Prazas de abastos. Parte da identidade
O pasado mes de xuño a Fundación RIA, da man do arquitecto inglés e Premio Pritzker de arquitectura, David Chipperfield, abría un ámbito para a reflexión colectiva sobre o noso territorio e as posibilidades para xerar estratexias que permitan unha maior conexión entre elementos que forman parte dese territorio como a economía, o urbanismo, a arquitectura e cunha fonda pegada humanista que poña en valor esas posibilidades que as diferentes contornas poden establecer para facer mellor as nosas vidas.
Agora, unha parte desa vivenda que en tempos fora o sanatorio de San Agustín, acolle unha mostra que se centra nas prazas de abastos como elementos identitarios dos nosos ámbitos urbanos, espazos físicos onde as mercadorías, as producións agrícolas, entraban en contacto cos compradores e cunha poboación que mesmo tiña nestes contextos un axeitado espazo de socialización. A mostra contén diferentes elementos, dende fotografías de prazas históricas ata estudos gráficos cunha chea de datos moi reveladores sobre as actividades que se desenvolven nelas, pasando tamén por pequenas pegadas que a xeito de apuntamentos falan da actividade humana, dos apuntamentos realizados por moitos daqueles protagonistas que desenvolvían o seu labor profesional na compra e venda dos máis diferentes produtos.
Unha mostra que excede ou deixa de lado concepcións estéticas traballando máis dende a visibilización dunha serie de realidades que serven para conectar as nosas vilas cos ámbitos do rural, cumprindo unha importante función social en canto a ese intercambio económico. Estamos vendo tamén como o noso presente ten neses espazos un punto máis nese devir dun turismo de excesos que adoita arrasar co espírito máis tradicional ou simbólico destes recintos tan importantes aínda hoxe para a comunidade, máis alá da propia estrutura arquitectónica e que deberían ser potenciados máis nesa función orixinal e non nas modas puntuais das nosas derivas sociais.
Ben cerca desta sede compostelana da Fundación RIA temos un bo exemplo, a praza de abastos de Compostela, co seu impoñente aspecto de fortaleza, na que abondan os produtos dunha contorna que dende moitos anos se levan ben cedo cada xornada para formar parte dos nosos procesos alimenticios, abofé que precisos para a mellora da nosa saúde por eses alimentos de proximidade que non ofrecen discusión en canto a súas condicións alimenticias e mesmo de sabor. O certo é que o estudo da alimentación é unha das grandes teimas desta fundación que entende como eses alimentos, que xorden da propia terra, esencia final de todo este complexo de análise, teñen unha importantísima función no noso contexto social, de aí que tamén a existencia dunha cantina convértese nun espazo de investigación a través dun dos grandes vencellos da xente co seu territorio, como son todos eses produtos locais e que neste espazo, da man do cociñeiro Iago Pazos, ofrécense ao cliente como parte dese proceso de investigación arredor do que se move todo este edificio no que ademais do espazo expositivo e a cantina, cun acceso a uns magníficos xardíns, atopamos tamén o propio estudio de arquitectura de David Chipperfield e noutro andar un conxunto de habitacións que funcionan baixo un programa de residencias para acoller a investigadores de diferentes puntos do mundo para facer as súas achegas a todo ese proceso colectivo.
En definitiva, achegarnos a esta mostra supón enfrontarnos a un deses elementos que definen a nosa identidade dende as singularidades que ofrecen tanto as diferentes xeografías como a diversidade de arquitecturas que acollen ese puntos de consumo ante os que a Fundación RIA se algo acada con este labor é o de propoñer preguntas, algo que nestes tempos é certamente importante cando só semella que nos movemos por certezas. Preguntas do tipo: Cómo protexer a súa actividade e o seu carácter social máis alá do propio edificio e a súa arquitectura? ou Non é o mercado municipal a conexión directa co sector primario?, e unha máis: Non deberiamos garantir o dereito a unha alimentación saudable e de proximidade aos nosos pequenos e maiores? As respostas chegarán por nós mesmos ou a través das diferentes actividades que a xeito de encontros terán lugar neste primeiro trimestre do ano no que estará aberta a exposición.
