O imitador italiano de Beiras

Angelo Ciocca, eurodeputado da Liga Norte, recorre ao 'zapatazo' do mesmo xeito que o veterano líder nacionalista galego ou o soviético Nikita Kruschev

Non foi o primeiro en usar o zapato para escenificar a súa protesta pero Angelo Ciocca, eurodeputado da ultradereitista Liga Norte, cobrou gran notoriedade estes días por 'pisar' os papeis do comisario Pierre Moscovici en repulsa polas obxeccións que Europa lle puxo aos orzamentos de Italia.

Antes fixérono Nikita Kruschev, que foi xefe de Goberno da URSS, na ONU en 1960; o nacionalista galego Xosé Manuel Beiras, entón portavoz do BNG, ante Manuel Fraga no Parlamento de Galicia (1993); un xornalista para recriminarlle a George W. Bush o seu papel na guerra de Iraq ou o político da CUP David Fernández, que esgrimiu unha sandalia contra Rodrigo Rato (2013).

Todos eles foron precursores do xesto de Angelo Ciocca, considerado o 'enfant terrible' da Liga Norte polos seus xestos politicamente incorrectos e os seus actos mediáticos, como aparecer acariñando a un asno ou golpeando unha máquina comecartos. Tamén intentou viaxar en patera desde Lampedusa ao norte de África cun grupo de parados italianos para lanzar unha mensaxe antiinmigración.

Sen estudos universitarios, foi axente inmobiliario. Empezou na política na cidade de Pavía, próxima a Milán, e moi pronto empezou a ser coñecido polas súas extravagancias e a ter tirón electoral. ¡Que trema Matteo Salvini!

Comentarios