viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

David Simon, máis aló de 'The Wire'

O 90% do que cremos saber dos Estados Unidos provén das películas de Hollywood e un 10%, do antiamericanismo militante. Para ter unha visión máis real podemos facer dúas cousas, viaxar ao país. e pasar alí, cando menos, un par de semanas, ou ver as series de David Simon.

David Simon.TR
David Simon.TR

DAVID SIMON é un xornalista que pasou a maior parte da súa vida traballando nun diario de Baltimore. Alí realizou, entre outras cousas, unha morea de reportaxes sobre os barrios máis deprimidos, habitados por negros e nos que se traficaba con drogas. Simon viviu ese día a día, escribindo para o periódico. Falaba con policías, detidos e funcionarios do alcalde. Coñecía a realidade máis alá dos tópicos.

Esa experiencia levouno a dar continuas conferencias nas que afirmaba que a crise actual dos medios de comunicación non se debe só a dificultade para conseguir ingresos cando a maioría da información é xa dixital e gratuíta. Simon argumenta que a prensa comezou a deteriorarse antes, cando decidiu prescindir dos xornalistas que coñecían a rúa.

Quizais escapando a ese final, Simon aproveitou moito do que sabía dos barrios máis desfavorecidos e violentos de Baltimore para crear unha serie de televisión, destinada a ser emitida nas cadeas de pago, máis arriscadas que as canles convencionais. Esa serie chamouse The wire. Ao principio non foi un éxito, pero acabou converténdose en mítica, xunto cos Soprano. O mundo que alí se vía parecía real, moito máis real que o de calquera outra serie de televisión. A razón estaba en que Simon sabía de que falaba.

En The wire os traficantes negros mátanse entre eles por case nada. Esa é a gran crítica que contén a serie e que vai dirixida contra os habitantes-delincuentes dos propios barrios. Por outra parte The wire daba proba de que para aqueles rapaces, que apenas acadarán a maioría de idade, resultaba moi difícil fuxir, encontrar outro medio de vida. Como nas traxedias clásicas, estaban presos do seu destino. Esa é a altura dramática que acada a serie máis emblemática de Simon.

Se queremos coñecer a importancia do que chamamos Estado de Dereito, é dicir, o valor dunha sociedade regulada pola lei e con garantías xurídicas para todos os cidadáns, defectos aparte, é suficiente con que nos empapemos da súa antítese, o barrio das Torres que se describe xa na primeira temporada de The wire, un espazo no que impera a lei do máis forte, onde o máis forte cambia cada pouco tempo e onde nada vale nada, nin sequera a vida.

O éxito rotundo desta serie bebe tamén da experiencia que David Simon adquiriu nunha pequena serie anterior, The corner, que durou unha temporada e que se emitiu no 2000. A seguinte foi xa The wire, que durou cinco temporadas e que resultou o seu maior éxito até agora.

Nas catro series seguintes disecciona diferentes aspectos da sociedade estadounidense, esa que cremos coñecer, pero da que en realidade apenas sabemos case nada

O cronista de Norteamérica


A partir de aí, David Simon decidiu converterse nun dos mellores cronistas de Norteamérica. Nas catro series seguintes disecciona diferentes aspectos da sociedade estadounidense, esa que cremos coñecer, pero da que en realidade apenas sabemos case nada. En Generation Kill —unha temporada— introdúcese na vida dos marines na guerra de Iraq, obsesionados co machismo, con desexos de facer aquilo para o que foron instruídos, é dicir: matar; pero tamén débiles e fondamente humanos, soldados críbeis, persoas que proceden dunha sociedade opulenta e que apenas coñecen a cultura histórica que están sepultando baixo as rodas dos seus vehículos blindados. Non son insensíbeis, pero tampouco saben moi ben que facer.

Na serie seguinte, David Simon volve cambiar radicalmente de escenario. Neste caso titúlase Treme e durará catro temporadas. ‘Treme’ está ambientada na cidade de Nova Orleáns, despois da tormenta e da ruptura das presas que asolagou por completo numerosos barrios. Simon, acompañado de guionistas que coñecían ben a cidade quizais máis musical do mundo, critica o seu abandono durante dous longos anos por parte das autoridades federais. As catro temporadas son un tributo continuado ao jazz máis enxebre, a esa música que nace en pequenos clubs e sen apenas promotores. Unha música vivida, e aínda sen artificios mercantís.

A política local por dentro


A intención de Simon de radiografiar o país faise xa de todo visíbel cando chega Show me a hero. Unha única temporada é suficiente para que coñezamos as contradicións e o modo de resolvelas dos líderes municipais dunha pequena cidade dos Estados Unidos. Boa parte da poboación non desexa mesturarse coa xente máis pobre que traerán as proxectadas vivendas sociais. Unha cousa é ser un político progresista na teoría e outra enfrontarse aos propios votantes. Show me a hero (Móstreme un heroe) permítenos ver como as transformacións non dependen só dos políticos, dunha ou outra ideoloxía, senón tamén dos fondos prexuízos dos propios veciños.

No 2017, o creador volve dar o último xiro, até agora, con The Deuce, serie da que aquí puidemos ver xa dúas temporadas. En España emítese co título complementario de Crónicas de Times Square. Trata de cómo, na década dos 70, o mundo da prostitución neste barrio vai desaparecendo, expulsado pola presión urbanística e polo nacente negocio das películas porno.

Deste panorama abreviado poderíamos deducir que David Simon segue apegado á súa vocación de reporteiro e quizais tamén á de sociólogo. Pero, coidado, ningunha das súas series é, nin pretende ser, cine documental. O mérito de Simon non está só na aura de verosimilitude que rodea o seu cine, senón tamén na súa capacidade dramática, con personaxes enteiros e con guións case sempre ascendentes que nos manteñen apegados á butaca da sala de estar.

Hai outras particularidades nas series de David Simon. Por exemplo, o gran número de actores negros que participan ou os seus guións integradores: a policía lesbiana de The wire, con escenas de sexo que cando se rodou aínda non resultaban familiares; o tratamento das mulleres, nada sexista, e a capacidade para mostrar os traficantes de droga, case adolescentes, sen paternalismos, pero tamén sen xuízos de valor. 

Na segunda temporada de The wire —a mellor quizais de toda a obra de Simon, até o momento— podemos ver o desmantelamento do traballo portuario de Baltimore e a entrada dalgún dos responsábeis sindicais no negocio das drogas. Novamente, o guión condúcenos a esa idea de traxedia que, lonxe de ser un xénero morto, como escribiu George Steiner, pode non só seguir vivo, senón tamén nos resulta moi útil para entender algunhas das principais contradicións do noso tempo.

'The deuce', crónicas de Times Square
Esta serie, que na actualidade se sigue rodando, tería valor tan só pola ambientación dos anos 70 que recolle. Os traxes e os peiteados son motivo suficiente para vela, cando menos unha vez, co volume a cero. Pero tamén a música é importante. Unha das virtudes de Simon é saber rodearse dun bo equipo. E tratándose de sexo, en concreto de prostitución, aquí temos un bo exemplo de cómo retratar un asunto tan difícil. Hai múltiples escenas de cama e continuos corpos espidos sen que, en ningún momento, a obra caia no morbo, no pornográfico, no caricaturesco ou no sexista. Temos sempre a sensación, como nas outras series de Simon, de que a vida é realmente así: dura e ao mesmo tempo lixeira, unha vida na que as prostitutas son a cada momento humilladas polos seus chulos e ás veces morren, sen que deixemos de comprender que iso non é máis que vida cotiá.

 

David Simon, máis aló de 'The Wire'
Comentarios