A muller Romasanta
Emma Pedreira achégase ao mito de Romasanta para facer súa unha nova visión desa historia da que pensabamos saber sen sabelo todo. Un traballo de investigación e de recuperación de diferentes voces que xera unha poética construción de quen naceu muller e se volveu home.
Emma Pedreira non só logra iso, senón que sitúa ante nós un relato valente, construído dende as voces que se van sumando á coralidade de lendas e da contorna rural. Voces que entre néboas, segredos e bosques, sedimentan unha narrativa. Os contos que chegan ata nós a través doutras voces, de xeracións que conflúen en nós mesmos cun relato xa establecido e admitido. Pero a nosa protagonista fende coa palabra nese discurso e atopa a esa femia no desconcerto. Un ser que agroma noutro ser. Unha familia que a desleixa. O desexo e o crime.
Fragméntase ao mesmo tempo a narrativa para darlle pulo a esa chea de voces, de relatos orais, tamén doutros casos similares ao de Romasanta. Mulleres loba que a Historia converteu en seres masculinizados. O latexo animal, tan ben acadado dende a linguaxe, aquí se inxíre nunha poética da palabra que non fai máis que levedar o relato. Aumentalo na súa calidade sensorial, na conexión cun lector que non só goza coa escrita e co bulir das palabras, senón coa aprendizaxe, coa chea de informacións que tecen unha historia ou historias que non coñecíamos de todo, e das que é ben pouco o que sabiamos.
Gañadora do XXXV Premio Xerais da Novela, Emma Pedreira achégase a outros lectores diferentes aos seus, aos habituais usuarios de textos como o seu último poemario, Antídoto (Alvarellos) ou o seu recoñecido co Premio da Crítica 2017, Bibliópatas e fobologos (Galaxia), un libro xa esencial na nosa recente produción literaria. É, polo tanto, unha nova exploración dunha arriscada escritora que segue a probar novas canles de expresión para as que non é preciso buscar novos temas, senón contalos con outro pulo. En calquera achega artística, o como, imponse sempre ao que, e, neste caso, Emma Pedreira amosa como a revisión dun relato pode converterse nalgo novo, merecente da consideración dese xurado que puxou por converter este texto nun dos máis relevantes do ano dende a súa calidade na escrita.
Tampouco deben ser deprezadas as consideracións que se fan na novela sobre a a perspectiva de xénero. Neste caso, a partir dun ser intersexual —isto é cos dous órganos sexuais—, a autora explora varias percepcións no propio físico así como da relación cos demais, o que tamén nos leva a plantexamentos máis actuais sobre a diversidade sexual e que naqueles tempos —a condea a Manuel Blanco Romasanta é de 1854—, contemplábanse como desviacións ou situacións a ocultar e das que non falar. Emma Pedreira incrementa así en novas direccións o seu relato, ata chegar a conformar unha escrita inzada de poesía, pero tamén dunha narrativa que nos descubre a historia real de Manuel Romasanta. Unha historia moi diferente a como nós a coñeciamos.