Blog |

Todos somos o mesmo

LEVAMOS dous anos de Entroido, pero aínda hai quen preferiría non soterrar a sardiña de todo
entroido
photo_camera Entroido. AEP

"PARA SER un nós, precisamos un non-nós". 
Charles Fréger.
Wilder Mann, The image of the Savage

46. Na Mascarada Ibérica que se celebra en Viana do Bolo e Vilariño de Conso gózase da modalidade do trinta polo prezo dun. No dilatado desfile, descende pola rúa principal de Viana un singular exército de monstros, danzantes, cabalos, contorsionistas e alteradores da orde pública en xeral que non se darían visto nunca se un tivera que coller o coche a buscalos un por un de aldea en aldea do noroeste. Evidentemente, observar unha reunión do Entroido nun único lugar significa perder moito do contexto local no que estas máscaras cobran sentido. Por exemplo, o oso de Salcedo (A Pobra do Brollón) e os seus criados amosábanse algo preguiceiros, como se a acción de apañar a unha vítima e encherlle a cara de tizón non pagase a pena en terras estrañas. Compréndoo á perfección. O oso, en realidade, só habita nas mentes dos veciños. Os turistas, se tal, facemos fotos, que é cousa ben distinta. O paso de comparsas durante tres horas permite decatarse de que os personaxes non se comprenden sen a súa actitude corporal e a repetición dun conxunto moi limitado de accións. O asunto non é nada sinxelo. Vese moi ben nas vacilantes tentativas dos adolescentes que se inician: levan o traxe, pero aínda non son. Para selo, hai que repetir sen tregua, disolverse, unir persoa e personaxe.

"Por precaución, prudencia ou solidariedade, os galegos seguen maioritariamente levando máscara en exteriores. Algún día alguén atopará unha explicación, pero non creo que sexa por nada malo, senón por todo o contrario".
Pablo Grandío en
El Español.

47. Se hoxe en día podemos distinguir con rapidez un comportamento cultural propio do país, débese ás máscaras. Pero non as de Entroido, senón as do covid. Grazas a foráneos e escapadas vimos como o uso dos tapabocas en exterior foi gañando ese orgullo pouco disimulado dunha bandeira nacional. Téñenme repetido tantas veces a posible explicación! "É que aquí hai moita xente maior",  dinme con esa complicidade na que sospeitan que podo estar en idade de coidar xente maior, pero tamén con certo orgullo cívico. Por defecto tendo a sospeitar dos consensos e dos civismos consensuados. De feito, cóntanme que moitos adolescentes parecen encantados coa combinación de máscara e capucha do suadoiro, e dubido que os valores de protección á vellez ou a saúde persoal sexan motivos de tanto peso neles. Se cadra a explicación estea na comodidade psicolóxica que nos outorga a máscara. A máscara como unha protección fronte ás agresións do mundo, unha alternativa cómoda para non se revelar a un mesmo e non dar máis información da precisa, para estar porque é inevitable, pero tamén para, ao mesmo tempo, non estar. Estamos tan cómodos coas máscaras en Galicia porque dar a cara resúltanos conflitivo? Vou moito máis alá do prudente, seino, pero a máscara é un elemento demasiado poderoso como para sucumbir a unha única explicación de prevención familiar. Pidamos unha Estrella no bar da rotonda.

"A combinación e mestura de prendas masculinas e femininas é algo moi significativo, pois converten á mázcara nun ser liminal, nunha personaxe que está máis aló das categorías de xénero, que reúne nunha mesma entidade o poder feminino e o masculino".
Rafael Quintía

48. Na torrenteira de máscaras do desfile de Viana aparecen outros detalles importantes, como a xeneralización enigmática de espellos nos adobíos que se levan na cabeza dos actores. O touro de Celavente, algúns sombreiros. Ese espello que sempre é un símbolo de tránsito entre a vida e a morte. O Entroido é sempre así: en teoría é para perder a cabeza, pero a pouco que pares descubres toda unha intrigante tramoia que parece ir máis alá e te pon serio. Mellor solicitar outro quinto de Estrella erguendo a baleira por riba da multitude. Estas máscaras teñen un corpus moi limitado de accións: son coma pantasmas góticas condenadas a repetir o seu último xesto por séculos, atrancadas no corredor ou ao carón dunha ventá. Pero é esa limitación a clave para a súa lonxevidade. A personaxe máscara, o boteiro, o folión, a mázcara, o xigante, é compartida por moitas persoas distintas que se anulan para converterse nunha única figura, aínda que varíen os seus adobíos; os boteiros ou os peliqueiros non teñen personalidade individual aínda que leven caretas distintas. A diferencia do teatro, todas as persoas teñen que interpretar a mesma personaxe nesta obra e, se paran pensalo, o asunto é tan fascinante como intrigante. Non só nos ceibamos no Entroido, é que para liberarnos temos que participar todos dun único ser, e todo parece conspirar para que así sexa. Para que quede máis claro, nalgúns dos traxes deses personaxes mestúranse as prendas de home e de muller. Sexas quen sexas, recibes parte do outro nese traxe. É un invento tremendo. Como outro detalle: a clave da pervivencia destes seres do Outromundo que se apoderan de nós por uns días é que, como as plantas, sempre fan o mesmo. Son tan fráxiles que o día que alguén, con toda a boa intención, queira cambiarlles o paso extinguiranse como a pita do monte.

Comentarios