Detectan reservas de osíxeno en Marte que poderían sustentar vida

O osíxeno aparece en pequenas cantidades e producido pola descomposición do dióxido de carbono que provoca a luz

Marte. EFE
photo_camera Marte. EFE

As augas salgadas situadas xusto baixo a superficie de Marte poderían albergar suficiente osíxeno molecular como para sustentar a vida de microbios e esponxas, segundo revela un estudo que publica este luns a revista Nature.

A investigación, liderada por Nasa e o Instituto de Tecnoloxía de Pasadena, en California (EE UU), recorda que no planeta vermello o osíxeno é escaso, a diferenza da Terra, onde a vida aeróbica evolucionou en paralelo coa fotosíntesis para así elevar os niveis de osíxeno.

En Marte, explican os autores, o osíxeno só aparece en pequenas cantidades que, ademais, son producidas pola descomposición do dióxido de carbono que provoca a luz.

En consecuencia, estudos anteriores apuntaran a que o osíxeno molecular presente nese planeta non sería capaz de soster vida, aínda que fose simple como, por exemplo, o das esponxas.

O principal experto á fronte deste novo traballo, Vlada Stamenkovic (Nasa), e colegas do Instituto de Pasadena calcularon que cantidade de osíxeno molecular podería acharse en disolución en augas salgadas sometidas a varias presións e temperaturas en diferentes zonas da superficie de Marte.

Constataron que as concentracións de osíxeno molecular son particularmente altas nas rexións polares do planeta vermello, mentres que nalgunhas desas salmueras localizadas baixo a superficie marciana poderían conter suficiente O2 para sustentar vida aeróbica.

En concreto, os expertos calcularon que en torno ao 6,5% de todo Marte, xa sexa xusto por baixo da superficie ou sobre ela, pode conter niveis de osíxeno parecidos aos que permiten a vida na Terra.

A salinidade deses sistemas, indican, fan que a auga permaneza en estado líquido, incluso cando a temperatura baixa dos cero graos.

Así mesmo, as súas conclusións poderían tamén explicar como se formaron as rocas oxidadas detectadas nas exploracións da superficie de Marte.

Comentarios