A Xunta decidirá a próxima semana se abren as garderías

Feijóo defende a decisión adoptada cos centros educativos ante a "falta" dun protocolo estatal
Unha nena xoga con plastilina nunha gardería. EP
photo_camera Unha nena xoga con plastilina nunha gardería. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o vindeiro luns haberá unha reunión entre Política Social e representantes das escolas infantís galegas de 0 a 3 anos para decidir se estes centros volven abrir as súas portas, á vez que admitiu a existencia dunha "discusión técnica" entre os pediatras sobre a conveniencia de dar ou non este paso. 

Preguntado en rolda de prensa, Feijóo remarcou que ata entrar na fase 2 -Galicia farao a partir do luns- Galicia non tiña "ningunha posibilidade real" de abrir estes centros, pero agora adoptará unha decisión. 

Respecto diso, apuntou que hai "unha discusión técnica ou doctrinal" entre as distintas escolas de pediatría sobre que se debe facer nun contexto de reactivación logo da crise sanitaria do coronavirus. 

Así, apuntou que, mentres a Sociedade Española de Pediatría cre que "o máis prudente" sería non abrir as garderías, "a maioría de pediatras" que traballan nos centros galegos consideran que se podería facer. 

"Cremos que un reforzo no último mes pódelles facilitar o acceso á selectividade, igual que cremos que en FP lles pode facilitar entrar no mercado laboral"

"A situación non está clara, é unha situación con claroscuros. Tomaremos unha decisión a próxima semana", aseverou.

CENTROS EDUCATIVOS. Por outra banda, Feijóo defendeu a decisión tomada en Galicia en relación a abrir os centros educativos nos niveis de 2º de Bacharelato e FP. O obxectivo, remarcou, é que os alumnos destes niveis poidan "acabar e titularse" sen ter que repetir os cursos. 

"Cremos que un reforzo no último mes pódelles facilitar o acceso á selectividade, igual que cremos que en FP lles pode facilitar entrar no mercado laboral. Facémolo por eles e polas súas familias, e agradecemos aos profesores que lles dean clases durante as últimas tres ou catro semanas", esgrimiu. 

Finalmente, remarcou que, dado que non había un protocolo xeral en España, "a maioría de comunidades coincidiron no diagnóstico" e optado por unha vía similar á galega. Finalmente, Feijóo recordou que volver presencialmente é "voluntario" e concluíu que a Xunta "non pode exercer as súas competencias de forma máis responsable".

Comentarios