Detido en Málaga un mozo de 27 anos por querer unirse ao Dáesh en Siria

O arrestado realizou o xuramento de lealdade e obediencia á organización terrorista

A Policía Nacional detivo en Manilva (Málaga) a un mozo de 27 anos e nacionalidade marroquí pola súa presunta pertenza a Dáesh tras contactar por internet con varios terroristas en Siria e manifestarlles a súa intención de unirse á organización.

Segundo informa a Dirección Xeral da Policía Nacional, o arrestado realizou o xuramento de lealdade e obediencia á organización terrorista e ao seu califa Abu Bakr Al Baghdadi, o que implica en moitos casos para membros de Dáesh en chan europeo o paso previo á comisión de atentados. Nos últimos meses, o detido intensificara as súas publicacións nos perfís de redes sociais que administraba e nas que evidenciaba unha progresiva determinación xihadista e a súa adhesión a Dáesh.

As investigacións puideron determinar que o detido non se desprazou ata a zona de combate debido ás dificultades actuais que atravesa esta organización terrorista na súa matriz en territorio sirio, e pola falta de recursos suficientes para facerse cargo da súa familia en España cando el xa non estivese. Por estes problemas, o arrestado decidiu quedar en España e, "chegado o caso, levar a cabo acciones terroristas dentro das nosas fronteiras", destaca a Policía.

Da análise dos contactos que mantiña o detido a través de Internet, os investigadores constataron que se trataba de persoas vinculadas e integradas en Dáesh, que realizan labores de propaganda e captación en redes sociais para amplificar a mensaxe radical de chamamento á guerra santa, ademais de enxalzar constantemente a súa organización terrorista e a figura do muiahidin.

Ademais, un dos contactos en Siria do arrestado, que responde ás iniciais M.L., vertera ameazas contra España nos seus perfís de redes sociais pola participación do noso país na coalición que loita contra Dáesh.

A operación, supervisada polo xulgado de instrución número 1 da Audiencia Nacional e a Fiscalía, foi desenvolvida por axentes da Comisaría Xeral de Información, da Brigada Provincial de Información de Málaga e Valencia e efectivos do Grupo de Operacións Especiais (GOE) de Málaga.

Comentarios