Aos editores de dicionarios Vox "tócalles os narices" que exista un partido co seu nome

Preferirían que a súa marca non se asociase á política

Diccionario Vox. EP
photo_camera Dicionario Vox. EP

Os editores dos dicionarios Vox, con máis de medio século de traxectoria, admitiron este luns que lles "toca os narices" que exista un partido co mesmo nome, e preferirían que a súa marca non se asociase á política. "Nós non nos presentamos ás eleccións, dedicámonos a facer dicionarios, á cultura e á investigación", explicaron fontes da empresa. 

A editorial Vox, con sede en Barcelona e integrada no Grupo Anaya, está especializada desde hai décadas á creación de dicionarios monolingües e bilingües, entre eles de latín, a lingua na que o seu nome significa 'voz'. A mesma palabra que utilizou para denominarse o partido de Santiago Abascal, que este domingo irrompeu con forza nas eleccións andaluzas obtendo 12 escanos, cando se fundou en 2013. 

Segundo explican en dicionarios Vox, os seus servizos xurídicos estudaron a posibilidade de litigar pola marca tras a creación da formación política, aínda que finalmente descartaron esa opción. "Nós temos rexistrada a marca para editar libros, e prefeririamos que non existise un partido con ese nome", engaden recoñecendo que non lles interesa polemizar cunha formación política. 

A editorial barallou a posibilidade de litigar pola marca tras a creación da formación política, pero finalmente descartou esa opción

"Formamos parte do imaxinario colectivo de varias xeracións de estudantes que aprenderon cos nosos dicionarios", reivindican desde o Vox dos libros, que se define "multicultural porque traballamos coas linguas e detrás de cada a lingua hai unha cultura". No catálogo de diccinarios Vox figuran os clásicos de grego e latín, de idiomas estranxeiros como inglés, francés, alemán, chinés, italiano e portugués, pero tamén de todas as linguas cooficiais de España: galego, valenciano, eúscaro e catalán. 

Con todo, a pesar dunha extensa traxectoria de máis de medio século dedicada á formación e o estudo, os dicionarios Vox non puideron escapar ás bromas que xorden da súa homonimia cun partido político. "Por exemplo, o xornalista Jordi Évole dixo aquilo de que Vox era un partido con nome de dicionario", comentan desde a editorial, onde asumiron que o seu famoso slogan dos anos 70, "Necesitas un Vox", adquiriu novo significado. 

Comentarios