Estados Unidos supera os 50.000 mortos polo coronavirus e Italia roza os 26.000

Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Ringleiras en Nova York para someterse ás probas do coronavirus. EFE

Estados Unidos pasou este venres o limiar dos 50.000 mortos por coronavirus, atendendo ao balance actualizado pola universidade Johns Hopkins, que cifra o número de contaxios en máis de 870.000. Mentres, o país con máis vítimas mortais en Europa, Italia, mantén a tendencia dos últimos días cun novo descenso no número de pacientes hospitalizados e de casos positivos activos, aínda que sumou outros 420 falecidos en 24 horas, o que eleva o total a preto de 26.000.

En EE UU morreron ata agora un total de 50.031 persoas, máis dunha sexta parte delas no estado de Nova York, foco nacional da pandemia con 16.388 mortos. O número exacto de contaxios confirmados ata o momento é de 870.468, e 80.937 persoas recuperáronse da enfermidade.

O número de tests realizados desde a declaración da pandemia aumentou de xeito significativo estes días, ata 4,6 millóns, que facilitaron ás autoridades sanitarias a identificación dos vectores de contaxio.

Ademais do custo humano, a pandemia ten un efecto devastador na economía norteamericana. Sumando os datos das últimas seis semanas pódese observar que a crise xerada polo coronavirus provocou a destrución de 26,7 millóns de empregos en Estados Unidos. 

E todo isto ocorre mentres colean unhas polémicas declaracións do presidente Donald Trump, que suxeriu o uso de desinfectantes para tratar o Covid-19. Tras a polémica, a Casa Branca acusou os medios de comunicación de distorsionar as súas palabras.

A Casa Branca acusa os medios de distorsionar as palabras de Trump

ITALIA. En Europa, os datos publicados este venres polas autoridades italianas confirman a tendencia descendente na aparición de positivos. Atendendo ás cifras de Protección Civil, ata a data confirmáronse 192.994 casos no país, dos que 106.527 están activos, 321 menos con respecto ao dato deste xoves. Os falecidos son xa 25.969.

Polo que respecta aos pacientes hospitalizados e na Uci, mantense igualmente a diminución constatada desde hai días. Así, hai 22.068 pacientes hospitalizados, 803 menos que a véspera, e 2.173 en coidados intensivos, 94 menos. Os casos restantes están nos seus domicilios asintomáticos ou con síntomas leves. Superaron a enfermidade 60.498 pacientes.

Un estudo publicado este venres polo Instituto Superior de Saúde (ISS) a partir de 4.500 casos rexistrados nos primeiros 23 días de abril revela que o 44% dos contaxios rexistrados no país produciuse en residencias de anciáns, un 24,7% nos fogares, un 10,8% nos hospitais e un 4,2% nos lugares de traballo. 

Comentarios