Unha veciña de Tui iniciou unha campaña para recadar fondos para os afectados pola explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico na parroquia de Pairamos, na que faleceron dúas persoas e outras 37 resultaron feridas, ademais de causar cuantiosos danos materiais.
A campaña, activa na plataforma GoFundMe, posta en marcha hai catro días, leva colleitados 680 euros e o seu obxectivo é alcanzar os 200.000.
A súa impulsora, Andrea Costa, amiga dun dos veciños que perdeu a súa casa na explosión, explica no texto que acompaña a campaña en GoFundMe que a idea é axudar aos damnificados a que poidan reconstruír os seus fogares "o máis pronto posible".
O diñeiro colleitado nesta campaña terá como prioridade as persoas desaloxadas e sen unha segunda vivenda á que recorrer.