Blog | Nube tóxica

A chamada da loura platino

Sostén Deborah Ann Harry (Miami, 1945) que ben deitou de ter rebasados os trinta anos cando o mundo caeu fascinado aos seus pés. Fora escollida a máis guapa no anuario do seu instituto de Nova Jersey. Cantaba no coro. Afeccionada á banda deseñada e entusiasmada pola carreira espacial. Tiña boas notas e unha familia que a quería. Adoraba a súa irmá. Estudou artes na universidade e mudouse a Nova York, porque era o que había que facer. Ao principio, traballou como secretaria nas oficinas estadounidenses da BBC. Como camareira e de gogó. Tamén, de coelliña en Play-Boy. “Podería ter sido unha ama de casa..., pasei a aspiradora un par de veces”. Escolleu non selo. 

Pesa en Debbie Harry o ser unha nena adoptada. Comeza as súas memorias (Debbie Harry. De cara, Libros Cúpula) coa historia de amor dos seus pais, os biolóxicos. Un romance de instituto, coma o de Sandra Dee e Danny Zuko, pero que non puido ser. Cando se reencontraron, el estaba casado. Aínda así, ela quedou embarazada e decidiu dar a criatura en adopción. Harry, que daquela se chamaba Angela Trimble, asegura ter lembranzas deses primeiros tres meses de vida en Miami. Despois buscaría a súa nai biolóxica, unha reputada concertista de piano clásico que non quixo ter contacto con ela.

Todo o mundo procuraba facelo o mellor que podía comigo, pero eu non creo que nunca estivese verdadeiramente cómoda. Sentíame diferente".

Talvez por iso a necesidade da vida lonxe da casa. Como de nena, seguiu a cantar. Primeiro, nunha banda folk, The Wind in The Willows. Despois, en The Stilettos, un combo con tres mulleres á fronte: Amanda Jones e Elda Gentile, ademais de Debbie Harry. É 1974, o mundo vive atafegado entre a Guerra Fría e a Crise do Petróleo e barrúntase o nacemento dunha escena musical nova. Brava. Urxente.

A Debby Harry gústalle o guitarrista novo. Chámase Chris Stein, 25 anos, estudante de fotografía. Comezan a saír. Teñen unhas inquedanzas musicais e artísticas que van máis aló de The Stilettos e deciden ir pola súa conta. O primeiro dos moitos froitos da asociación de Harry e Stein chámase The Angel and The Snake. O nome da nova banda será breve: un camioneiro bérralle a Debbie Harry cando pasea pola rúa: "Ei, louriña!!!". A situación non é a máis agradable, pero xa teñen marca para o que queren facer: Blondie.

O punk e a new wave foron un chisco máis temperáns en Nova York ca en Londres. En 1976 xa estaba formada a escena arredor do CBGB e o Bowery East Village. A encaixe de Blondie é complexa. Que se é un produto prefabricado, para saír nas revistas. Que qué pinta unha banda punk cunha cantante de 32 anos que foi modelo Play-Boy.

Debbie Harry é unha muller guapa. Sábeo. Non pide perdón.

"Moito do que se ten escrito sobre min foi sobre o aspecto que teño. Isto, ás veces, faime preguntarme se teño acadado algo máis aló da miña imaxe. Afortunadamente, a faciana coa que nacín ten sido unha vantaxe e teño que admitir que me gusta ser unha persoa guapa".
Debbie Harry comezara a aclarar o pelo con peróxido xa no instituto. Na época do CBGB lévao crecho, con perreras imposibles, mal tinguido a dúas cores. Chris Stein sitúaa como personaxe principal das fotografías nas que captura a paisanaxe de Nova York. Algunhas están reproducidas na autobiografía que asina a catro mans coa xornalista Sylvie Simmons.

Debbie Harry atópase a gusto na pel de icona sexual e reivindícase como suxeito, non como obxecto sexual

O mundo de Harry e Stein converxe co de Andy Warhol e Jean Michel Basquiat. Son veciños do deseñador Stephen Sprouse. Debbie Harry e Stephen Sprouse serán ao Nova York da New Wave o que Malcolm McLaren e Vivienne Westwood ao Londres do punk. O ascendente estilístico de Debbie Harry será evidente en Madonna ou en Courtney Love. Ata na versión máis empoderada e osixenada Taylor Swift. Iggy Pop definiuna como "unha Barbarella posta de speed". A propia Harry admite a intencionalidade de remedar  "unha boneca inchable, mais cun punto intenso, escuro e perverso".

Con todo, a inspiración, a primixenia referente, foi Marilyn Monroe, a malograda Norma Jeane.

"Quería ser unha loura platino. Na nosa televisión en branco e negro e nos cinemas onde proxectaban películas a technicolor, sempre había algo sobre o cabelo louro platino que era excitante e luminiscente. Marilyn Monroe era tan carismática... e a aura que desprendía era enorme. Identifiqueime con ela con tanta forza que é ata difícil de explicar. Cando medrei, canto máis me distinguía da miña familia, máis me envorcaba en xente coa que sentía un parentesco dun xeito significativo. Con Marilyn, percibía unha vulnerabilidade e un xeito particular de feminidade que sentía que ambas as dúas partillabamos. Iso foi moito antes de saber que Marilyn fora unha nena de acollida.

Debbie Harry atópase a gusto na pel de icona sexual e reivindícase como suxeito, non como obxecto sexual. Conta como lle deu instruccións a un seu exmozo —o mago Penn Jillette— para facer un apaño no jacuzzi e que os chorros lle estimulasen o clítoris. "Penn patentou a ‘bañeira orgasmatrón’. A súa muller podía terme mandado unhas flores". Deborah Ann Harry é abertamente bisexual. Réinalle xogar coa simboloxía queer. Co tempo, e tras moitas conversas coas súas amizades do universo drag, comprendeu que a versión de Marilyn que ela escolleu era andróxina e travesti. Representaba unha aspiración, un ideal, unha ensoñación.

Despois estaba outra loita. A das dúas varas de medir.

"Nos 50, cando eu medrei, Marilyn era unha estrela xigantesca, pero con ela dábase outra vara de medir. O feito de que ela estivese tan boísima significaba que moitas mulleres de clase media a rebaixasen como se fose unha pendanga. E como a maquinaria publicitaria tras dela vendía a súa faceta de ídolo sexual, non era valorada como actriz cómica nin se lle daba crédito ao seu talento.

Eu sentía que Marilyn era unha personaxe, a proverbial loura boba con voz de meniña pequena e corpo de meniña grande, e había montes de intelixencia tras a actuación. A miña personaxe en Blondie era, por unha banda, unha homenaxe visual a Marilyn e, pola outra, unha declaración de intencións sobre o vello dobre raseiro”.

Debbie Harry buscou a compañía doutras mulleres. Para os arquivos da música popular quedan as fotografías que tirou Chris Stein nunha habitación dun hotel de Londres, cando Debbie convidou a tomar o té a Viv Albertine (The Slits), Siouxsie Sioux (The Siouxsies), Chrissie Hynde (The Pretenders), Poly Styrene (X-Ray Spex) and Pauline Black (The Selecter). ‘Ladies Tea Party’, chámase a sesión. "De verdade que quería xuntarme con todas as mulleres do punk para un serán de celebracións. É unha lembranza xenial".

Quítalle importancia a aquela outra vez, nunha xira con Iggy Popp e David Bowie, na que este último lle amosou o pene sen que viñese ao caso

A historia que conta Debbie Harry sobre si propia é, sobre todo, a da supervivencia nun mundo de homes. A listaxe de agresións comeza cunha nena de once anos que se zafa das aproximacións de Buddy Rich, saxofonista e amigo de Frank Sinatra. Cunha preadolescente exposta a exhibicionistas e depravados. Está o mozo acosador de Nova Jersey, a quen lle dedica o célebre One Way or Another. Ten o convencemento de que o tipo que a animou a subir ao seu coche unha noite era Ted Bundy, asasino confeso de 36 mulleres. Algo non lle gustou da situación e deu liscado do coche en marcha. E segue a listaxe. Moitos anos despois, no medio dun encontro sexual cun home, apareceu un terceiro, sen ela o saber. Levaba unha cámara de cine, para filmalo todo. "Eu estaba quente e cabreada".

Unha noite antes de Blondie, Debbie Harry regresaba á casa con Chris Stein. Achegóuselles un ionqui vestido de Jimi Hendrix. Como o que levaban enriba non se lle fixo abondo, conduciunos ao apartamento de Manhattan que alugaban. A punta de navalla. Alí atounos. Roubou as guitarras e os amplificadores. Stein díxolle que tiña ácido na neveira. O ionqui violou a Debbie Harry antes de saír pola porta. "Tiven sorte de que non fose nos tempos da sida". Ela decidiu non ser unha vítima. Non quixo que a lembraza a mancase nin construírse a partir do trauma.

Quítalle importancia a aquela outra vez, nunha xira con Iggy Pop e David Bowie, na que este último lle amosou o pene sen que viñese ao caso. "Sacou a caralla; como se eu fose a probadora oficial de carallas". "Tiña un tamaño notable e gustáballe ensinarlla a mulleres e homes. O que non sei é por que Iggy non quixo que lle botase un ollo á súa".

Harry vendeu un Basquiat que mercara por 300 dólares para pagar as facturas médicas de Stein.

Poucos meses despois das seis semanas do número un de Call me, na primavera de 1980, Debbie Harry estaba en bancarrota. Un xestor non pagara as taxas e o fisco estadounidense confiscou  os seus bens. Chris Stein foi diagnosticado dunha doenza autoinmune que o tivo á morte. Foron desafiauzados unha e outra vez de buratos infectos que ardían. Salvados polos gatos de morrer asfixiados polos gases da mala combustión da caldeira. Harry vendeu un Basquiat que mercara por 300 dólares para pagar as facturas médicas de Stein. Relata nas memorias que só a heroína proporcionaba acougo nos días máis feos.

Blondie desfíxose en 1982. Debbie Harry reinventaríase unha ducia de veces. Hoxe é unha muller de 75 anos que bota a metade do ano nunha casa de campo de Nova Jersey. Coida de catro cans e ten dúas colmeas.

"Vivimos nun mundo desbotable, de sentimento caduco, e cada cinco anos adoitas pasar á seguinte cousa".

Debbie Harry. De cara.
Esta autobiografía conta de xeito cronolóxico a axitada existencia da líder de Debbie Harry, a súa carreira musical na banda e en solitario e tamén a súa notable traxectoria como actriz, en máis de 30 títulos que comezan no Videodrome de Cronenberg en 1983. Tamén teñen presenza no volume a súa loita polo medio ambiente e polos dereitos LGTBi+ e en favor da investigación de doenzas como a endometriose.  A publicación inclúe un bo número de páxinas dedicadas a fotografías e debuxos e pezas de fan art realizadas polos seareiros ao longo das décadas. Bótanse a faltar nas memorias, iso si, máis parágrafos dedicados aos porqués das rupturas de Blondie e con Chris Stein e, igualmente, ao proceso de deshabituación das substancias tóxicas. Debbie Harry asegura que non estaba preparada para contalo todo. 
 

Comentarios