Vibe coding

Código /EP
Se cadra o principal desafío que nos ofrece a intelixencia artificial é non lle ter medo a pensar tres chanzos máis alá de onde nunca agardariamos chegar.

"O código é poesía"
Matt Mullenweg
264.  Este eslogan, 'Code is poetry', o código é poesía, que funciona case como unha antiga divisa heráldica, leva acompañándome durante moito tempo. Figura no pé das páxinas de Wordpress.com, o poderoso sistema de xestión de contido (CMS) que creara Matt Mullenweg inicialmente para xestionar blogs e hoxe en día para virtualmente calquera sitio web de pequeño tamaño. É toda unha declaración ao redor do que debe ser o software: unha produción cultural máis. Así llo explico os meus alumnos, que me miran incrédulos. Porque a nosa experiencia cultural compartida adoitan ser libros, obras de arte, música, filmes. Pero… código fonte? Porén, as linguaxes de programación rodéannos por todas partes e rexe, coma o inmenso texto que é, boa parte da nosa vida cotiá, desde os semáforos, as citas do Sergas ou o noso consumo de redes sociais. Como mínimo é cultura, no sentido máis antropolóxico do termo. Mais tamén creación cultural? Un exercicio artístico? Non teño dúbidas. O código está creando videoxogos, define experiencias narrativas, visuais e artísticas; en si mesmo, é unha expresión intelectual do noso tempo, que funciona como a mesma linguaxe humana o fai: estruturando o mundo a partir dun conxunto de reglas, unha gramática, unhas palabras con funcións. Falando para provocar consecuencias. E, como a linguaxe humana, produce realidades no campo do simbólico —pensamos no entretemento, no goce do consumo dixital— ou no físico —asuntos tan banais como que funcione o robot aspirador—. O código está feito á nosa imaxe e semellanza. Mullenweg referíase a que o código pode ser fermoso e expresar algo que non é expresable doutro xeito. A primeira vez que me din conta de que había unha conexión íntima entre o código fonte e o código artístico foi escoitando á poeta Chus Pato. No xeito no que Chus hackeaba os significados había algo que se aproximaba á experiencia da programación: de partir de cero para provocar algo prodixioso que estoupaba, primeiro, na túa cabeza. Debeu ser arredor de 2010. Mullenweg publicara a súa famosa frase en wordpress.com no ano anterior, e de súpeto tiña sentido. Era isto.

265. No mundo da cultura estase a debater moito ao redor da intelixencia artificial xenerativa, aquela que xenera textos, imaxes, ilustracións a partir de prompts, entradas de texto. Hai moito medo e un debate que non anticipa nada bo para o sector cultura. Pero a gran transformación provocada pola IA na cultura non vai vir porque alguén escriba novelas de 'cozy crime' nun día axudado por ChatGPT ou ilustre un cartel das festas de Boimorto. A gran transformación vai suceder polo 'vibe coding', que é a gran transformación que sacude o propio sector tecnolóxico na súa cerna. Non é doado de traducir o termo, podería dicirse: programar a ollo, ou programar con vibras. Todos os axentes do mercado, como ChatGPT, Perplexity, Google Gemini xa saben programar moi ben. Algún deles é excelente, como Claude, da compañía Anthropic. Os axentes escriben por ti software complexo a partir de linguaxe natural. Por suposto, se sabes algo de programación é todo máis sinxelo, pero a propia experiencia de desenvolver código fai que aprendas de xeito indirecto. Aprendizaxe sen aprender, que adoita ser o máis efectivo.

266. O 'vibe coding' ten uns ciclos temporais moi parecidos aos que tiñan os blogs no seu momento. A xente tiña tempo libre nas vacacións e nas fins de semana e velaí saía un blog. Os domingos o feed das miñas redes sociais están cheos de experiencias de xente que fai vibe coding a fin de semana. Ocórrenselle ideas de aplicacións, de novas webs, de visualizacións interactivas e prográmanas con algún destes axentes no tempo libre. Este martes Sam Altman, CEO de OpenAi, a compañía que está detrás de ChatGPT, publicaba en X que acababa de crear unha app con Codex, a versión optimizada deste servizo para programación: “foi moi divertido. Comecei preguntándolle ideas para novas características e cando menos un par delas eran mellores que as que eu estaba pensando. Sentinme un pouco inútil e foi triste. Estou seguro de que atoparemos xeitos máis interesantes e mellores de pasar o tempo, e sorprendentes maneiras de sermos útiles os uns aos outros, pero agora teño saudade do presente”. Altman enterraba o oficio de enxeñeiro informático. Por suposto, OpenAI é parte interesada neste negocio, pero reflexións parecidas entre os programadores ao redor de que o seu mundo, tal e como o coñeceron, remata, é xeneralizada; hai que reinventarse. Hai algúns memes ao redor dos vibecoders, nos que os (nos) comparan con oranguntáns cravando torpemente cravos na madeira, e teñen razón. Pero é curioso como a actitude dos programadores, moito máis afectados na súa liña de flotación, é distinta á dos creadores artísticos. A miña sensación é que, polo xeral, xa están a pensar no seguinte paso, porque o asunto é inevitable. É unha diferencia importante coa cultura.

266.  A semana pasada tamén comezaron as probas do Google Genie, un novo servizo experimental de Google. Están limitadas polo momento aos usuarios que pagan máis e aos Estados Unidos, pero os resultados parecen espectaculares. A partir dun prompt de linguaxe natural, o Google Genie xenera mundos que se crean en tempo real e polos que se pode camiñar. Google baseouse en miles de millóns de frames de videoxogos existentes e as capacidades xenerativas para construír estas sorprendentes experiencias, de calidade case fotorrealista. Por agora, o servizo está limitado a sesenta segundos pero non é difícil decatarse de que eses desenvolvementos van dirixidos cara o subsector da cultura máis rendible e con máis investimento: o dos videoxogos. A economía das compañías de redes sociais focalizábanse ata hai pouco nesa atención breve que lle dedicas a unha plataforma entre unha tarefa e outra, cando vas pola rúa ou agardas polo bus. Pero a guinda do pastel está en reter ao usuario durante horas, e dedicándoche toda a atención. Xa non é só escoitar un vídeo en Youtube, é facer que o usuario che dedique toda a súa atención nun universo virtual. As posibilidades de crear mundos en tempo real desde o punto de vista literario e audiovisual son tan grandes que resultan practicamente inabranguibles: é un horizonte desafiante que case custa concibilo. Pero ese panorama xa está aí. Chegará como moito nuns meses aos usuarios pro de Google e se cadra en menos dun ano xa será produto comercial.

268. Ándolle dando voltas ao 'vibe coding', comandando aplicacións que traballan con coñecementos matemáticos, físicos e topográficos aos que eu directamente non chego, pero que se executan producindo un estraño tipo de maxia sobre nós, como se nos deran alas ou nos estenderan os brazos ou nos fixeran partícipes dun coñecemento que non nos merecemos. Escribín unha app chamada Arqueoastro, que permite analizar in situ as aliñacións astronómicas dos sitios arqueolóxicos, identificando o ceo, a aparición do sol no horizonte topográfico en días sinalados do calendario. Vai coma un tiro. Podería pasar a entreterme con outro novo invento da rede, pero púxenme a ler de astronomía. Decateime de que estas apps cambiáranme: de súpeto me interesan aspectos da ciencia que ata o momento descoñecía. O máis vertixinoso da situación é que era consciente de que me saltara un chanzo intermedio para chegar a esas preguntas, e iso é a situación máis anómala, máis excéntrica, estraña e abraiante que tiven en moito tempo. Como cando aprendín a traballar en 3D ou previamente, cando comecei a programar webs dinámicas. Pero isto era máis de adentro, máis ontolóxico. Sentir que pensas máis alá de onde pensabas que chegarías: hai que terlle moito medo ao futuro para renunciar a esa sensación.