domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Traidor ou heroe

Percorro o Culturgal convencido de que non hai resposta posible á pregunta que nos facemos todos: É esta feira un espellismo ou é un retrato estraño do país? Só me queda claro que o sector que a mantén non parece disposto a renunciar.
La divina comedia
La divina comedia

VISTA

ACHÉGOME ao Culturgal no seu prime time, o sábado pola tarde. Nunca acabo de saber canto ten o Culturgal de espellismo colectivo ou dunha especie de substrato que revela o que poderiamos ser, pero por algún motivo non somos. Hai un par de anos, comezou a propagarse unha sorte de pánico entre moitos dos participantes. Estaba a feira estancada? Conseguiríase pasar desa difusa fronteira dos 12.000/15.000 visitantes? Desta volta a organización marcou ao redor de 14.000. Son os que hai, así en xeral: certamente, é unha cifra estrutural. O día que se acaden os 30.000 saberémolo, pero xa moito antes de que se celebre o Culturgal, e por outros síntomas. Este ano gustoume que os nenos se lles mande para unha área máis diferenzada que agrega calma ao espazo central; a afluencia de público na Zona de Arte Contemporánea, lixeiramente distanciada do tránsito central e cun certo aquel a obradoiro de produción, chamoume a atención. O certo é que a proposta expositiva deste ano era de calidade e moi gozable.


TACTO
Claro, moita xente pregúntase por que esa vitalidade que se aprecia en Culturgal parece coma unha fonte no medio do deserto. Sempre nos podemos flaxelar con cilicios, que xa sabemos que aquí nos dan moito gustiño a todos, pero o retrato da cultura contemporánea que se fai do país é potente e atractivo. A min, que fun apurado de tempo, custoume decidir que escoller entre unha oferta diversa e moi interesante. Outra cousa é preguntarnos ata onde pode chegar unha feira, que é o que pode mudar, se pode mudar algo. Que é o mesmo que ata onde pode chegar un medio de comunicación, unha editorial, un filme. Teño sensacións encontradas e, desde logo, cada vez menos respostas. O que sei é que Culturgal é do mellor de nós. 


OÍDO
Aproveitei para acudir á presentación de A morte de Galicia (Xerais, 2019), un ensaio con numerosas achegas coordinado polo profesor Isidro Dubert. Defende unha tese, nada doada de explicar, ao redor do envellecemento demográfico de Galicia. Dubert desviste a ideoloxía do natalismo, impulsada desde o poder, na que se responsabiliza as novas xeracións do desinterese por ter fillos e os vellos por sobrecargar o sistema asistencial, e non ás condicións económicas que provocan, por exemplo, a emigración actual. Quedeime cunha frase: "Parece que en Galicia non hai clases sociais pero si que as hai, e producen ideoloxía coma o natalismo". Teño a vaga memoria de que xa comentara aquí que o grande éxito da clase dirixente do país desde a Transición foi "desaparecer". Non se ve, non se fotografía, nin sequera vai aos restaurantes de moda e con estrelas Michelín. A argumentación de Dubert ataca varias liñas de flotación e lugares comúns tan instalados na nosa sociedade que tendemos a esquecer a súa orixe viciada. Sinal de que quen os promoveu fixo un bo traballo. Mentres escoitaba o porfesor e o seu discurso sobre a morte de Galicia e as culpas que se lle botan aos novos por non procrear, pensei se algo mesmo non acontece coa cultura galega. Hai certa posición que afirma que se o público galego tivera obras de calidade, consumiríase máis en galego. É dicir, responsabilízase ao creador do problema. Sen negar que, como en calquera país, a produción cultural ten calidades disimilares e cando hai pouca produción se cadra iso se note máis, hai un tanto de trampa nesta afirmación. Segundo iso, toda a cultura que non consumen en galego —ou sexa, en castelán— ten un alto nivel de excelencia. Cousa que está ben lonxe de ser certa. 

Xa sei que as redes e os medios están cheas de louvanzas a esta «obra mestra». Non conseguín entender por que


GUSTO
Combinei o visionado da moi comentada The Irishman, de Scorsese, coa cata do Ultreia Saint Jacques 2017, o viño preferido do enólogo Raúl Pérez, viñas mencías, tintureiras e bastardas ben vellas. Un espectáculo a un prezo ben asumible —10 euros— que me sorprendeu e me fixo gozar moito máis que a moi aburrida The Irishman. Xa sei que as redes e os medios están cheas de louvanzas a esta "obra mestra". Non conseguín entender por que. Se ben é certo que a fotografía e a produción son impecables e con factura de clásico, a historia é aburrida. Como se pode facer un filme sobre gangsters en 2019 contando a mesma historia, cos mesmos camiños de iniciación, de baixada aos infernos, desas familias católicas e tradicionais con pais sanguinarios? Que nos quería contar Scorsese con The irishman que non souberamos?


OLFACTO
A historia de gángsteres decrépitos contada por Scorsese —do mellor do filme, a abundancia de madurez, que pouco acostumados estamos a ver tanta na pantalla— lembroume outra obra instalada tamén na visión crepuscular: La divina comedia de Óscar Wilde, de Javier de Isusi (Astiberri, 2019). Nesta banda deseñada, De Isusi recrea os últimos anos dun Wilde voluntariamente desterrado en París, de pestilentes cheiros corporais, desaseos e embriaguez continua. Non é doado poñerlle voz a un Wilde que decidiu calar da súa escrita naqueles tempos, e Isasi téntao a partir das trazas de textos anteriores, o cal é cando menos arriscado porque o Wilde trala experiencia da cadea xa era un home moi distinto. A min sempre me abraiou a estampa que de Wilde veu Pío Baroja en París, cando se atopou con el na rúa. Describiuno coma un xigantón agromegálico e, fíxense neste detalle, cos petos do gabán cheos de xornais. Isasi recrea a un xigantón de cara longa. A vera historia do irlandés, que é tristísima, queda neste álbum cunha certa dignidade un tanto inocente, pero ben resolta.


HEROÍSMO
Quero rematar cunha historia que me sucedeu no Culturgal. Unha parella presentouse despois da miña intervención. "Estivemos na exposición do Gaiás", dixéronme. Estaban moi serios. Respirei, disposto a recibir algún reproche. "E vimos alí a historia da rede San Miguel. Non sabiamos que era tan importante". Referíase á recreación que fixemos dos materiais dunha rede de espionaxe británica que foi desmantelada en 1943. "O meu avó foi un dos espías executados por Franco", díxome ela. Militar en Ferrol, autor de moitas das fotos da contorna da base militar que lles valeron aos aliados para considerar un desembarco nas costas galegas. "Desta historia enterámonos hai moi pouco. A miña avoa morreu sen saber se meu avó fora un traidor ou un heroe". Conmovinme coa frase. "Foi un heroe, non dubide diso", contestei. Iso si que me quedou claro no Culturgal.

Traidor ou heroe
Comentarios