martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Poesía na radio

Co empoderamento que inspiraban punk e tropicalismo, Adriana Calcanhotto reivindicou a palabra cantada. A súa obra revitalizou a Música Popular Brasileira (MPB) nos 90 e, na primeira década do século XXI, conquistou a unha xeración de nenos brasileiros. A artista actúa o día 27 en Santiago.

#Marcos_Prado_adriana-calcanhoto
Adriana Calcanhoto

ADRIANA Calcanhotto é unha artista á procura do esencial, da eliminación de adobíos. Quizais por iso, a epifanía que lle mostrou o camiño produciuse durante unha tarefa cotiá, carente de épica. Estaba a fregar a louza —obriga de filla de pais divorciados— mentres escoitaba a radio a baixo volume. Daquela, o aparato trouxo a Fagner a cantar unha letra do poeta Ferreira Gullar, Traduzir-se: «Uma parte de mim é multidão/ outra parte estranheza e solidão. (…) Uma parte de mim é só vertigem/ outra parte, linguagem. (...) Traduzir uma parte noutra parte/ que é uma questão de vida ou morte/ será arte?». Aquela canción compartía un segredo, un «pasaporte para o mundo adulto». Transmitía unha sabedoría á que a adolescente nunca tivera acceso. Entón deixou o instituto e unha prometedora carreira como tenista por un desexo: «Que a alta poesía soase nas emisoras populares». Seu pai, un baterista de jazz que chegou a tocar con Elis Regina, e súa nai, coreógrafa, coñecían o medio e as dificultades, e tentaron disuadila. Pero a rapaza teimou e así comezou a súa historia.

Un bar do seu Porto Alegre natal foi o escenario do seguinte capítulo. Con 16 anos, Calcanhotto presentouse no local como ‘cantora’. O dono ofreceulle un traballo e a moza ficou tan ilusionada como asustada; non sabía cancións abondas para encher un concerto. Non o debeu facer mal, porque traballou no establecemento ata que quixo. Mentres polas noites interpretaba versións convencionais, ao gusto dun público ocioso, polas tardes traballaba na construción dun repertorio propio. Tiña unha voz limitada e un limitado dominio da guitarra, pero a ansia de expresarse puido máis cá necesidade de profundizar. «Non tiña paciencia, quería vehicular o texto», asegurou décadas máis tarde. A explosión do punk serviulle para comprender que a esencia comunicativa da música popular non está nos aderezos, senón en tres acordes, un ritmo e unha historia ben contada. Adoptou da revolta contracultural de finais dos 70 «esa idea marabillosa: ‘Non sei tocar, pero fágoo’». En realidade, Adriana era unha veterana do Do it yourself —Faino ti mesmo—, pois de nena aprendera a ler de forma autodidacta. Sempre, a paixón pola palabra.

Con todo, a ambición da cantautora topou co contexto. Ao inicio da súa carreira, a Música Popular Brasileira (MPB) estaba a perder vitalidade. O xénero agromara a mediados da década dos 60, ao abeiro do éxito da bossa nova. Pretendía facer unha música identitaria, «nacional», sofisticada á vez que respectuosa co folclore do país. A proposta pareceu sensata ata que o movemento tropicalista, liderado por Caetano Veloso e Gilberto Gil, axitou a escena en plena ditadura militar cunha reivindicación da antropofagia de Oswald de Andrade. Coma as tribos americanas fixeran cos primeiros europeos, o poeta invitaba a devorar «o estranxeiro» —as influencias e recursos da modernidade— para ampliar a perspectiva propia. Nunha época na que centos de persoas saían ás rúas co lema «Abaixo a guitarra eléctrica», o tropicalismo levou a MPB a outro nivel e, en diante, o pop brasileiro distinguiuse pola súa capacidade para sintetizar e osixenar estilos. Brasil é un festín da promiscuidade musical onde o reggae, o rock, o soul ou o funk soan como se xurdisen en Río, São Paulo ou Salvador de Baía.

Cando Calcanhotto quitou o seu primeiro disco, Enguiço (1990), o singular pop de autor brasileiro non pasaba polo seu mellor momento 

Cando Calcanhotto quitou o seu primeiro disco, Enguiço (1990), o singular pop de autor brasileiro non pasaba polo seu mellor momento. As vacas sagradas seguían en forma —un ano antes, Caetano publicara O estrangeiro—, pero non asomaba un relevo. A rapazada do «país tropical» estaba pendente do rock e mailo hip hop, que entre 1985 e 2000 eclipsaron á MPB. Os 90 trouxeron a MTV Brasil, co auxe do videoclip. Titãs, Legião Urbana e Os Paralamas do Sucesso gozaban dunha enorme popularidade. Sepultura conquistou o mundo co seu heavy metal. O rapeiro Gabriel O Pensador abría os concertos de U2. Naquela tesitura, o álbum de debut da artista amosaba máis seguridade por fóra ca por dentro; na capa aparecía tinguida de loira, con roupas de cores chamativas, pero Adriana só asinaba dúas das dez cancións do repertorio.

Non volveu ocorrer. Senhas (1992) foi a declaración de intencións dunha autora excelsa, desde os primeiros versos que canta no disco, punk nun envoltorio pop: «Eu não gosto do bom gosto/ eu não gosto de bom senso/ eu não gosto dos bons modos/ não gosto». En Esquadros, a artista tenta apreixar o mundo para o seu irmao Cláudio, cego; as cores de Almodóvar e as de Frida Khalo, os coches, os nenos que teñen fame. «Eu vejo tudo enquadrado/ remoto controle», entoa. «A inversión da expresión control remoto mostra como os encadramentos son só unha ilusión de recoñecemento, como todo está sempre a nos escapar», anotou a crítica literaria Noemi Jaffe sobre a canción. O álbum revelou a unha cantautora sutil, aspirante á concreción do mestre da bossa nova, João Gilberto, e tan allea aos corsés coma Veloso. «Minha música não quer ser bela», anunciaba no seu seguinte LP, A fábrica do poema (1994), no que musicaba palabras de Gertrude Stein. Ese mesmo ano, Marisa Monte lanzou Verde, anil, amarelo, cor-de-rosa e carvão. Igual de inquieta, mesturaba pezas da Velvet Underground con temas de blocos de samba dos 70. As dúas actualizaron o legado do tropicalismo, levárono á última década do século XX. «Vamos comer Caetano/ vamos revelarmo-nos», espetaba Calcanhotto en Maritmo (1998), no que se introduce no dance. Puro canibalismo.

A revitalización da MPB cristalizou no 2002, cando o trío Os Tribalistas -Carlinhos Brown, a propia Marisa Monte e Arnaldo Antunes- levou o pop brasileiro por todos os recunchos do planeta. Naquela altura, Calcanhotto era unha artista popular. As súas baladas soaban en telenovelas de éxito, como Rainha da sucata, Renascer ou Laços de familia. Pero a súa ambición de rebentar as fronteiras «entre a poesía cantada e a poesía de libro» ficaba insatisfeita. Daquela, a cantautora maquinou un xiro para afirmar o seu afán pedagóxico. Construíu un heterónimo, Adriana Partimpim, e no 2004 xuntou unha presada de cancións para adultos que musicaría para nenos. A proposta supuxo unha pequena revolta no pop brasileiro. A revolución consistía en tratar os pícaros coma seres intelixentes.

Cunha coidada posta en escena, que reivindica o aspecto lúdico da música, os pequenos que asisten aos concertos da cantautora son educados no recoñecemento dun mesmo no outro

Nas tres entregas do proxecto, Partimpim interpretou para as crianzas pezas de blues, samba ou house; obras de Chico Buarque (Ciranda da bailarina), Vinícius de Moraes (As borboletas) ou Bob Dylan (O homem deu nome a todos animais). Cunha coidada posta en escena, que reivindica o aspecto lúdico da música, os pequenos que asisten aos concertos da cantautora son educados no recoñecemento dun mesmo no outro, ese ritual en desuso que chamamos humanidade, ou na excepcionalidade da vida. «Saiba, todo o mundo foi neném/ Einstein, Freud e Platão também. (...) Saiba, todo o mundo teve medo/ mesmo que seja segredo. (...)/ Saiba, todo o mundo vai morrer/ presidente, general ou rei», canta en Saiba, de Arnaldo Antunes. O froito material da aposta foron auditorios repletos, miles de copias vendidas e un Grammy Latino. O inmaterial, formar persoas máis libres —e con mellor oído—. Unha aspiración da que, por sorte, participan varios músicos en Galicia, como Magín Blanco, Uxía Senlle ou Pablo Díaz, sen esquecer aquel milagre do Xabarín Club.

O día 27, a trovadora dos olhos de onda presentará en Santiago o seu espectáculo A mulher do Pau-Brasil, baseado no manifesto dos anos 20, obra de Oswald de Andrade. «A poesia anda oculta nos cipós maliciosos da sabedoria. Nas lianas da saudade universitária», escribiu o vate. A teima da cantautora segue a ser a mesma; dar valor á palabra a través da canción. É o seu xeito de compartir. Ou de provocar unha convulsión no oínte, a mesma que sentiu mentres pasaba o freganzo. «Hai nela unha especie de bossa nova heavy», cre Jaffe, «coma se ollase para nós con moita delicadeza, pero coma se no fondo da súa pupila houbese un desafío». Coma se o máis básico —a linguaxe— fose hoxe o máis revolucionario.

Senhas
A cidade de Río de Xaneiro, onde a artista se mudara naquela altura, latexa no álbum que consagrou a Adriana Calcanhotto. Esquadros ou GraffitI («Vapores/ suores/ sotaques/ antenas») recrean a inmensidade da urbe e ao ser humano que se perde nela. «Lanço o meu olhar sobre o Brasil e não entendo nada», lamenta na peza Negros. Pero as súas pupilas azuis son de longo alcance. Entre a alienación do mundo contemporáneo, a cantautora busca referencias, chaves, Senhas. E escolle: «Eu gosto dos que têm fome/ dos que morrem de vontade/ dos que secam de desejo/ dos que ardem».

Poesía na radio
Comentarios