Falece o home de 87 anos atacado por seis cans en Siero, en Asturias

Os animais pertencían a un veciño ao que fora visitar

O home de 87 anos que este martes foi atacado no municipio asturiano de Siero por seis cans propiedade dun veciño ao que fora visitar faleceu no Hospital Universitario Central de Asturias (Huca), ao non poder superar as graves lesións. O ataque, que está a ser investigado pola Garda Civil, tivo lugar cara ás 11.45 horas deste martes na localidade de Arniella.

O Centro de Coordinación de Urxencias do Principado recibía minutos despois unha chamada de auxilio para reclamar atención sanitaria urxente para a vítima, E.C.D.

Tras o aviso, o Servizo de Atención Médica Urxente (Samu) enviou unha ambulancia co equipo de atención primaria de Noreña, integrado por médico e enfermeira, e polo camiño fíxose transferencia a unha Uvi móbil de Oviedo, que finalmente trasladou ao ferido "en estado moi grave" ao Huca, en Oviedo.

Co paso das horas, a súa situación foise complicando e pouco antes de 21.00 horas deste martes certificábase a súa morte.

A vítima presentaba varios rachos no seu corpo, sobre todo nos brazos, a consecuencia das mordeduras dos cans de raza mestiza. O caso está a ser obxecto de investigación por parte da Comandancia da Garda Civil de Xixón.

Comentarios