O Museo de Lleida admite os contactos con Tatxo Benet, comprador da obra Presos políticos na España Contemporánea, de Santiago Sierra, que o mércores foi retirada de ARCO, para expor o conxunto fotográfico, e asegura que están "a estudar o lugar máis idóneo para a súa instalación".
Tatxo Benet, socio fundador de Mediapro xunto a Jaume Roures, adquiriu o mércores unha serie de 24 fotografías de Santiago Sierra nas que aparecen, pixeladas, imaxes do líder de ERC, Oriol Junqueras, dos mozos detidos por agresión a dous gardas civís en Alsasua (Navarra) ou activistas do 15-M.
A obra foi retirada posteriormente polos responsables de Ifema, que este mércores rectificou a súa posición e aseguraron que non pretendían "exercer ningunha censura á creación".
O propio Benet dixo este xoves publicamente que lle gustaría que esta obra se expuxese por primeira vez no Museo de Lleida, porque é a súa cidade natal e porque, engadiu, "tras o espolio das obras sacras que sufriu" quere darlle "unha contraprestación".
A través dun comunicado, o Museo de Lleida expresou o seu "agradecemento" ao Benet por pensar na institución.
Segundo o museo, o mellor lugar para a súa exhibición podería ser o Espazo 0 (onde habitualmente se presentan as últimas adquisicións e/ou temas de actualidade) ou a sala de exposicións temporais.
Lembra a entidade que "o Museo de Lleida sempre tivo a vontade de ser un referente da historia da cidade e do seu territorio desde a prehistoria ata o século XXI", e cren que unha obra como a de Santiago Sierra "expresa temas de rabiosa actualidade".