Unha tarefa imprescindible
Se algunha impresión leva o visitante en canto remata a visita á mostra ‘Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia’ é a da inmensa e importantísima tarefa levada a cabo, non sempre en momentos sinxelos, por unha das grandes editoras do noso país, e que dende o seu nacemento en 1950 non deixou de fornecer ao noso sistema cultural de textos, reflexións, traducións, en definitiva, palabras que dende o facer de numerosos autores converten esa tarefa en imprescindible para entender o que fomos e o que somos.
Tras pasar por diferentes cidades de Galicia, e á espera de rematar o ano na Coruña e en Vigo, agora é a quenda de Pontevedra, que acolle no seu histórico Café Moderno boa parte da nosa historia cultural nunha exposición cun necesario ton didáctico baixo o atinado e nada sinxelo comisariado de Henrique Monteagudo, Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva e no que a través de diferentes partes que nos conducen polo tempo histórica da editora, así como amosándonos a aspectos concretos da tarefa editorial, máis alá da mera impresión de libros, amosan unha magnífica perspectiva dese acontecer nestes 75 anos.
Un percorrido que comeza con ‘Antífona da cantiga’ (1951) de Ramón Cabanillas simbolizando esa unión cos tempos anteriores á Guerra Civil e os autores das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, porque se algo tiñan claro aqueles nomes era que sabían da necesidade de manter aceso o facho da resistencia e mesmo da rebeldía dende o ámbito editorial, unha maneira tamén de facer política reivindicando dende esa posición inequívoca o emprego da lingua galega. Nomes como os de Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Victor Freixanes, Francisco Castro ou Xosé Manuel Soutullo sucedéronse na dirección da editora non deixando de achegar en cada momento libros que foron edificando esa historia particular de Galaxia como gran alfaia da cultura galega.
Sería inesgotable comezar a sinalar nombres de autores e títulos que pasaron polas nosas mans, lecturas necesarias que pinga a pinga encheron esa lagoa vital para calquera sistema cultural de ter nos libros unha rede de seguridade ante o que acontece en diferentes sectores da sociedade. Que sería de calquera país sen cultura? Que acontecería de non ter editoras? Como afrontaría o ser humano o tempo sen libros nos que mergullarse? Sen historias que coñecer, sen ficcións coas que facer voar a imaxinación ou sen unha referencia cultural do seu idioma? Ante todas esas preguntas afortunadamente non temos que buscar respostas porque grazas ao feito por Galaxia ao longo de todos ese anos seus de historia o que sería un arreguizo en forma de conclusións convértese nunha feliz e orgullosa achega á sociedade e aos lectores. Camiñar entre estes paneis cheos de capas de libros, algúns históricos que formaron parte do noso espiñazo colectivo e outros máis actuais que explican o que cada un de nós somos hoxe é despexar esas incógnitas, tamén volver a sentir o que supuxeron para nós esas lecturas, algunhas xa moi afastadas no tempo, pero que certamente entendemos como imprescindibles. Por iso entre as miradas de Uxío Novoneyra, Rafael Dieste, Marilar Aleixandre, Antón Riveiro Coello ou Domingo Villar, entre outros moitos, un sente esa xenealoxía común do compromiso cun territorio e con trasladar ao lector ese compromiso que como poucas cousas nos fai partícipes dunha realidade común.
Xunto a esa contribución literaria a Galicia, a exposición nos leva por outros territorios non menos importantes, mesmo innovadores no seu momento, como pode ser o labor de divulgación en ensaios ou sobre todo en revistas, cabeceiras como a mítica Grial, creada xa en 1963 a aínda viva hoxe como capazo no que acoller diferentes reflexións sobre os máis diversos aspectos da nosa sociedade ou como esquecer aquel proxecto tamén innovador como o que liderou un nome esencial de Galaxia e da nosa cultura como Xaime Isla Couto coa Revista de Economía de Galicia. Tamén a tradución ocupa un lugar esencial nesta tarefa dentro da orientación universalista do proxecto editorial ou, como non, a significación da Literatura Infantil e Xuvenil con importantísimas coleccións dirixidas a ese público como ‘Árbore’. O dito, unha orgullosa alfaia para todos nós.