jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Retallos de obxectos

Esta semana presentouse o primeiro avance da exposición Galicia, un relato no mundo
O Códice Calixtino. EP
O Códice Calixtino. EP

OÍDO

CANDO ME designaron comisario da exposición Galicia, un relato no mundo o primeiro que fixen foi escoitar. Boa parte das exposicións parten dun concepto académico ou unha idea abstracta que o comisario tenta trasladar ao público. Pero aquí había unha estraña encrucillada. Por unha banda, o galeguismo pensou desde o século XIX nas conexións internacionais do país —e non falamos só de Breogán— explorando as marxes caladas da Historia. Da outra, cando preguntaba por esa relación entre Galicia e o mundo, a xente comezaba a contarme historias. Relatos persoais, familiares, de nacementos en Lausanne, París, Bos Aires ou Barcelona. Historias que ás veces eran como unha cicatriz da vida e outras, abraiantes cantos épicos de aldea, traballo e aforro. Así que había tamén memoria. GaliciaMundo: un relato histórico, por unha banda, e un relato persoal, de memoria, pola outra. Tiven claro o que debiamos facer: entrecruzar a historia coa memoria. Hoxe queríalles falar de cinco obxectos ambiguos, que de algún xeito transitan entre a Historia e a memoria.

VISTA

Se na Xénese o principio foi a palabra, nos relatos fundacionais de Galicia —que Murguía repopularizou— o principio foi a vista. A sexta —e última— invasión de Irlanda, narrada no ‘Libro das invasións’ contido no Libro de Leinster, así o di. "A Tur Bregoin im atchess Heriu fescur lathi gemreta". Na tradución de Fernando Pereira: "En verdade dende a Torre de Bregon foi enxergada Irlanda un serán dun día invernal". Sempre me fascinei do poder da mitoloxía para desencadear mundos a partir de frases sintéticas, case mínimas: miren a Biblia. Esa simple frase escrita en irlandés do século XII desencadeou unha secuencia de lecturas responsables da clave céltica coa que hoxe se interpreta Galicia nos medios internacionais coma o Wall Street Journal, The Guardian ou Le Monde. Este manuscrito de mil anos, que por primeira vez sairá do seu país, é unha sorte de pasaporte cultural sen o cal a fasquía contemporánea de Galicia no exterior sería moi distinta. Non me digan que non é apaixonante.

Museo Gaiás, da Cidade da Cultura, acollerá este novembro a primeira gran mostra do Xacobeo 2021. Un proceso complexo e desafiante que enfronto como comisario. Quero compartir con vostedes, como un work in progress, algunhas das ideas que están na base da mostra e o por que das primeiras pezas que facemos públicas

GUSTO
A Gallaecia da Antigüidade Tardía sabe a sal. Esta época é todo un exemplo de como enfrontamos a nosa Historia. Velaí estaba, co primeiro reino constituído en Europa. Case descoñecida malia o seu Idacio e o seu Orosio —autores de dúas historias universais máis importantes do seu tempo no Imperio— e se cadra tamén co seu emperador Teodosio, o seu papa Dámaso, posiblemente con usurpadores imperiais como Máximo. Pero só cando a arqueoloxía comezou a demostrar, hai só unha década, o ben que lle foi a Galicia mentres o Imperio se derrubaba ao derredor, atopámonos con que se cadra esta lista de nomes non foi unha partida azarosa de dados. Canda luxosas vilas mariñas, existía unha densa rede comercial e unha industria pesqueira. As ánforas de Bueu, cos seus salgazóns, chegaban moi ao norte —por exemplo, ao castelo de Tintagel, en Cornualles, corte mítica do rei Arturo— e para adentro do Mare Nostrum. Ese foi o universo do que parte a aristócrata galaicorromana Exeria, que co seu ‘Itinerario’ a Terra Santa é a primeira escritora coñecida da península Ibérica. Exeria era, na academia, unha illa excéntrica, só unha teimosa peregrina empurrada pola fe. Hoxe sabemos que Exeria, sobre todo, é unha consecuencia. O ‘Itinerario’, contido no Codex Aretinus, virá desde a Biblioteca de Arezzo, nun momento de especial pulo na procura das raíces da historia das mulleres. E velaí queremos contribuír, a cruzar Exeria e o seu tempo.

TACTO

Hai moitísimos anos, tiven a oportunidade de tocar o Códice Calixtino. Para min o tacto é esencial. Advertín xa daquela unha miniatura que me chamara atención. Estaba Santiago en pé, ao carón dun leito. O deán Xosé María Díaz dixérame que esa miniatura estaba restaurada. Dela desaparecera a cara do emperador Carlomagno: a obra narraba unha pasaxe do Pseudo-Turpín no que o Apóstolo viña espertar ao emperador para animalo a descubrir a súa tumba no Occidente. O restaurador dos anos 60 non se animou a reconstruíla. Desapareceu no século XVII cando se arrincaron as páxinas da lenda do emperador, por considerarse falsas. Curiosa teima. Ao pobre Calixtino pasoulle de todo, desde sempre. Nós traemos dúas das copias realizadas no século XIV e custodiadas en Salamanca e na Biblioteca Apostólica Vaticana. Hai algo de poesía e de maxia nisto: neses dous códices consérvase o rostro do emperador tal como debeu ser no orixinal compostelán. É como un espello ancorado no tempo e no espazo. Unha lenda creada en Santiago, eliminada por certas presións hoxe longas de explicar, pero preservada alí onde non existían esas presións. Tan sintomático como novelesco.

OLFACTO

O relato da cartografía europea, a súa evolución ao longo dos séculos, é unha auténtica descuberta dunha Galicia que era parte fundamental da concepción do mundo. No primeiro mapamundi enciclopédico británico, o Mapa de Sawley —contemporáneo do Pórtico da Gloria—, desvélase unha clave deste pensamento medieval sobre Galicia. Representa o espazo e o tempo, como revelou nunha análise fascinante realizada por Francisco Prado Vilar, e Galicia xoga un papel fundamental. Na zona superior, o Paraíso. E, baixando por ese eixo central, aparecen cidades nunha sucesión á vez cronolóxica e espacial. A cidade fundada por Caín, a Torre de Babel, Xerusalén, as lendas de Alexandre Magno, Roma. Ese eixo vertical remata no outro estremo do mundo, alí onde se menciona ‘Galicia’ e aparece unha grande igrexa, o edificio máis grande representado en Europa: a catedral de Santiago. Un anxo na zona superior á esquerda nos dá a clave, sinalando o reino do que partirán Gog e Magog cheirando a xofre para destruír o mundo na Apocalipse. O mapa dá conta do final do mundo, e ese final do mundo é Galicia. Un reino que no século XII se atopaba nun apoxeo cultural e económico. Pregúntome se virá deste tempo o noso gusto polas apocalipses.

EXERCICIO

Construír unha mostra destas características é un proceso do que non se sae como se entra. A clave das exposicións temporais é que extraemos un obxecto do espazo no que se custodia e sempre, sempre, lle damos unha nova lectura, un novo contexto. Pero neste caso, deseñar unha exposición sobre Galicia e o mundo é construír, de algún xeito, un novo relato, non só unha nova lectura dunha peza. A nosa percepción do mundo está mediada, sobre todo, pola memoria da emigración, non por unha historia ‘convencional’, como a doutros países. Máis alá dun didactismo efectivo, o principal desafío como comisario está en dar contexto a esa memoria persoal, en crear un espazo público no imaxinario que dea contexto ás historias persoais, pero tamén nos explique colectivamente. No fondo é unha vella loita, de xeracións enteiras. E nela estamos.

Retallos de obxectos
Comentarios