Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Lisboa en palabras

Lisboa é un excelente destino turístico non só dende a experiencia da viaxe física, senón tamén dende o universo literario. Tres novelas lévannos a percorrer as rúas da capital lusa cunha forza suficiente para sentir que un se atopa fronte a mesma desembocadura do Tejo

ENTRE AS moitas achegas que ten a literatura atopamos a de poder viaxar dende as súas páxinas, percorrer, dende o interior das súas historias, espazos e épocas que se poden converter en toda unha viaxe para o noso interior. Non son poucos os libros que nos poden levar a propor unha visita por unha cidade con tanta forza literaria como Lisboa, pero imos a escoller tres textos que permiten achegarnos a ela dende tempos e propostas diferentes que sempre van a ter a cidade na que se moveu o desasosegado Fernando Pessoa como un protagonista máis da acción e non sendo únicamente un pano de fondo das narracións.

A traxedia da rúa das Flores de José María Eça de Queiroz, O ano da morte de Ricardo Reis de José Saramago e Réquiem de Antonio Tabucchi son un bo pasaporte no verán para percorrer Lisboa, para entender a maxia e o misterio que durante tantos séculos se depositaron como sedimentos nese encontro entre terra e mar dende o que partiron grandes navegantes, pero ao que chegaron tamén historias como a que desenvolve o premio Nobel José Saramago en O ano da morte de Ricardo Reis, na que se conta o retorno a Lisboa dende o Brasil, despois da morte de Fernando Pessoa, dun dos seus heterónimos, Ricardo Reis, un médico e poeta que percorrerá Lisboa, facéndoo, en moitas ocasións, a través de diferentes encontros co propio Pessoa, nunha novela chea de brillantes diálogos que nos leva dende o cemiterio dos Prazeres, onde foi enterrado —aínda que agora os seus restos repousen no Mosteiro dos Jerónimos—, ata o Chiado, movéndose por toda a xeografía da capital nun roteiro que, na edición portuguesa da editorial Caminho, inclúe mesmo un plano da cidade coas localizacións máis presentes no texto: a rúa Alecrim, a Praça Camões, ou o Rossio entre outras moitas.

Nese mesmo espazo tamén se move o protagonista da breve novela ‘Réquiem’, do italiano Antonio Tabucchi, que, nunha soa tarde dun domingo de xullo, converte as rúas de Lisboa nunha especie de delirio entre a conciencia e a inconsciencia no que se producen diferentes encontros cunha chea de surrealistas personaxes que amosan a admiración deste autor pola capital portuguesa, na que habitou durante moitos anos, escribindo novelas tan lisboetas como Sostiene Pereira. 

Neste caso atopamos unha Lisboa deserta, afogada pola calor e na que só o desexo dun encontro con esa figura referencial das letras portuguesas converte o paso do tempo nunha circunstancia secundaria. Nas súas páxinas movémonos polo Campo de Ourique, polo Largo dos Prazeres, polo Cais de Sodré, o Museo de Arte Antiga —co seu marabilloso cadro do Bosco—, o Terreiro do Paço ou o cercano Cascais.

O terceiro dos textos é un dos menos coñecidos do seu autor, José María Eça de Queiroz, A traxedia da rúa das flores. Unha novela que non foi publicada ata oitenta anos despois da súa morte, en 1980, e da que o propio Eça comentaba ao seu editor en 1877 que era «o mellor e máis interesante que teño escrito ata hoxe», e que en castelán atopamos na editorial Gadir. O certo é que a novela é un sedutor exercicio narrativo no que o autor de Os Maias amosa a súa capacidade para describir escenas como as que provocaba a burguesía dunha sociedade decadente como a de finais do século XIX. A súa facilidade nas descricións confirman a súa faceta como xornalista, o que lle permite aumentar os rexistros da súa escrita, no que se refire a mestura de humor e drama, nunha novela que tamén ten unha parte crítica con aquela sociedade tan convencional, así como co proceso creativo dos artistas. Unha novela chea de sensualidade e amores que sofre un xiro dramático que muda o destino da novela e das personaxes. A rúa das Flores, unha rúa paralela á rúa Alecrim, e na que hoxe se levanta unha estatua en honor ao gran escritor, centra a novela, cuxos protagonistas móvense polo Chiado ou o Rossio e chegan ata Sintra.

Rúas e espazos que hoxe se enchen de turistas, nos que latexa a vida de Lisboa e na que podemos movernos cun libro nas mans.