Falece o xornalista Arturo Escarda ao intentar rescatar a unha amiga

Traballaba para a Axencia Efe ► O suceso produciuse nunha praia de Lanzarote

O xornalista da Axencia Efe Arturo Escarda, que desde o ano 2011 desenvolvía o seu traballo na delegación de Moscova, faleceu afogado na praia de Famara de Lanzarote cando intentaba rescatar a unha amiga, segundo informaron fontes familiares.

Escarda, de 40 anos, morreu ao intentar rescatar a unha amiga na praia de Famara, situada na localidade de Teguise, onde fora cun grupo de amigos de vacacións.

Naceu en Rusia e criouse entre Moscova, Canarias e Madrid, onde estudou xornalismo.

Foi en Canarias, lugar ao que volvía con frecuencia, onde se formou como xornalista e onde traballou durante seis anos en medios como La Voz de Lanzarote, Archipiélago TV, Crónicas de Lanzarote e Televisión Canaria.

Os seus compañeiros defíneno como "un gran profesional" e "sobre todo unha boa persoa" que amaba a súa profesión e coñecía á perfección o seu país, as súas xentes e a súa cultura, o que transmitía nas súas informacións sobre Rusia.

Segundo indicaron a Efe fontes do servizo de urxencias, o suceso no que perdeu a vida Escarda produciuse ás 15.44 horas do venres.

Nun primeiro momento, os socorristas rescataron a catro persoas, dun grupo de seis que tiñan problemas na auga.

Un deles, o xornalista, estaba inconsciente e por iso practicáronlle unha reanimación cardiopulmonar (RCP).

Efectivos sanitarios chegados nunha ambulancia á zona continuaron coas manobras de reanimación, pero non puideron reverter a inconsciencia do bañista e finalmente confirmaron o seu falecemento.

Á zona desprazouse un helicóptero de urxencias para buscar aos outros dous bañistas, que finalmente foron rescatados pola policía local.

Un deles é unha muller de 35 anos que presentaba algunha dificultade para respirar, pero cuxo estado de saúde non reviste gravidade. 

Comentarios