Imprimir

Uns 38 detidos en Pontevedra por fraude á Seguridade Social

Europa Press | 26 de septiembre de 2019

Comisaría de Policía. EFE
Comisaría de Policía. EFE
Por mor dunha operación por estupefacientes detectouse unha empresa que simulaba contratacións para obter prestacións de forma fraudulenta

A Policía Nacional detivo en Pontevedra un total de 38 persoas acusadas dunha fraude á Seguridade Social que ascende a 753.679,24 euros, por, supostamente, simular contratacións para obter prestacións. A operación, denominada Tostado, foi desenvolvida en colaboración coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Servizo Público de Emprego Estatal, a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra e o Instituto Nacional da Seguridade Social. 

Segundo informou a Policía, as investigacións comezaron a raíz do estudo da documentación intervida nunha operación de tráfico de estupefacientes, onde se detectou a posible obtención fraudulenta de prestacións e subvencións da Seguridade Social ou outros dos seus entes colaboradores. Así, os axentes solicitaron un informe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra relacionado con esta documentación, que concluíu, do mesmo xeito que a investigación policial, a existencia dunha empresa que fora mantida para simular a contratación de traballadores coa "única finalidade" de que acumulasen os períodos necesarios para obter prestacións da Seguridade Social. 

A maiores, estes períodos de alta empregábanse tamén para obter ou renovar autorizacións de traballo ou permisos de residencia, facendo constar, ademais, "que a empresa non ingresaba as cotas polo alta dos traballadores na Seguridade Social".

DÉBEDAS E PRESTACIÓNS. Unha vez solicitada a información, comprobouse que a empresa mantiña unha serie de débedas coa Seguridade Social por un importe de 451.491,29 euros. A iso sumábanse as xeradas polo propio empresario pola falta de pagamento dos seus propios seguros sociais, que alcanzaban os 53.456,95 euros. 

Igualmente, os axentes comprobaron que, dos 138 traballadores dados de alta nas distintas actividades declaradas pola empresa, que ían desde a carpintería á restauración e a outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática, 43 solicitaron e obtiveron prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) tras finalizar a súa suposta actividade laboral na sociedade investigada, por un importe total de 213.922,84 euros. 

Outros sete traballadores máis solicitaran e obtido prestacións indebidamente do Instituto Nacional da Seguridade Social por incapacidade temporal, maternidade, pensións e outras razóns, por valor de 34.808,16 euros. A Policía non descarta que se produzan novas detencións.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/detidas-38-persoas-pontevedra-fraude-seguridade-social/20190926145530065696.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)