A Policía Nacional detivo dúas persoas en Sevilla e Salamanca que realizaban comentarios en redes sociais nos que se alegraron da morte de Laura Luelmo, a nova profesora zamorana de 26 anos que foi asasinada en decembro en El Campillo (Huelva).
Segundo informa a Dirección Xeral da Policía, os detidos utilizaban varios perfís dunha coñecida rede social de intercambio de imaxes para publicar os comentarios vexatorios tanto sobre o crime da moza como contra os seus familiares.
Fontes da investigación detallaron a Efe que ambos os arrestados son de nacionalidade española e que non contan con antecedentes penais.
O detido en Salamanca, concretamente na localidade de Peñaranda de Bracamonte, ten 19 anos, en tanto que o outro arrestado en Sevilla ten 18 anos. Ambos foron postos en liberdade con cargos tras pasar a disposición xudicial acusados dos delitos contra a integridade moral e de coaccións.
Foi unha axente fóra de servizo a que descubriu estas publicacións o 19 de decembro, unha semana despois do asasinato. Posteriormente, os policías descubriron que os arrestados ían creando distintos perfís sociais, ata cinco distintos, conforme eran denunciados polos usuarios e pechados pola empresa xestora da rede social.
Tras numerosos labores de investigación lograron a identificación dun dos autores ao que detiveron a finais do pasado mes de marzo en Sevilla, a cidade onde residía. En abril identificaron ao outro home, que foi arrestado en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca).