Vinte e catro horas logo das explicacións de Montón sobre as supostas irregularidades no seu máster, aumenta a opinión no seo do PSOE sobre que esta debería renunciar ao seu cargo: "O sentimento no partido de que debe dimitir é amplo", aseguran a Efe fontes do partido.
Tanto nas bases das distintas federacións como entre os cadros medios crece a indignación, segundo as fontes, co que as "presións" para que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "deixe caer" á ministra son fortes, segundo as fontes.
Entre a militancia que apoiou a Sánchez nas primarias cren que o asunto "fai moito dano" ao presidente e defenden que "hai que ser coherentes" coa posición que mantivo o PSOE no caso de Pedro Casado.
Mentres que os grupos de WhattsApp do partido están "incendiados" polos que sosteñen que hai que manter "moi alto o listón da limpeza", en Moncloa "están a deixar pasar o tempo e vendo como evoluciona" o asunto, polo que na contorna de Sánchez recoñecen que están "todas as posibilidades están abertas".
Entre os deputados do PSOE tamén hai preocupación e algúns defenden nos corredores que Montón "se debería ir onte".
Pola súa banda, o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, preferiu non valorar o caso sobre as supostas irregularidades na obtención do máster da súa compañeira nin responder se debería dimitir.
Quen si lle brindou o seu apoio foi o ministro de Fomento e secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos: "A dirección e o Goberno manteñen o seu apoio a Montón porque cren nas explicacións que está a dar".
Pola súa banda, o PP insistiu este martes no Congreso en defender a presunción de inocencia da ministra, mentres o resto de grupos parlamentarios esixiu que dea máis explicacións.