lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Que pasa coa narrativa?

Todos os autoenganos que nos fabriquemos sobre o fracaso da narrativa galega derrúbanse cando os confrontamos coa vizosa acción da poesía actual.
Suso de Toro. EP
Suso de Toro. EP

"HAI CERTO envellecemento do conxunto de escritores en lingua galega, xa que case o 20% ten máis de 65 anos. Porén, esta distribución é desigual por xénero, posto que o 43% as escritoras teñen 45 anos ou menos, mentres que a proporción de homes nesas franxas de idades é de pouco máis do 17%"
Resultados da enquisa realizada en 2022 aos asociados da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)

55. Guindar porcentaxes nun suplemento cultural de fin de semana debera estar penado cunha cadea perpetua, pero confío en que o coordinador do Táboa desculpe esta insolencia. Que os escritores galegos van vellos, non é algo novo. Que os lectores –de libros– en galego tamén pertencen a un club dourado ou cando menos prateado, é algo do que a xente non é tan consciente. Se nos paramos a pensar, o comportamento do gremio das letras do país segue o mesmo ciclo de vida dunha rede social dixital, aínda que nunha escala máis dilatada. Primeiro apareceron os early adopters, os usuarios de adopción temperá, ou sexa, o monllo de escritores que arrincaron no franquismo, case "con sentido heroico", que diría Suárez Picallo. Foron estes os que turraron doutros que xa se incorporaron ás letras nos 80. Digamos que á altura dos 90 o ciclo estaba na súa plenitude: había cartos públicos, xornadas, eventos, premios de boa mantenta, unha certa masa de lectores con máis cartos no peto, algúns recoñecementos simbólicos e o libro galego revolucionando as tiraxes ao entrar nas escolas. A Xunta cultivaba as fotos colectivas e comezaba a enviar os autores a feiras internacionais. Pero tamén existían debates públicos, certo espazo en diarios e revistas e un certo compromiso coa esfera pública. Encabezaban manifestos e iniciativas. Con todo, non era un mundo idílico e a deserción lectora xa esfuracaba por baixo das cubertas. A finais dos 90 o Goberno inventou un  "sector estratéxico", o audiovisual, pensouse que o futuro da lingua e cultura estaban alí onde nunca estivera e as cámaras enfocaron outras escenografías. Aqueles escritores, que en realidade non precisaban da escrita para vivir, foron abandonando as hortas tanto tempo traballadas. E, como acontece nas redes sociais, tralo ciclo de madurez e amplo uso, comezou un lento descenso que, ao tempo, significou a especialización e de algún xeito a reinvención. Mentres os escritores masculinos esvaecíanse nas súas propias memorias, o grupo de lectoras dos 90 virou en escritoras. Ao longo dos 2000 ocuparon temáticas pouco exploradas e atoparon outras novas, aproveitaron os ventos favorables da época, e conectaron cun novo sistema que tamén cambiara. E iso tanto nas escolas como na propia acción da lectura en galego, que se volveu máis social a través dos clubs, pero se cadra máis dependente de mediadores. Con todo, isto tampouco significou tampouco realmente unha recuperación de públicos nas grandes cifras. Malia os datos referírense só aos asociados da AELG, creo que retratan moi ben a narrativa. O ensaio segue dinámicas universitarias, moi distintas e a poesía, ben, a poesía é outra cousa.

Ti escribes "As Tanxugueiras van comer un cocido" e a noticia non só se comparte nas redes, senón que se le moi por riba da media

"Hai que pensar en serio unha metamorfose acelerada do xornalismo cultural. A cultura non é o que a un lle guste ou lle interese. A cultura non é o que deciden a cultura ou as institucións. A cultura non está quieta e non para de descolocarnos ou sorprendernos"
Jorge Carrión.
The New York Times. 
56. Como xornalista cultural, vou expresar unha certeza que poucas veces se pon por escrito. Hai temas que atraen lectores simplemente con escribir unha palabra chave. Agora é Tanxugueiras. Ti escribes "As Tanxugueiras van comer un cocido" e a noticia non só se comparte nas redes, senón que se le moi por riba da media. O mesmo pasou co Óliver Laxe nos primeiros meses de O que arde, por exemplo. Ata aquí máis ou menos normal: esa é a dinámica de funcionamento da actualidade e a relación do público con ela. Pero o abraiante é o efecto contrario: palabras e temas que espantan lectores. A priori, como escribas de memoria histórica, guerra civil, arte contemporánea ou literatura galega podes provocar unha espantada de público máis veloz que un aviso de bomba. De feito, se vostede chega ata aquí, só hai dúas posibilidades: ou ben se despistou, ou pode ser un escritor na procura de claves para comprender o seu propio fracaso. As historias de literatura galega só funcionan –e hai que facelas funcionar– cun enorme esforzo do xornalista e coa complicidade estrema do autor, que ten que preparar antes as declaracións e estar disposto a erguer un pouco a voz para entrar na conversa do mundo. Pensar que este problema de audiencia non ten consecuencias na elección de temas por parte da redacción e na paulatina desaparición da literatura galega das páxinas dos medios é ser un inxenuo. Esta impresión miña revela que non só hai un problema de visibilización, senón un prexuízo previo á propia oferta na portada do medio ou no escaparate da libraría. Este incómodo feito impide atopar unha fácil interpretación maniquea e revela que a deserción lectora –e escritora– ten causas profundas que non se solucionan pensando que todo o problema está en que a TVG ou os grandes medios non te entrevistan ou que a Xunta non fai algo, así en xeral. É moi doado meterlle tres ou catro millóns á literatura galega e de súpeto pensar que todo cambiou, porque esa é a impresión que pode dar. Pola experiencia, sabemos que o apoio público só resolve parte do problema.

É imposible non comparar a narrativa coa poesía en lingua galega. A poesía non venderá, pero continúa a ser unha arte en todos os sentidos.

"Pregúntanme como é ser escritor en galego, esa variante norte do galego-portugués. Pois é raro".
Suso de Toro.

57. Formeime como lector en galego nos anos 90. Era novo, estaba namorado e vivía nun país metido nun insólito e estraño proceso de construción nacional, pero creo que non mitifico. Lembro presentacións de libros nas que había xente sen canas. E debates nos que se falaba de  literatura, e non só de dereitos de autor –que é do que falamos os escritores en privado–. Hoxe penso en que medida aquelo non sería un espellismo provocado pola necesidade da autonomía galega de lexitimarse a partir do prestixio –barato– da literatura. Creo que non era só iso. Colleitábanse de aquela rendas moi antigas que non se foron actualizando coa inflación do mundo contemporáneo. Sucedeu que os escritores distanciáronse da esfera pública; moitos deles padeceron a frustración das expectativas non cumpridas; paulatinamente as temáticas das novelas sincronizáronse coa parte máis rendible do sistema, a que se sostén por defecto e por obriga. E por fóra a espiral do público foi xirando cara si mesma, quedando atrás temáticas, estilos e nichos, volvéndose cativa a cada día. Hoxe temos uns escritores de narrativa que son coma osos solitarios, desconfiados entre eles, pastoreando territorios cada vez máis desérticos, sacudindo árbores a ver se cae froita demasiado madura. É imposible non comparar a narrativa coa poesía en lingua galega. A poesía non venderá, pero continúa a ser unha arte en todos os sentidos. A poesía está en diálogo con outras disciplinas creativas. Hai renovación, diálogo e recoñecemento interxeracional. Conta con eventos de referencia. Existen proxectos conxuntos. No seu recuncho, conseguiu certa visibilidade internacional. Á poesía pasoulle como á música: decatouse de que no mundo contemporáneo o libro só un soporte máis dun acto de creación. Sen tanto abrazo de oso institucional, a poesía moveuse máis ceibe que a narrativa. O escritor de narrativa está atrapado nunha arquitectura editorial e institucional que se esfarela, agardando que alguén veña solucionalo. Os 90 non volverán. Pero nunca tivemos tantas oportunidades para facelo ben, mesmo para comezar de novo. E hai onde aprender.

Que pasa coa narrativa?
Comentarios