lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

A muller Romasanta

Emma Pedreira achégase ao mito de Romasanta para facer súa unha nova visión desa historia da que pensabamos saber sen sabelo todo. Un traballo de investigación e de recuperación de diferentes voces que xera unha poética construción de quen naceu muller e se volveu home.

NUNCA É SINXELO artellar un relato fundamentado na calidade literaria. Menos aínda se un constrúe o seu a partir dunha historia coñecida e que forma parte da nosa mitoloxía cultural e antropolóxica. Transitar polo xa pisado. Emma Pedreira arriscou ao escribir Besta do seu sangue’ (Xerais) —como leva arriscando coa súa obra, maioritariamente poética, dende xa hai tempo— para xerar unha visión diferente dese mito do home lobo, Manuel Romasanta, que, como aquí comprendemos, naceu muller. É, Nela Romasanta, a sétima das fillas, nomeada polas tradicións como a peeira, a que dirixe a manda dos lobos. Algo se intuía naquela neniña que non a facía normal ata que a puberdade mudouno todo de golpe. Aquela sangue fixo medrar á besta, un senso racial que masculinizou á protagonista ata volverse Manuel. A rebeldía, a independencia o desexo. Tivo parellas e despois converteuse nun asasino en serie, o primeiro da nosa historia; sendo, o compromiso inicial da escritora afastarse de calquera aproximación, digamos de complicidade co personaxe, por traballar tantas horas arredor da súa vida.

Emma Pedreira non só logra iso, senón que sitúa ante nós un relato valente, construído dende as voces que se van sumando á coralidade de lendas e da contorna rural. Voces que entre néboas, segredos e bosques, sedimentan unha narrativa. Os contos que chegan ata nós a través doutras voces, de xeracións que conflúen en nós mesmos cun relato xa establecido e admitido. Pero a nosa protagonista fende coa palabra nese discurso e atopa a esa femia no desconcerto. Un ser que agroma noutro ser. Unha familia que a desleixa. O desexo e o crime.

Fragméntase ao mesmo tempo a narrativa para darlle pulo a esa chea de voces, de relatos orais, tamén doutros casos similares ao de Romasanta. Mulleres loba que a Historia converteu en seres masculinizados. O latexo animal, tan ben acadado dende a linguaxe, aquí se inxíre nunha poética da palabra que non fai máis que levedar o relato. Aumentalo na súa calidade sensorial, na conexión cun lector que non só goza coa escrita e co bulir das palabras, senón coa aprendizaxe, coa chea de informacións que tecen unha historia ou historias que non coñecíamos de todo, e das que é ben pouco o que sabiamos.

Gañadora do XXXV Premio Xerais da Novela, Emma Pedreira achégase a outros lectores diferentes aos seus, aos habituais usuarios de textos como o seu último poemario, Antídoto (Alvarellos) ou o seu recoñecido co Premio da Crítica 2017, Bibliópatas e fobologos (Galaxia), un libro xa esencial na nosa recente produción literaria. É, polo tanto, unha nova exploración dunha arriscada escritora que segue a probar novas canles de expresión para as que non é preciso buscar novos temas, senón contalos con outro pulo. En calquera achega artística, o como, imponse sempre ao que, e, neste caso, Emma Pedreira amosa como a revisión dun relato pode converterse nalgo novo, merecente da consideración dese xurado que puxou por converter este texto nun dos máis relevantes do ano dende a súa calidade na escrita.

Tampouco deben ser deprezadas as consideracións que se fan na novela sobre a a perspectiva de xénero. Neste caso, a partir dun ser intersexual —isto é cos dous órganos sexuais—, a autora explora varias percepcións no propio físico así como da relación cos demais, o que tamén nos leva a plantexamentos máis actuais sobre a diversidade sexual e que naqueles tempos —a condea a Manuel Blanco Romasanta é de 1854—, contemplábanse como desviacións ou situacións a ocultar e das que non falar. Emma Pedreira incrementa así en novas direccións o seu relato, ata chegar a conformar unha escrita inzada de poesía, pero tamén dunha narrativa que nos descubre a historia real de Manuel Romasanta. Unha historia moi diferente a como nós a coñeciamos.

A muller Romasanta
Comentarios