Absolven un home que se dispuña a ir a unha igrexa: "Non está expresamente prohibido"

O xulgado tamén acepta que se afastase para comprar dado que o decreto "tampouco obriga a ir ao supermercado máis próximo"
Velas nunha igrexa. PIXABAY
photo_camera Velas nunha igrexa. PIXABAY

O Xulgado do Penal número 1 da Coruña absolveu este xoves a un veciño de Carballo que foi sorprendido por axentes o 12 de abril nas inmediacións dunha igrexa, alegando que esta práctica "non está expresamente prohibida".

O home, segundo a sentenza, comunicoulle aos axentes que ía ao templo a practicar actos de culto, polo que lle deixaron entrar. Transcorridos uns minutos, os funcionarios localizárono cerca do parque San Martiño e, ao preguntarlle pola súa presenza na vía pública, díxolles que ía a un supermercado.

No fallo, o xuíz absolve ao acusado do delito de desobediencia porque destaca que asistir a lugares de culto non está prohibido expresamente polo decreto que establece o estado de alarma. "Pode ser dubidosa a redacción do seu artigo 7, pero en materia de limitación de dereitos, e máis cando se trata de dereitos fundamentais, hai que considerar que o que non está expresamente prohibido, está permitido", recalca o maxistrado.

A igrexa, tal e como manifestaron os gardas civís no xuízo, estaba aberta para rezar, polo que o acusado non foi sancionado.

Así mesmo, engade a sentenza, "o feito de que uns minutos despois saíse e manifestase que ía comprar alimentos tampouco constitúe unha conduta sancionable, ao estar permitida expresamente polo real decreto".

"Non quedou demostrado que non fose a un supermercado, aínda que camiñase en dirección contraria ao seu domicilio", recalca o titular do Xulgado do Penal número 1 da Coruña, quen recorda que o decreto de alarma "tampouco obriga a comprar no supermercado máis próximo".

O procesado xa fora condenado ao pago dunha multa de 360 euros tras recoñecer saír á rúa sen xustificación o 8 de abril. Ese día foi interceptado en tres ocasións por axentes, entre as 8,15 e as 9,50 horas, en diferentes rúas de Carballo.

Comentarios