jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Redimensión poética

Carlos Lema aposta pola palabra como maneira de espallar o noso mundo na procura dunha nova dimensión sensorial. Un arreguizo de emocións construído co fluír da palabra e a súa contundencia á hora de ser acubillo para o ser humano na súa explicación como ser.
Our_Lady_of_Europe_into_the_fog

DEIXARON estas semanas de alarma sanitaria e social moitos textos nas orelas da nosa sociedade, máis preocupada por entender o que acontecía ao seu arredor que por seguir as novidades editoriais. Unha desas publicacións viña da man da editora Chan da Pólvora, sempre coidadosa coas súas producións, e que agora quere tomarlle de novo o pulso á nosa contorna dende a súa achega cotiá como proxecto editorial, como é a poesía. Ese libro que quedou no arame das dúbidas é o novo poemario de Carlos Lema, Álbum da cuarta dimensión.

Baixo as súas capas azuis atopamos un espazo novo, unha angulosidade da poesía que nos leva ata recunchos pouco transitados que configuran esa cuarta dimensión que dende a ciencia se intúe e se demostra, pero que aínda se é incapaz de sinalar. Pero para iso temos a palabra, o maior xeito de exploración de nós mesmos, o itinerario que explica moito do que somos, máis tamén, daquilo que presentimos, pero que non podemos describir ou comentar despois de telo visto.

Álbum da cuarta dimensión é unha exploración de corpos, destinos, tempo ou beleza, como grandes axitadores do seu contido, dende os que poder testar o noso mundo controlado. Un xeito, dende a palabra, de tensar eses límites coñecidos, esa radicalidade do explorado para achegarnos á visceralidade do que aínda non coñecemos.

As palabras de Carlos Lema son unha fervenza libre que fai das escumas que xorden dese bater dunha palabra coa outra, un ronsel que se adentra alí onde a nosa inconsciencia traballa para tentar darlle un senso a esa dimensión descoñecida.

Poemas que soan como campás deixando no ar a pegada do seu son. O rastro dun significado que deseguida vese alterado pola palabra seguinte. Palabras cheas dun peso que as densifica como moito máis cun signo, senón que eleva o seu significado a esa nova dimensión que abofé medrará cando retomen a súa oralidade.

A poesía é un falar, e a aposta de Carlos Lema semella recuperar ese valor primitivo da palabra como xeito de expresión oral, como faladoiro da comunidade

Percíbese, a medida que un le estes textos, a súa maior contundencia baixo o diapasón das cordas vocais. A poesía é un falar, e a aposta de Carlos Lema semella recuperar ese valor primitivo da palabra como xeito de expresión oral, como faladoiro da comunidade. Palabras que atravesan un desfiladeiro que alenta a súa sonoridade, un ruxerruxe que inza a nosa pel da emoción desta fascinante capacidade da escrita por alumear alí onde a escuridade contaba con trunfar.

"Nada desiste do vivido. Aquilo que ten forma, que te eleva, inunda tamén a túa alma./ Coma minúsculas coitelas ao anoitecer". Así escribe Carlos Lema para balizar como o que un sinte convértese en parte da nosa alma no gume dun tránsito vital cheo de físgoas capaces de quebrar a nosa existencia, ese xeito de estar inmaterial fronte a cuarta dimensión inscrita na materia. E, ao fondo, unha loita entre a fisicidade da existencia e a levedade da alma, un sopro lene que bate contra un balado no que só a palabra pode facer da erosión un xeito para poñer ante nós unha explicación, unha conxura elexíaca para facer dese derrubo un xeito de mirar cara o infindo, "mirar por riba das cancelas do horizonte", en palabras de Carlos Lema.

Un horizonte no que estarmos á deriva, e ante o  que procurar un rumbo para facer dese tempo travesía na que a natureza e nós mesmos confundímonos nunha única verdade. Medra ao longo do poemario a natureza como semente de esperanzo, os recantos desa cuarta dimensión onde atopar unha nova realidade baseada nese "contraluz inevitable".

Adentrarse por estes poemas é unha fonda experiencia que nos leva a esas orelas coas que comezaba este relato, as orelas dun esquecemento que propiciou unha sociedade enferma, unha sociedade danada por moitos dos seus comportamentos errados. Un deles é o de deixar de lado a palabra, o de convertela nun ente aillado e cada vez máis despoxado do seu valor. A nosa sociedade cada vez máis está cuberta de palabras baleiras, de balbordos cheos de infeccións. Palabras como as propostas por Carlos Lema son un bálsamo, unha redención dese valor primixenio dende o que recoñercernos e incluso dende o que e  explorar novas dimensións do que somos.

Redimensión poética
Comentarios