EE UU asegura ter probas que sitúan a orixe do coronavirus nun laboratorio

Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Mike Pompeo. ARQUIVO

O secretario de Estado de EE UU, Mike Pompeo, asegurou este domingo que o seu Goberno ten unha "enorme cantidade de probas" de que o novo coronavirus se orixinou nun laboratorio da cidade chinesa de Wuhan, algo que Pequín nega.

"Podo dicirlle que hai unha cantidade significativa de probas de que isto veu dese laboratorio en Wuhan", afirmou durante unha entrevista coa cadea ABC News. O secretario de Estado insistiu en que a cantidade de probas é "enorme" a pesar de que as axencias de intelixencia estadounidenses dixeron esta semana que aínda seguen examinando esa posibilidade e non chegaron a unha conclusión.

Pompeo chegou a dicir nun momento da entrevista que "os mellores expertos parecen pensar que (o coronavirus) foi fabricado polo home", unha idea que a Oficina do Director Nacional de Intelixencia de EE UU descartou rotundamente nun comunicado este xoves.

Cando a entrevistadora lle recordou ese punto, Pompeo pareceu corrixirse ao dicir que el está "de acordo con ese" consenso da comunidade de intelixencia e non ten "razóns para dubidar de que sexa correcto". Con todo, o titular de Exteriores dixo que non ten claro se o novo coronavirus foi liberado intencionadamente ou se foi un accidente no laboratorio de Wuhan.

Algunhas informacións apuntan a que a Casa Branca está a debater propostas para castigar a China pola súa xestión da pandemia

"O Partido Comunista Chinés segue bloqueando o acceso (aos seus laboratorios) ao mundo occidental, aos mellores científicos do mundo, para pescudar que ocorreu exactamente", subliñou. "Temos que entrar aí. Aínda non temos as mostras do virus que necesitamos", agregou.

Preguntado por se EE UU baralla tomar represalias contra China polos seus esforzos para "ocultar ao mundo" a gravidade da crise nas súas orixes, Pompeo insinuou que si, ao afirmar que Pequín "creou un risco enorme". "Imos facer que os responsables rendan contas, e farémolo cando nós decidamos", sentenciou.

Segundo informou esta semana o diario The Washington Post, a Casa Branca está a debater propostas para castigar a China ou esixirlle unha compensación financeira pola súa xestión da pandemia do Covid-19.

Mentres Washington afirma que o virus se orixinou nun laboratorio chinés, algunhas autoridades de China promoveron a teoría de que soldados estadounidenses introduciron a enfermidade durante a súa participación nos Xogos Mundiais Militares de Wuhan o pasado outubro, algo que EE UU rexeita.

Comentarios