A exdeputada Irene Lozano, nova responsable de Marca España

A partir de agora denominarase España Global

Irene Lozano. EFE
photo_camera Irene Lozano. EFE

A exdeputada do PSOE e de UPyD Irene Lozano (Madrid, 1971) substituirá a Carlos Espinosa de los Monteros á fronte de Marca España, que a partir de agora denominarase España Global.

Segundo adiantan este martes El Mundo e El País, a escritora, xornalista e política, cuxo nomeamento podería acordarse no próximo Consello de Ministros, será a nova secretaria de Estado de España Global, en substitución do actual Alto Comisionado da Marca España.

Pedro Sánchez volve fichar a Irene Lozano, a quen incorporou ás listas do PSOE no Congreso como independente no posto número catro nas eleccións xerais do 20 de decembro de 2015, aínda que renunciou a concorrer de novo, cando se repetiron os comicios uns meses despois, xa en 2016.

Lozano fora deputada entre 2011 e 2015 por UPyD, en concreto foi o seu portavoz nas comisións de Asuntos Exteriores, Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Defensa, de Control parlamentario de RTVE e as súas Sociedades e para a Unión Europea.

A súa fichaxe en 2015 -unha das apostas persoais do presidente- provocou entón malestar en sectores do PSOE, ata o punto de que o dirixente estremeño Guillermo Fernández Vara chegou a reclamar a Lozano pedir perdón aos socialistas que se sentiron ofendidos polas súas críticas ao bipartidismo.

O proxecto Marca España naceu o 28 de outubro de 2002, e en novembro de 2011, o entón ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, resaltaba como prioridade potenciar esta institución como unha insignia do seu departamento e como un dos alicerces para superar a crise.

Comentarios