlántico coa do propio país. Prohibiu a súa proxección en Alemaña, pero non nos países ocupados. O mesmo filme, dúas lecturas!

 

OLFACTO

Eses serían os filmes infames e propagandistas que un podería agardar, pero os nazis eran bastante máis intelixentes e perversos. Hitler’s Hollywood brilla cando entra nesoutras películas de puro entretemento, do aparentemente inocente. Alí atopamos a ‘doce morte’, por exemplo. Os protagonistas, os nenos, as mozas guapas, os heroes, morren coma quen durme, sen sufrimento, despedíndose en paz, seguro que mesmo sen cheiro a defunto. "Todas as mortes son felices no cine nazi", afírmase con sorna. O réxime prepara a súa necrofilia. "O que sorprende do cine nazi é a súa completa falta de ironía. No seu lugar, atopamos unha felicidade forzada, unha constante e forzosa xovialidade. A ledicia alemá de que o mundo pronto dará medo", afirma Suchland. Mulleres submisas ás circunstancias e, conforme avanza a guerra, cine protagonizado por mulleres, feito para mulleres, con conflitos de mulleres. Cine instrumental. Cine histórico, con grandes alemáns de uniforme e soños de imperio. Cine que vai deixando pousos ideolóxicos, visións do mundo, que prepara e organiza ao ritmo da música popular. Traballo fino.

TACTO

Sen embargo, "os artistas, coma os bufóns da corte, podían dicir a verdade de xeito máis sinxelo". O documental é tamén unha escolma das mensaxes que deron pasado o telón de celuloide. Do máis alucinante —poden velo en Youtube— a escena da Danza dos Mortos en Paracelsus (G.W. Pabst, 1943), cando nunha taberna todos entolecen e seguen o baile, radicalmente contemporáneo, do bailarín Harald Kreutzberg. Pura avangarda alemá para criticar ás masas seguindo a un líder tolo. A escena remata cando entra na taberna outra personaxe e descubre, desde a razón, todo ese despropósito. Iso tamén sucedía no cine alemán en 1943. Ou O Pacto das Catro (Carl Froelich, 1938), no que catro amigas queren montar un estudo de deseño gráfico en Berlín. Aínda que finalmente renuncian e optan por casar, as opcións alternativas para as mozas quedaron sobre a mesa. Ou a crepuscular e abraiante Grosse Freiheit Nr. 7 (Helmut Käutner, 1944), ambientada nun tugurio —un tanto infantil— do barrio vermello de Hamburgo. Os protagonistas dese mundo degradado son camaradas, as prostitutas teñen sentimentos que perduran, existen unha sorprendente tolerancia no ambiente. Goebbels tamén mandou este filme só para exhibición nos países ocupados. A Filmoteca Alemana subiu a película, do mellor da época, a Archive.org con subtítulos a varias linguas. Paga a pena vela.

GUSTO

Suchsland non cae en Hitler’s Hollywood na tentación de afirmar a exclusividade nazi desta fábrica ideolóxica. Busco o específico da ideoloxía nazi, saíndo dos exemplos máis propagandísticos. E cústame atopalo. Porque moito deste discurso, e aquí vén o perturbador, tamén está no cine doutros países, en Hollywood e na Europa de preguerra: os valores dese cine son máis compartidos do que parece. Se cadra a diferencia pode estar máis ben no que falta e, sobre todo, na posibilidade de disidencia explícita. Pero a crítica cinematográfica sabe tamén das mensaxes subversivas ocultas baixo o cine americano de entretemento. Vaia, que no fondo, agás o evidente, todo parece ser parte do mesmo. De aí que Suchsland pregunte ao final: "Canto deste cine segue vivo no cine actual e no posterior a 1945? Seguen soñando os alemáns o mesmo pero de xeito distinto? Nunca houbo unha hora cero para o cine alemán". "Que sabe o cine que non sabemos nós?".

 

ENTULLO

Exploramos o entullo da II Guerra Mundial. Vemos Grosse Freiheit Nr. 7 e, ao día seguinte, un gran filme francés, Les Enfants du paradis (Marcel Carné, 1945), no que a nosa María Casares comeza a brillar. A película alemá foi filmada entre bombardeos, entre Hamburgo, Berlín e Praga e a francesa, en Niza baixo a presión do goberno colaboracionista de Vichy. Esta segunda tiña entre os milleiros de extras membros da Resistencia e delatores pronazis, compositores de orixe xudea e todo tipo de avatares. As dúas son puro e delicioso escapismo, as dúas son triángulos amorosos. Nas dúas, os protagonistas masculinos trabúcanse e perden o sentido das súas vidas e as mulleres son as que toman a decisión final. E as dúas son películas brillantes. O intrigante é como estes filmes nos confortaron, no noso confinamento. Como se houbera un delgado fío que unía as tribulacións terribles que pasaron eses equipos cinematográficos co —nada comparable— desacougo que habita agora en nós. Por iso, mesmo cando queremos evadirnos na ficción, non podemos deixar de vela sen ter de fondo o presente. Como na II Guerra Mundial.

O que nós non sabemos