A Xunta amplía o convenio con concellos na loita contra incendios

Comezaranse a limpar, entre maio e xuño, 4.500 hectáreas situadas en 695 aldeas situadas nas zonas de alta actividade incendiaria

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a rolda de prensa posterior ao Consello. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a rolda de prensa posterior ao Consello. LAVANDEIRA JR (EFE)

O Goberno galego deu este xoves o visto e prace a unha ampliación do convenio coa Fegamp para limpar as franxas de protección nos núcleos e loitar deste xeito contra os incendios forestais.

Segundo esta ampliación do convenio, ao que están adheridos de momento 177 municipios desde a súa posta en marcha en agosto de 2018, a Xunta abre a posibilidade de pór "en valor" as franxas secundarias unha vez limpas co inicio dalgunha actividade agrogandeira e non haxa que volver limpar esa franxa.

Deste xeito, ademais de loitar contra o lume, incentívase o inicio dunha actividade eco rendible e lóitase contra o despoboamento nas aldeas, aseguraron tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Medio Rural, José González, tras a reunión semanal do Goberno galego.

Unha das medidas que establece o convenio é comezar a limpar, entre maio e xuño, 4.500 hectáreas situadas en 695 aldeas situadas nas zonas de alta actividade incendiaria.

Ademais, porase en marcha o proxecto noutras 40 aldeas, denominadas "modelo", que poden estar nestas parroquias de alta actividade incendiaria ou non, para limpar as franxas secundarias e comezar as actividades agrogandeiras.

Tanto o presidente galego como o conselleiro incidiron na importancia da colaboración da Xunta cos concellos na loita contra os incendios forestais e aproveitaron para facer un chamamento aos propietarios para que limpen as franxas que lles corresponden, xa que teñen ata o 31 de maio para facelo.

Recordaron, así mesmo, que no caso de propietarios particulares, os concellos teñen a obrigación de vixiar o cumprimento desta norma e actuar subsidiariamente en caso que non o fagan.

Núñez Feijóo recordou que a Xunta destina a este convenio sobre o 80% dos fondos totais (case 29 millóns dos 36 cos que está dotado ata o ano 2022) para axudar aos municipios a realizar a limpeza perimetral e a xestionar a biomasa.

Coa ampliación do convenio a Xunta porá a disposición dos concellos que se adhiran "un visor web" pioneiro, "unha ferramenta técnica moi complexa", coa que poderán identificar todas as franxas perimetrais que deben ser limpadas.

Este visor estará dispoñible de momento, "por cuestións técnicas", para 92 dos 177 concellos adheridos, aínda que o compromiso da Xunta é que todos poidan dispor del "antes do final da lexislatura".

José González asegurou que o convenio, ademais, avanza na "prevención real, o único xeito de acabar dunha vez por todas cunha secuela que ataca ano tras ano a Galicia" e que ten "un claro compoñente de intencionalidade, xa que tres de cada catro incendios son provocados" pola man do home.

Comentarios